Unións reclama unha subida do prezo da uva na provincia de Ourense

Publicidade
Unións reclama unha subida do prezo da uva na provincia de Ourense

Unións reclama unha suba de prezos da Uva porque a colleita se prevé un 60% inferior

O sindicato Unións Agrarias calcula que nesta vendima haberá un descenso do 60% da colleita de uva na provincia de Ourense, incluíndo as denominacións de orixe Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra, esta última compartida coa provincia de Lugo. A principal causa son as xeadas de finais de abril, que danaron boa parte dos viñedos ourensaos, e en menor medida a pertinaz seca.

Así o adiantou o responsable de Agricultura de Unións, Xosé Ramón González, nunha rolda de prensa celebrada este xoves. No conxunto da Galicia o descenso prevese menor, debido ás boas expectativas en Rías Baixas, a principal denominación de orixe da comunidade, que prevé incrementar nun 12% a colleita de uva.

Sen embargo, Xosé Ramón González advertiu de que en Ourense “este ano será a peor vendima que se lembra en moito tempo”, e elevou a caída da produción ata o 50% na Ribeira Sacra e O Ribeiro; un 60% en Valdeorras e o 75% Monterrei.

Ante esta situación, desde Unións denuncian que a Consellería do Medio Rural non estableceu unha liña de axudas directas por hectárea, tal e como reclamaron en diversas mobilizacións, e tampouco accedeu a reunirse con eles.

Neste sentido, Xosé Ramón González informou de que están a ultimar unha recollida de sinaturas para reclamar axudas directas para os afectados.

“O prezo da uva ten que aumentar e hai que controlar a entrada de uva foránea”

Por outra banda, o representante de Unións lembrou que o prezo da uva xa se debería estar a negociar entre as adegas e os viticultores e que este ten que aumentar xa que hai un 60% menos de produción. Ademais, reclamou controis para evitar que entre uva foránea que prexudique aos viticultores galegos.

As exportacións de viño español rexistran o seu mellor primeiro semestre da historia

As exportacións españolas de viño alcanzaron no primeiro semestre unha facturación de 1.320,7 millóns de euros, con crecemento do 6% respecto ao mesmo período do ano anterior, o que implica un novo récord histórico.

A pesar de vender algo menos de viño en volume (1.116 millóns de litros con caída do -0,7%), os datos de Aduanas analizados polo Observatorio Español do Mercado do Viño mostran que a mellora do prezo medio das exportacións españolas de máis do 6,7%, permite un crecemento sostido da facturación.

Menores vendas de viños a granel, particularmente do máis básico sen ningún tipo de indicación aínda que mellorando as de graneis de calidade con indicación do varietal, xunto con crecemento de máis do 5% nas vendas de viños envasados e do 24% nas de espumosos e cava, impulsan esta mellor facturación, que permite aumentar en case 75 millóns de euros as exportacións do período.

Por cores, entre os viños envasados compórtanse este ano mellor os viños brancos que os tintos e rosados, con crecemento do 9,3% para a primeiros fronte ao 3,8% dos segundos. Pola contra, entre os viños a granel, son os tintos e rosados os que protagonizan o crecemento tanto en valor como, particularmente, en volume pola forte diminución das exportacións de graneis brancos.

China dispara as súas importacións de viño español e no Reino Unido empézase a sentir o Brexit

Entre os mercados, o crecemento do primeiro semestre está liderado principalmente por China, con crecemento de máis de 21 millóns de euros equivalentes ao 28,9% no período, Canadá, con aumento de case 10 millóns e un 23,6%, e a recuperación de vendas en Portugal onde as exportacións aumentan un 21% en valor. Mercados tradicionais como Alemaña, EE.UU. e Francia crecen igualmente aínda que a ritmos máis lentos (3,9%, 4,7% e 5,7% respectivamente), mentres o Brexit deixa sentir os seus efectos sobre as exportacións de viño español no mercado británico, que caen un 3,2% en euros a pesar da lixeira subida do 0,4% en litros durante este primeiros seis meses do ano.

O Observatorio Español do Mercado do Viño conclúe que “a análise destes datos mostra que a mellora do valor das exportacións do viño español resulta como consecuencia de producións estables, unha mellor adaptación ás necesidades dos mercados, progresión continuada dos viños envasados, melloras na distribución, diversificación de mercados e a progresiva transformación do viño a granel cara a produtos de calidade e maior prezo medio”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información