Unións dubida de que a multa ás industrias lácteas sirva para perseguir prácticas delitivas

A organización agraria teme que só se trate dunha medida recaudatoria e que queden sen resolver as trabas para negociar os prezos do leite. Tamén desconfían de que a sanción repercuta nos gandeiros

Unións dubida de que a multa ás industrias lácteas sirva para perseguir prácticas delitivas

Logo de que Competencia confirmara o venres pasado a multa de 80,6 millóns de euros a varias industrias lácteas, no sector hai preocupación polas consecuencias que a decisión traia. Dende Unións Agrarias, o seu secretario xeral Roberto García, amosaba as súas dúbidas en canto ó que esta sentenza supón para a situación dos gandeiros fronte ás industrias.

García puntualiza que esta sentenza pouco ten que ver coa denuncia inicial que facía Unións Agrarias sobre as dificultades que se lle presentaban ós gandeiros para cambiar de empresa por parte das industrias e a actitude da distribución con respecto á concertación dos prezos na marca branca. Incide en que, no seu momento, a denuncia pretendía darlle transparencia ó proceso de formación de prezos do leite e igualar as negociación entre industria e produtores.

“Esta sentenza ten pouco que ver co que é perseguir prácticas delitivas na formación de prezos e só busca refacer o que no seu momento fixeron mal, ademais de ter un afán de recadación que non resolve a situación”, indica García.

O problema persiste

O responsable de Unións apela a enfocar novamente esta problemática que seguen a afrontar os gandeiros. Por iso, García insta á Comisión Nacional da Competencia a traballar por conseguir unha formación de prezos transparentes e “máis que reabrir un expediente, Competencia debería fixarse nas prácticas da distribución, que segue a empregar o leite como un produto reclamo que forza a vender a perdas”, concreta García.

Tamén indica que boa parte dos contratos entre as industrias e os gandeiros seguen a deixar ós produtores nunha situación de indefensión. “Se Competencia revisa os contratos asinados comprobará que se trata de contratos de adhesión pola recollida do leite, con prácticas abusivas e sen ningún tipo de negociación, senón unha imposición de prezos ós gandeiros”, denuncia.

Repercutir sobre os gandeiros

Pola súa banda, dende a Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA), a matriz estatal de Unións Agrarias, tamén incidían en que pese a que a sentenza lle dá a razón ós gandeiros, temen que as industrias sancionadas busquen repercutir agora a sanción nos prezos pagados ás granxas.

A organización pídelle tanto a Competencia coma ó Ministerio de Agricultura que “vixíen moi de preto ó cartel lácteo para que non repercutan a multa nos máis débiles: os gandeiros ou mesmo nos consumidores”.

Recorrer á Audiencia Nacional

Pola súa banda, as empresa condenadas amosan a súa disconformidade coa sentenza de Competencia. Algunhas delas xa confirmaron a esta redacción a súa vontade de recorrer a sentenza ante a Audiencia Nacional xa que por vía administrativa non cabe recurso. Así, firmas como a Corporación Alimentaria Peñansanta (Capsa) ou o Grupo Lactalis Iberia recorrerán o fallo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información