“Unir cooperativas é a vía para que os socios vexan un ‘plus’ no cooperativismo”

O director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, Higinio Mougán, analiza nesta entrevista as perspectivas de integración nas cooperativas galegas, que están en conversas para valorar as posibilidades

“Unir cooperativas é a vía para que os socios vexan un ‘plus’ no cooperativismo”

Higinio Mougán, director xerente de Agaca.

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) vén de celebrar a súa asemblea anual, un acto no que se incidiu sobre os dous principais retos que teñen por diante as cooperativas, como son a integración, vía fusións ou alianzas, e o reforzo da cultura empresarial e da competitividade das agrupacións. Falamos co director xerente de Agaca, Higinio Mougán, para analizar as perspectivas do cooperativismo en Galicia, con especial énfase no sector lácteo.

As cooperativas levades un tempo falando da necesidade de abordar un proceso de integración. Cales son as perspectivas agora mesmo en Galicia?
– Estamos animados. Son temas lentos, é preciso estudialos con calma, non caer en precipitacións e adoptar decisións con serenidade. Unirse por unirse, sen proxecto, ou sen ver se o proxecto é viable, non é o fin. Unirse é o camiño. O fin ten que ser viabilidade e visibilidade de resultados para socios e gandeiros.

“A maioría das directivas están convencidas de que a integración é o camiño. Agora queda acertar en como convencer ós socios e ó entorno”

É un proceso que non se fai fácil. A maioría das directivas das cooperativas están convencidas de que ese é o camiño. Agora hai que acertar en como trasladarllo e convencer ós socios e ó entorno das cooperativas. Para iso é fundamental ter un horizonte cuns obxectivos claros, no que as cooperativas estean comprometidas, e involucrar ós socios nese sentido.

Que vantaxes destacarías dun proceso de integración de cooperativas?
– Vantaxes todas. Unha integración ben artellada, na que non se perda a identidade cooperativa, ten un efecto multiplicador grande. En primeiro lugar, xenera máis competitividade e capacidade de investimento. Normalmente haberá unha maior profesionalización e capacidade innovadora, máis capacidade de xestión e máis potencial económico.

Cunha integración, aumenta tamén a posibilidade de acometer proxectos de transformación e comercialización, mesmo con miras no mercado internacional. En definitiva, trátase de captar un maior valor engadido no mercado para trasladarllo ós socios gandeiros. O fin último das cooperativas é fortalecer ós socios e, nun contexto como o actual, axudalos a aguantar mellor a crise, que é un plus que debe aportar o cooperativismo.

“As integracións comarcais tamén deben acometerse, áinda que as veces os localismos e historias pasadas pesan para construir o futuro”

Fálase de integracións a nivel galego, pero descendendo ás comarcas, con frecuencia hai cooperativas que se solapan e compiten no mesmo espazo. Como vedes esta situación?
– A integración comarcal sen dúbida tamén debe acometerse. Ás veces, os localismos e a historia pasada pesan moito para construir o futuro. Hai mesmo cooperativas que naceron ‘en contra’ de outras cooperativas, pero é básico que, pola vía das fusións, vaia quedando só unha única estrutura cooperativa por comarca. Débese acometer unha redución do número de cooperativas e un aumento do seu tamaño.

Se partimos de cooperativas comarcais potentes, unha integración sectorial de cooperativas é máis fácil e abordable. Son dous procesos complementarios. O camiño en canto á integración sectorial pode ser múltiple. Poden establecerse alianzas só para cuestións concretas ou apostar por unha fusión. No Norte de Europa callou este último camiño de xeito decidido, con cooperativas de miles de gandeiros. En Portugal e España é unha vía que mete máis medo, pero cada vez é máis viable.

Desde Agaca apostades pola implicación das cooperativas na industrialización do leite. Esperades máis avances nesta liña?
– Que as cooperativas asuman a transformación do leite é unha necesidade. En Europa, hai un compoñente cooperativo importante na industrialización e aquí non teremos un mercado organizado e estruturado en tanto non deamos ese paso. Hai xente que di que o tren xa pasou e que non aproveitamos as oportunidades. Sen embargo, se non asumimos a transformación, arrastraremos unha enorme debilidade no conxunto do sector lácteo galego. Non é sostible un sector lácteo galego cun peso das cooperativas na industrialización dun 10-12%.

“Non é posible un sector lácteo en Galicia se as cooperativas só representan o 10-12% na industrialización do leite”

Ata agora non houbo unha maior participación no proceso industrial, entre outras cousas, porque coas cotas lácteas, o gandeiro pensaba que a industria estaba obrigada a mercarlle o leite. Iso cambiou totalmente. Ou nos organizamos ou imos por mal camiño.

A intervención das cooperativas na transformación xeraría máis estabilidade de prezos e aumentaría a competitividade. Sería un paso que contribuiría a rematar co carácter especulativo de certos operadores que se están a aproveitar e a abusar da situación. O impacto positivo que tiveron en Rías Baixas e no Ribeiro as cooperativas vitivinícolas é un exemplo a ter en conta.

As cooperativas tedes constituida unha organización de produtores (OP), Aprolact, para negociar en conxunto a venda do leite ás industrias. Sen embargo, nunca chegou a funcionar. Cres que as OPs son unha vía morta ou hai posibilidades reais de negociar coas industrias?
– É evidente que a industria, no conxunto, non ten interese en potenciar unha estrutura que a poida limitar ou condicionar. As industrias teñen máis de 100 traballadores distribuidos no rural galego para que a xente non se una e non se coordine. Son os inspectores lácteos, que buscan facer ver que é mellor o trato directo con eles, que xa eles se encargan de mirar polo gandeiro. Con isto non quero dicir que non haxa industrias que fagan un bo labor de orientación e de asesoramento ás granxas, pero outras industrias están para confrontar.

“As industrias teñen a 100 traballadores no rural para que a xente non se una e non se coordine”

Hoxe en día ninguén negocia a venda do leite, que é unha situación ilóxica, con independencia de que o leite teña que subir ou baixar. Algún día o gandeiro darase de conta de que debe xogar o papel de dono do leite. Mentres a industria non produza leite, ten que contar co gandeiro.

“Do Consello de Agricultura de xuño teñen que saír medidas serias para afrontar a crise láctea”

Visto o fracaso das políticas europeas para afrontar a crise láctea, hai que mirar á Xunta e ó Ministerio de Agricultura en demanda de solucións propias para o caso español?
– Se algo temos todos claro a día de hoxe é o fracaso da Política Agraria Común en relación ó sector lácteo. Ben é certo que máis que de Unión Europea, habería que falar duns países, principalmente Holanda, Dinamarca e Alemaña, contra outros, os do sur de Europa. Os países do norte están ben organizados, estruturados e teñen esa ambición calvinista de ‘a ver se nos comemos ó sur’, en tanto o comisario de Agricultura, como é irlandés, está a amosar bastante deixadez.

“Os países do norte están organizados na produción láctea e teñen a ambición de ‘comerse’ ós países do sur”

Tampouco creo que ós países do norte lles vaia saír esa estratexia como pensan. É certo que non temos a mesma organización nin estrutura, pero se algo demostramos, é que a capacidade de resistencia dos gandeiros está fóra de toda dúbida.

Eu agardo que o vindeiro Consello de Ministros de Agricultura, que se celebra este mes, sexa alomenos quente e que saia de alí unha proposta decente. Se non fose así, hai que dicir claro que temos incompetentes como ministros de Agricultura.

“Se non sae unha proposta decente do próximo Consello de Agricultura, temos que dicir claro que temos incompetentes de ministros de Agricultura”

Non ten pés nin cabeza que pretenderan aplicar o artigo 222, que permite a regulación voluntaria da produción de leite, sen unha dotación presupostaria para incentivar esa redución de entregas. Con maior ou menor presuposto, do Consello de Agricultura de xuño ten que saír un mandato claro para que a Comisión Europea afronte unha saída á crise do sector lácteo.

A situación ata o de agora foi un sálvese quen poida, con escenarios fóra de lugar, como gandeiros enfrontados por países ou por comunidades autónomas. Ou nos queremos cargar o sector lácteo ou este mes teñen que quedar asentadas unhas bases serias e rigurosas para saír da crise.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información