Unións denuncia que o acordo lácteo estase incumprindo e apela á Administración a que actúe

A organización agraria asegura que o Decreto de Xurros do Ministerio “non ten base legal nin científica” e anuncia que o recorrerá ante a xustiza.

Unións denuncia que o acordo lácteo estase incumprindo e apela á Administración a que actúe

De esquerda á dereita: Javier Iglesias, Lorenzo Ramos e Roberto García

O sindicato Unións Agrarias advirte de que as ganderías de vacún de leite de España, e en especial as de Galicia, atópanse nunha situación de vulnerabilidade se se volve producir unha nova crise de prezos do leite como a de 2015. E atribúeno a que industria, e de maneira especial, a distribución, incumpriron o acordo lácteo asinado hai dous anos e medio, precisamente para que aquela situación non se volvese repetir.

Así o asegurou este mércores en rolda de prensa en Santiago o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, quen estivo acompañado polo responsable de gandería do sindicato, Javier Iglesias, e polo secretario xeral da Unión de Pequeños Agricultores (UPA), Lorenzo Ramos.

Como principais incumprimentos que lastran a sustentabilidade do sector, Roberto García citou que “segue sen indicarse por lei a orixe do leite, tanto no brik como nos derivados lácteos, malia que o Ministerio de comprometeu a elo”. Países como Francia, Portugal ou Italia xa obrigan a incluír na etiquetaxe onde foi producido o leite, para garantir o dereito á información do consumidor e evitar fraudes.

Outro punto clave no que o Acordo Lácteo está a ser papel mollado é que “segue sen existir sustentabilidade económica da cadea de valor, ou só para algunhas partes: porque si que se prohibe que a distribución venda a perdas, pero iso non se traslada nin á industria nin aos gandeiros”. “É dicir, non é ilegal que a industria obrigue ao gandeiro a vender o litro de leite a 20 céntimos, nin que a distribución force á industria a que lle venda o brik a 45 céntimos, e ademais ese produto será vendido ao consumidor co selo de Producto Lácteo Sostenible (PLS) do Ministerio de Agricultura”, criticou o secretario xeral de UUAA.

Roberto García: “Pode repetirse esta primavera o de primeiros compradores pagando o leite a 20 céntimos en Galicia”

O terceiro incumprimento é o do compromiso de regular os primeiros compradores, unha figura especialmente presente en Galicia. Así, Roberto García advertiu de que “a Administración, sobre todo a Xunta, segue sen esixir a estes tratantes do leite dispor dun aval que protexa aos gandeiros en caso de impagos”.

Con este escenario de incumprimento do acordo lácteo, o responsable de Unións advertiu de que o sector produtor de leite segue estando nunha situación de gran vulnerabilidade se se volve producir unha baixada de prezos do leite como a de 2015. “Malia que os prezos dos contratos para este ano parecen que seguirán sen cambios, se seguimos cun mercado no que o consumo interno de leite non se recupera, a produción segue aumentando e os almacéns están ateigados de leite en pó, na primavera podemos volver atopar primeiros compradores actuando como testaferros da industria e mercando leite polo rural galego a 20 céntimos”, advertiu Roberto García.

Ante esta situación, demandoulle ao presidente da Xunta que “cumpra o seu compromiso persoal co sector lácteo cando anunciou que a Xunta publicaría un decreto galego de primeiros compradores se o Ministerio non o facía”.

“O decreto de xurros é ilegal e non ten base científica”

Por outra parte, o secretario xeral de Unións advertiu de que o decreto de xurros do Ministerio, que penaliza para cobrar a PAC o esparexido con sistemas de prato, abano ou canón, “non ten base científica e ademais é ilegal”.

Así, asegurou que “na condicionalidade das axudas da PAC non se inclúen as emisións de amoníaco ao aire para cumprir o Protocolo de Paris, e polo tanto non se pode penalizar por iso aos gandeiros”. “É arbitraria e ilegal a normativa do Ministerio e, se non a recorre a Xunta, farémolo nós”, advertiu.

Ademais, Roberto García lembrou que en canto ás fontes de emisións de amoníaco en España “a agricultura e a gandería son responsables só do 30%, e destas o 68% corresponden a fertilizantes de síntese, unha industria con moito poder á que o Goberno non toca. E se analizamos a parte dos xurros gandeiros, a maioría das emisións, o 17%, corresponden ao sector porcino, o 9% ao vacún de carne e só o 4% ao vacún de leite, que , sen embargo, é o que resulta máis perxudicado”.

Axudas da PAC: Non á cofinanciación nacional e que as axudas vaian para os agricultores e gandeiros activos

Por último, Roberto García tamén se referiu á reforma da PAC que se aveciña tras o Brexit e o novo marco orzamentario da Comisión Europea a partir do ano 2020.

Neste sentido, demandou que as axudas se destinen únicamente aos agricultores e gandeiros en activo e que o goberno de España se opoña tanto a un recorte do orzamento da PAC como a que sexa cofinanciada con axudas propias dos estados membros. “Se xa hoxe un gandeiro francés cobra de media o triplo de axudas que un galego, coas axudas estatais a competencia desleal sería maior nun mercado que se di único”, advertiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información