Unións Agrarias cuestiona a sanción de Competencia ás industrias lácteas

A Comisión Nacional de Mercados y de Competencia ultima un expediente sancionador contra 15 empresas por reparto de mercados e pacto de prezos.

Unións Agrarias cuestiona a sanción de Competencia ás industrias lácteas

As principais industrias lácteas están no punto de mira de Competencia.

O sector lácteo observa con preocupación a multa que se prepara para 15 industrias lácteas por supostamente pactar prezos e repartirse o mercado de aprovisionamento entre os anos 2000 e 2013. Unións Agrarias teme que a sanción ás industrias remate finalmente no peto dos gandeiros e pregúntase como é posible que se persiga ás empresas fabricantes e non á distribución, á que acusa de alterar toda a cadea de valor do sector lácteo con vendas a perdas e con prezos ‘gancho’.

A Comisión Nacional de Mercados y de Competencia iniciara un expediente sancionador contra 8 industrias lácteas no 2012, logo ampliado a outras 7 firmas no 2014, e contra 2 asociacións rexionais. Entre as empresas investigadas figuran todas as grandes firmas do sector, caso de Lactalis, Puleva ou Central Lechera Asturiana, así como diversas empresas galegas ou con sede en Galicia, caso de Leite Río ou Leche Celta. O expediente concluirá presumiblemente a finais deste mes de febreiro con fortes sancións para o sector industrial, según a información publicada esta fin de semana polo diario El Mundo.

Ante esta situación, Unións Agrarias, en nota de prensa remitida onte, pregúntase como é posible que Competencia non persiga as prácticas da distribución –salvo con sancións “irrisorias” de 3.000 euros a cargo dos gobernos de Cantabria e Murcia-; en tanto as industrias poderían ser sancionadas ata cun 10% da facturación do ano 2014, segundo a información de El Mundo.

Para a organización agraria, Competencia trata de resolver as contas do Estado con este tipo de medidas. Unións aposta por outro tipo de solucións: “Tivera sido máis positivo para o sector lácteo a aplicación do mecanismo coñecido como ‘Terminación convencional’, establecido na lei de defensa da competencia. Esta fórmula permitía que se resolveran os expedientes con compromisos ofrecidos voluntariamente polo presunto infractor, sen necesidade de que se impoñan sancións”.

Con ese mecanismo desde a organización agraria entenden que as explotacións lácteas se poderían ver beneficiadas; en tanto que coa sanción, Unións considera que os que poden rematar pagando a multa son os gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información