Unións pide que se inicien as batidas contra o xabarín para salvar o millo

O presidente da Federación Galega de Caza e as súas federacións provinciais asumen nunha reunión coa Xunta o compromiso de intensificar a presión sobre esta especie cinexética

Unións pide que se inicien as batidas contra o xabarín para salvar o millo

Finca de millo estragada polos xabaríns

Unións Agrarias insta a cazadores e á Consellería de Medio Ambiente, a que se coordinen para o inmediato inicio da caza do xabaril. Segundo establece a Orde anual da Consellería de Medio Ambiente, que determina as épocas hábiles de caza para 2016-2017, o xabaril en terreos de réxime cinexético especial, que dependen dos TECOR e Sociedades de Caza, poderá cazarse os xoves, sábados, domingos e festivos desde o 27 de agosto de 2016 ata o 15 de xaneiro de 2017, nas modalidades de batida, montaría e espera.

O sindicato agrario considera que “o inmediato inicio das batidas é fundamental para protexer o cultivo de millo forraxeiro, do que Galicia é a principal produtora de España con máis de 65.000 hectáreas cultivadas, e do que depende a viabilidade económica das ganderías de leite e carne”. Pero o xabarín non só provoca importantes estragos no millo forraxeiro, senón que tamén en pastos, horta e viñedo, tanto de profesionais como en cultivos de tipo familiar, “o que xa é un problema social de primeira orde no rural galego”.

Unións: “Hai que asignar un cupo por cada Tecor e cumprilo”

Neste sentido, Unións Agrarias insiste na necesidade de controlar as poboacións de xabaril durante a temporada de caza, esixindo de cada Tecor a asignación e cumprimento dun cupo real de animais que estabilice as mandas de xabaríns nas zonas de responsabilidade de cada Tecor, complementadas con intervencións decididas de control de danos durante a época de veda, que coincide cos períodos máis sensibles dos principais cultivos agrarios do país, como o millo forraxeiro.

A Federación Galega de Caza comprométese a intensificar a presión sobre o xabaril

Pola súa parte, a Xunta de Galicia, a través das consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Medio Rural, vén de solicitar a colaboración dos cazadores para intensificar a acción cinexética sobre o xabaril, co fin de evitar os danos nos cultivos que esta especie está a ocasionar, sobre todo naquelas zonas nas que se rexistraron un maior número de incidencias.

En concreto, a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, e de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén Do Campo, mantiveron o martes da pasada semana unha reunión co presidente de Federación Galega de Caza, Javier Nogueira Diz, ao que lle trasladaron esta decisión para paliar os danos que o xabaril está provocando e dos que se veñen tendo coñecemento nas últimas semanas.

O presidente da Federación Galega de Caza e as súas federacións provinciais asumiron nesta reunión o compromiso de intensificar esta presión sobre esta especie cinexética, unha medida compatible e lóxica dada que xa está aberta a tempada de caza.

“Deza, A Mariña, interior da Coruña e de Ourense e sur de Lugo, zonas prioritarias”

No encontro os membros da Federación trasladaron que esta presión debe exercerse sobre todo naqueles puntos conflitivos, onde o xabaril está a ocasionar un maior dano. Segundo os últimos datos dispoñibles, as zonas con maior densidade de poboación da especie concéntranse no interior da Coruña e comarca de Ferrolterra, na Mariña, na comarca do Deza e en zonas do sur de Lugo e interior de Ourense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información