Unións Agrarias inicia en Lugo a campaña contra Lactalis

A organización convoca un acto este venres ás 12 horas ante o supermercado Gadis do Ceao para animar ós consumidores a boicotear as marcas da multinacional gala

Unións Agrarias inicia en Lugo a campaña contra Lactalis

Imaxe do bloqueo do ano pasado ante a factoría de Lactalis en Lugo./ Arquivo.

Lactalis, a industria láctea que recentemente sufriu un bloqueo dos gandeiros en Francia, enfróntase tamén desde esta semana con problemas en Galicia. Unións Agrarias vén de anunciar que este venres iniciará unha campaña de boicot contra as marcas que emprega a cadea francesa (Puleva, President e Lauki, entre outras). O primeiro acto desenvolverase o venres ás 12 do mediodía ante o supermercado Gadis do polígono do Ceao (Lugo).

A organización agraria distribuirá información entre os consumidores e tratará de acceder ó interior do establecemento para marcar os produtos de Lactalis que se comercializan na cadea. Os gandeiros protestan así contra a actitude que a industria gala, a principal recolledora de leite na comunidade, mantén coas granxas galegas.

Os gandeiros piden a retirada dos actuais contratos e unha recuperación dos prezos do leite

As reivindicacións dos produtores céntranse no aspecto económico e nas relacións contractuais. Queren que Lactalis retire os actuais contratos de compra venda de leite, que están a levar a caídas encadeadas de prezos, e que ofreza uns contratos cunha mellora das cotizacións do leite nos últimos meses do ano.

En Francia, tras as protestas gandeiras, Lactalis aceptou abonar unha media de 29 céntimos por litro nos últimos 5 meses do ano. En Galicia está a pagar actualmente no entorno dos 26 céntimos, segundo as organizacións agrarias.

O último punto de desacordo son os arredor de 2 millóns de euros que Unións Agrarias asegura que Lactalis lle está a reter de xeito indebido ós produtores. A organización lembra que desde decembro, as cadeas de distribución estánlle pagando cartos a maiores á industria coa encomenda de trasladarllos ós gandeiros. Unións sostén que Lactalis estase a quedar con eses cartos e planea unha denuncia por vía penal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información