‘Vaca e Boi de Galicia’, guía básica para explotacións

A carne da nova Indicación Xeográfica Protexida chegará ao mercado previsiblemente no mes de febreiro. Arredor de 200 gandarías solicitaron xa a súa inscrición e a demanda de información por parte das granxas interesadas en adherirse é continua. Repasamos cuestións claves a ter en conta

‘Vaca e Boi de Galicia’, guía básica para explotacións

Bois de 5 anos, en ensaios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ‘Vaca e Boi de Galicia’ está en vigor desde o pasado 1 de xullo, polo que xa leva máis de catro meses operativa. Durante este período, a demanda de información das granxas sobre a nova IXP foi continua e xa hai arredor de 200 gandarías que solicitaron a súa inscrición. Para o mes de febreiro, espérase que a primeira carne certificada de ‘Vaca e Boi de Galicia’ comece a chegar ao mercado. Será a partir de entón, cunha demanda xa firme dos consumidores e das industrias, cando se prevé un aumento da inscrición de explotacións na IXP.

Repasamos a continuación os principais puntos a ter en conta polas gandarías interesadas en sumarse a IXP ‘Vaca e Boi de Galicia’, para o que contamos coa colaboración de Antonio Xende, director técnico do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia. O Consello Regulador xestiona e certifica tanto a nova IXP como Ternera Gallega, que continúa funcionando como ata agora, sen cambios.

Requisitos de ‘Vaca e Boi de Galicia’

Animais nados, criados e sacrificados en Galicia. Se o animal naceu fóra de Galicia ou pasou parte da súa vida fóra da comunidade, non sería apto para a súa certificación. “Unha consulta habitual nas gandarías de frisón é sobre animais que proceden doutros países, como Francia ou Holanda, ou sobre animais que nacen en Galicia pero que pasan os primeiros meses de vida nun centro de recría de fóra da comunidade. Estes animais non se rexistran na IXP e a súa carne non pode comercializarse como Vaca e Boi de Galicia”, explica Antonio Xende.

Razas e cruces válidos. As razas aptas, en pureza ou cruzadas entre si, son: Rubia Galega, Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania, Frisona e Pardo Alpina.

Á hora da comercialización, poderanse establecer condicións para o uso de distintivos específicos de carnes ligadas á Rubia Galega ou ás Morenas Galegas (Cachena, Limiá, Caldelá, Frieiresa, Vianesa).

Tipos de animais: vacas que tiveran alomenos unha xestación antes do sacrificio e bois que superen os 48 meses no intre do sacrificio e que fosen castrados antes do ano de vida. Esixiráselles ás granxas documentación que acredite que o boi foi castrado antes do ano de vida: un certificado veterinario ou o DIB emitido durante o primeiro ano de vida do animal, no que conste como sexo: macho castrado; no caso das vacas comprobarase que tiveron alomenos un parto.

A carne comercializarase no punto de venda especificando se se trata de ‘Vaca de Galicia’ ou de ‘Boi de Galicia’.

Alimentación. A alimentación dos animais basearase no pastoreo, en forraxes en fresco ou conservadas e noutros recursos da explotación (cereais, gran, patacas, nabos). Alomenos o 80% das forraxes procederá de Galicia. Poderase complementar a alimentación con penso e palla. Cando a alimentación dos animais se complemente con pensos, estes deberán estar producidos en fábricas de penso que teñan asinado un acordo co Consello Regulador, para verificar que as materias primas son de orixe vexetal.

Período de acabado mínimo. Recoméndase un período de acabado de seis meses, de cara a garantir que existe unha ceba axeitada que permite que o animal teña a conformación e o grao de engraxamento precisos para ser certificado. En vacas, a conformación mínima é O (con exclusión da O-) e o grao de engraxamento 3, 4 ou 5. En bois, a conformación mínima é R, cun grao de engraxamento 4 ou 5.

Por tanto, desde a inscrición dun animal ata o seu sacrificio deberá pasar un mínimo de seis meses. Calquera animal sacrificado antes dese período non será certificado. Dado que a inscrición de gandarías na nova IXP comezou o 1 de xullo, espérase que a primeira carne certificada chegue ao mercado no mes de febreiro.

Os titulares das explotacións interesados en inscribir animais na IXP Vaca e Boi de Galicia deben solicitalo ao Consello Regulador, que pon a disposición distintos medios: teléfonos, páxina web ou aplicacións para móbiles da IXP Ternera Gallega. O Consello Regulador rexistra cada aviso de inscrición o día da notificación, que se considera como o día de inicio do período de ceba de seis meses a partir do cal as canais poderán optar á certificación. Un técnico do Consello Regulador visitará as granxas para dar de alta os animais que cumpran as condicións.

Período de supresión. Antes do envío dun animal ao matadoiro, debe terse en conta tamén que o período de supresión de calquera medicamento que se lle receitase ao animal será do dobre do establecido na lexislación vixente e en ningún caso inferior a 30 días.

Tipos de explotacións. Igual que en Ternera Gallega, establécense dúas categorías: gandarías que crían os animais que nacen na explotación e explotacións que se adican ao cebo de animais.

Controis

O Consello Regulador mantén un control de toda a cadea da carne, desde o produtor ata o punto de venda final, a fin de garantir que cada parte da cadea cumpre cos requisitos establecidos. A IXP ‘Vaca e Boi de Galicia’ busca así xerar confianza e transparencia, contribuíndo a evitar fraudes para o consumidor.

Os controis atinxen aos seguintes ámbitos:

Produtores: orixe do animal, tipo de animais e alimentación, para o que se farán inspeccións de campo e tomas de mostras.

Industrias: matadoiros e salas de despezamento de Galicia, inscritos nos rexistros do Consello Regulador, a fin de verificar que as canais e as pezas de carne cumpren as condicións establecidas para poder ser certificadas e que teñen o procesamento requirido polo Consello Regulador (período de maduración, etiquetaxe, non conxelación, etc.).

Nos matadoiros, os vedores do Consello etiquetan as canais que cumpren os requisitos e toman mostras de músculo de cada canal certificada, para verificar mediante probas de ADN que a carne que se presenta no mercado e na restauración como Vaca de Galicia ou como Boi de Galicia corresponde a unha canal certificada no matadoiro. Nas salas de despezamento verifícanse os procesos de elaboración, así como a documentación e as etiquetas de certificación utilizadas.

Etiquetaxe e comercialización nos puntos de venda, a fin de verificar que a carne se identifica correctamente e que non se producen fraudes, para o que se tomarán mostras de carne que permitan controlar a trazabilidade mediante probas de ADN, ao igual que xa se fai coa carne de Ternera Gallega.

Cotas da IXP ‘Vaca e Boi de Galicia’

O Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia estableceu unhas cotas que se detallan a continuación. Debe terse en conta que as granxas poden acceder a axudas públicas pola inscrición na IXP que cobren un mínimo do 80% dos custos. Esas axudas establécense para tódalas explotacións, salvo para aquelas que teñan menos de 10 animais aptos para a súa inscrición.

A cota págase unha vez cada cinco anos e refírese ao censo de animais aptos para inscribirse en ‘Vaca e Boi de Galicia’, con independencia de que a explotación opte por inscribir todos os animais á vez ou só unha parte.

Gandarías que crían os animais nados na explotación
– De 1 a 9 animais aptos: 30 euros / 5 anos.
– De 10 a 19 animais aptos: 60 euros / 5 anos.
– De 20 a 29 animais aptos: 80 euros / 5 anos.
– De 30 a 39: 100 euros / 5 anos.
– De 40 a 49 animais aptos: 120 euros / 5 anos.
– De 50 a 60: 140 euros / 5 anos.
– De 60 a 70 animais aptos: 160 euros / 5 anos.
(E así sucesivamente).

Cebadeiros
– 5 euros por animal rexistrado.

Perspectivas de mercado

Unha das incógnitas que teñen as explotacións é a relacionada cos prezos que acadará a carne certificada de Vaca e Boi de Galicia. O director técnico do Consello Regulador, Antonio Xende, é claro ao respecto. “As labores do Consello son o control, a certificación e a promoción da carne certificada, o Consello Regulador non controla nin manexa prezos”, subliña.

‘Vaca e Boi de Galicia’ enfócase a prestixiar a carne galega de vacún maior no mercado, evitando fraudes. “Un dos obxectivos da nova Indicación é garantir a orixe e o método de produción da carne, que se presentará ao consumidor cos certificados e coas etiquetas de certificación da IXP Vaca e Boi de Galicia. As carnes de Vaca e Boi certificadas serán as únicas que poden facer referencia a Galicia nas etiquetas e na presentación, isto contribuirá a eliminar produtos que viñan usando a referencia á orixe galega sen un control e verificación axeitados”, explica Antonio Xende.

“Coa redución das posibilidades de fraude, a carne de calidade certificada acadará unha mellor saída e unha mellor valoración por parte do consumidor, polo que indirectamente poderá incidir nun mellor prezo para os produtores”, valora.

Do mesmo xeito que no Mercado Nacional de Gando de Santiago de Compostela hai unha Mesa de Prezos da IXP Ternera Gallega, espérase a creación nos próximos meses dunha Mesa de Prezos da IXP Vaca e Boi de Galicia, que poida servir de referencia para produtores e industrias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información