UU.AA. denuncia a Lactalis ante o Ministerio por “impoñer” contratos á baixa

O sindicato anuncia tamén un boicot nas próximas semanas contra a multinacional francesa, a primeira industria en recollida de leite en Galicia, por quedar con 2 céntimos por litro que a distribución lle paga a maiores desde xaneiro para que os repercuta nos gandeiros

UU.AA. denuncia a Lactalis ante o Ministerio por “impoñer” contratos á baixa

Óscar Pose entregando a denuncia este venres no Rexistro da Xunta

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) presentou este venres unha denuncia ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura, contra a multinacional Lactalis por “impoñer” aos gandeiros un novo contrato con prezos á baixa.

O contrato, que se fará efectivo desde o 1 de agosto, afecta a uns 1.200 gandeiros galegos e suporá baixar o prezo actual uns dous céntimos, ata algo menos de 0,26 euros por litro. Lactalis é a principal industria láctea de Galicia, tanto por volume de leite recollido como por explotacións gandeiras coas que mantén contratos.

O responsable de servizos de Unións Agrarias, Óscar Pose, asegurou este venres tras entregar a denuncia no Rexistro da Xunta de Galicia que o novo contrato lácteo de Lactalis “rompe todo o que estaba establecido” na Lei da Cadea Alimentaria, xa que “impúxose aos gandeiros sen negociación, e presentouse sen tempo, pois o presentan unha semana antes de que expiren os contratos actuais2, o que deixa sen marxe de manobra aos gandeiros para buscar outra industria no caso de que non o acepten.

“De seguir con este sistema, Lactalis baixará o prezo todos os meses”

Ademais, Pose criticou que o sistema de indexación que utiliza Lactalis, o do Observatorio do Sector Lácteo, “está totalmente adulterado”, ao tomar como referencia principal os prezos medios pagos pola industria en Galicia nos últimos meses, “co que a industria se referencia a si mesma”. Por iso, UUAA pide tamén que a AICA “declare ilegal de forma inmediata” este sistema e propón que se utilicen outros índices máis obxectivos que teñen en conta os custos de produción e os prezos nos mercados internacionais, e que están acordados na Interprofesional Láctea (Inlac). Mentres tanto, o sindicato pide ao Ministerio que obrigue á empresa a que se use o prezo medio actual de Galicia (uns 27 céntimos).

“De seguir con este sistema, Lactalis sempre vai pagar por baixo do prezo medio de Galicia, cunha baixada progresiva todos os meses”, advertiu Óscar Pose.

Ademais, o responsable de Servizos de Unións Agrarias alertou de que co seu novo contrato Lactalis “vai arrastrar ao resto de industrias a unha baixada de prezos xeneralizada”.

Boicot contra Lactalis por non repercutir nos gandeiros os 2 céntimos que lle aumentou a distribución

Por outra banda, Óscar Pose anunciou que UUAA levará a cabo nas próximas semanas unha campaña de boicot contra as marcas fabricadas por Lactalis por non repercutir nos gandeiros os 2 céntimos que lle subiu a distribución por litro de leite tras as mobilizacións do sector en Galicia no pasado mes de decembro. “Estamos a falar de máis de 1 millón de euros, unha cifra que segue aumentando, que Lactalis retén nas súas contas e que é diñeiro dos produtores de leite galegos”, lembrou Pose.

A campaña de denuncia levarase a cabo tanto nas redes sociais como con actos reivindicativos nas principais zonas de produción da compañía e canles de distribucións. Buscará o apoio dos consumidores para que non adquiran produtos da multinacional francesa mentres non devolva o diñeiro que debe aos gandeiros.

Descarga aquí a denuncia presentada ante a AICA por Unións Agrarias ante Lactalis

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información