Unións Agrarias advirte dun incremento de roubos durante a corentena

A organización agraria pídelle á Delegación do Goberno que incremente a vixilancia nas aldeas e vilas, logo de que se producisen roubos de apeiros agrarios e mesmo gando en distintas localidades

Unións Agrarias advirte dun incremento de roubos durante a corentena

Gando nos pastos. / Arquivo.

Unións Agrarias advirte dun incremento de roubos que se está a dar no rural galego, coincidindo coa limitación de movementos derivados do Estado de alarma. Trátase de delitos que teñen por obxectivo os pendellos e cortes que se atopan a certa distancia dos núcleos habitados, polo que a ausencia de veciños preto facilita a comisión do delito.

A organización agraria apunta que está a recibir na súa rede de oficinas constantes queixas por parte dos afiliados polos recorrentes roubos de apeiros e gando nalgunhas aldeas e vilas. Así, en Avión (Ourense) produciuse o roubo dun touro e varias vacas en días pasados, mentres que en Lalín tamén se denunciaba o roubo de colmeas e cordeiros a varios veciños, como recollía a prensa local.

Os pastores eléctricos ou as placas fotovoltaicas están a ser algúns dos obxectos máis substraídos. Tamén se están dando casos onde os ladróns levan todos aqueles apeiros que atopan, mesmo aínda que só sirvan para comercializar como chatarra. “A menor presencia de persoas no espazo público provoca que os delincuentes se sintan máis seguros na súas actividades ilegais pola falta de testemuñas ou denuncias”, apuntan dende Unións.

Reforzar a seguridade no rural

Unións Agrarias dirixiuse ó delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, co obxectivo de que se reforcen as patrullas rurais e se adapten os protocolos de protección á situación actual de confinamento. A entidade agraria amosou o seu apoio ó traballo e dedicación que a Garda Civil e a Policía están realizando nestes momentos, pero ó mesmo tempo pide maior vixilancia en vilas e aldeas para evitar que os agricultores e gandeiros perdan maquinaria, colleitas ou animais, tendo en conta a situación económica na que se atopan.

Solicitan incrementar a intensidade na vixilancia e seguridade do rural para frear no posible os roubos e impedir que cheguen ó mercado negro as colleitas e as pezas da maquinaria substraída e logo desmantelada, así como modificar as penas por reincidencia no Código Penal e que se realice unha valoración do dano que produce o roubo na actividade diaria das explotacións.

Por outra banda, e dada a media de idade alta dos habitantes do rural, apuntan que unha maior presencia de axentes da orde axudaría a xerar un clima de maior tranquilidade e menor vulnerabilidade entre os veciños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información