Unións pide que a Xunta poña orde nos contratos e prezos do leite

A organización agraria advirte dun pacto industrial para fixar un prezo base común en 28 céntimos. Demanda tamén un maior control sobre as ofertas da distribución

Unións pide que a Xunta poña orde nos contratos e prezos do leite

Óscar Pose e Roberto García nunha rolda de prensa.

“Gandeiros e industrias estamos nun terreo de xogo onde o árbitro se adica a mirar para outro lado en lugar de arbitrar”. Así resume o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, o escenario que se vive nas últimas semanas no agro coas ofertas de renovación de contratos que lle están presentando as principais empresas lácteas ós gandeiros.

A organización agraria advirte de que hai un “pacto” para fixar un prezo base común en 28 céntimos. A primeira industria en mover ficha foi Lactalis, que subiu de 27 a 28 céntimos. Celta seguiu ese movemento e tamén pasou a 28 céntimos de prezo base, se ben no caso da láctea portuguesa as súas primas por volume son máis elevadas.

Capsa (Larsa), pola súa parte, mantén tamén o seu prezo base en 28 céntimos, válido para o 70% das entregas, en tanto o prezo B, que corresponde ó 30% das entregas, continúa referenciado ós produtos lácteos industriais.

A recuperación de mercado nos últimos meses xerara expectativas de maiores aumentos nos prezos do leite no campo. Unións mesmo asegura ter constancia de que algunha industria tiña plans para subir un mínimo de 2 céntimos, aínda que ao final todas optaron pola contención e por un movemento común de deixar o prezo base en 28 céntimos.

Indexación dos contratos
Con todo, o que máis molesta á organización agraria, son os sistemas de indexación de prezos que está a usar Lactalis nos seus contratos, pois entende que emprega índices de referencia que trampean a situación real do mercado.

Tamén sinala a organización agraria que hai industrias que están comezando a elaborar contratos referenciados ós índices do Observatorio Galego de Prezos, que ofrece uns datos ós que Unións lles recoñece escasa validez.

“O Observatorio mestura o que pagan as grandes industrias co que pagan os primeiros compradores, que tiran os prezos á baixa. O Observatorio debería ofrecer dous índices, un do que pagan as industrias e outro do que pagan os intermediarios, que son tratantes do leite”, valora Roberto García, que este venres ofreceu unha rolda de prensa acompañado de Óscar Pose.

“O decreto de cesión de prezos demostra que non chega con lexislar, hai que ter vontade política de actuar”

Outro dos problemas da cadea de valor do leite sitúase nos supermercados. O sector vén advertindo desde hai anos de que os grupos da distribución exercen unha presión á baixa dos prezos, principalmente a través das poxas para contratar o envasado das súas marcas brancas.

Para correxir esa situación, o Ministerio de Agricultura lexislou no 2016 un decreto que obrigaba ás industrias a informar á Administración dos prezos ós que lle venden o leite ás distintas cadeas de distribución. Con eses datos, esperábase que o Ministerio puidese actuar para sancionar ós grupos de supermercados que apretasen en exceso. Tamén se agardaba que fixera públicos os datos agregados, de xeito que o sector puidese valorar a situación na que se atopa a cadea de valor do leite.

Agricultura evita informar sobre as cadeas de supermercados que presionan os prezos á baixa. Tampouco hai constancia de sancións

Nada diso sucedeu. Nin organizacións agrarias nin cooperativas teñen constancia de que o decreto tivese ningunha consecuencia práctica. Tampouco o Ministerio está a ofrecer ningún dato de utilidade. O secretario xeral de Unións, Roberto García, resume a situación: “O decreto de cesión de prezos estase a demostrar inútil porque non hai vontade política de actuar”.

Desde Cooperativas Agroalimentarias de España comparten un diagnóstico similar. “Esperabamos que o decreto tivese un efecto pola vía de multas e pola vía de facer público o nome das cadeas que presionasen os prezos á baixa, de xeito que lles afectase a súa reputación, pero o Ministerio non está actuando en ningunha destas liñas”, valora o responsable de Gandería de Cooperativas, Fernando de Antonio.

Ferramentas políticas
Unións Agrarias, por último, lembra a recente viaxe a Madrid do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e lamenta que non se reunise coa ministra de Agricultura para pedirlle que se avanzase na sostibilidade da cadea do valor do leite.

“O acordo lácteo establece que o prezo que a distribución lle paga ás industrias debe ser sostible e que o prezo que a industria lle paga ó gandeiro debe ser sostible, pero a Administración, que se comprometeu a arbitrar ese acordo, está a mirar para outro lado” -cuestiona Roberto García.- “Esta é a lexislatura do rural que anunciou Feijoo”, conclúe o secretario xeral de Unións, que tamén demanda maior axilidade no decreto que obrigará a identificar a orixe do leite nos supermercados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información