Unións Agrarias cuestiona a orde de convocatoria de eleccións nos Consellos Reguladores

A organización considera que a Xunta quere facilitar a presentación ós comicios de “asociacións pantalla do PP”. Os seus servizos xurídicos preparan un recurso contencioso administrativo

Unións Agrarias cuestiona a orde de convocatoria de eleccións nos Consellos Reguladores

As eleccións ós Consellos Reguladores desenvolveranse en xullo.

As eleccións ós distintos Consellos Reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas, que se desenvolverán o próximo mes de xullo, chegan con polémica. Unións Agrarias cuestiona a orde de convocatoria dos comicios, publicada o pasado 5 de abril no Diario Oficial de Galicia. A organización considera que a Xunta quere facilitar a presentación ás eleccións de “asociacións pantalla do Partido Popular”.

A disconformidade de Unións radica no artigo 8 da orde de convocatoria das eleccións, xa que abre a man a que no censo de produtores primarios se presenten asociacións profesionais distintas das tradicionais organizacións agrarias.

Unións entende que a orde da convocatoria adáptase ó desmantelamento de Xóvenes Agricultores – Asaja Galicia

O secretario de Agricultura de Unións, José Ramón González, interpreta que o cambio vén motivado polo desmantelamento en Galicia de Xóvenes Agricultores, primeiro, e de Asaja Galicia, en concurso de acreedores desde o pasado ano, nunha segunda fase. “Trátase así de facilitar a presentación ás eleccións de asociacións locais, pantalla do PP e sen peso no sector produtor, pero ese é un atallo moi perigoso”-valora González.- “Poderíase dar a circunstancia de que unha adega cree unha asociación cos seus proveedores para presentarse ós comicios”, cuestiona.

Unións Agrarias avoga por manter a esencia do proceso electoral. “Nos Consellos Reguladores ten que haber unha representación paritaria na que participen cooperativas, organizacións sindicais e a parte transformadora. Esa é a esencia, outra cousa sería desvirtuar os Consellos”, cuestiona. “Nós non queremos impedir que no censo de produtores se presente ninguén que teña dereito, pero se non se trata dunha organización profesional agraria recoñecida como tal, terá que recoller o 10% de sinaturas do censo para avalar a súa candidatura, tal e como viña esixindo a normativa”, defende.

Contencioso administrativo
Logo de que a Xunta desestimara as alegacións de Unións á orde de convocatoria das eleccións, os servizos xurídicos da organización agraria preparan un recurso contencioso administrativo. Unións sinala que a orde de convocatoria está en contradicción co Decreto 4/2007, pola que se viñan rexendo as eleccións nos consellos reguladores.

Denominación de orixe Ribeira Sacra
Unións Agrarias tamén está en desacordo coas condicións das eleccións no caso concreto da denominación de orixe Ribeira Sacra. A organización entende que se quere laminar a presenza dos produtores no Consello Regulador, xa que se reserva un vogal para agricultores sen actividade e outros dous para grandes explotacións (en mans fundamentalmente de adegas, segundo Unións). Para o resto de produtores con actividade quedarían outros tres vogais.

A configuración do censo de produtores na Ribeira Sacra -interpreta a organización- constitúe un intento de entregar ás adegas o “control total” da denominación de orixe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información