Unións acusa a Leche Celta de “prácticas mafiosas” coas granxas, en pleno confinamento

A organización agraria sostén que a empresa está “ameazando ós gandeiros con suspender a recollida” se non asinan contratos individuais á marxe da organización de produtores Ulega

Unións acusa a Leche Celta de “prácticas mafiosas” coas granxas, en pleno confinamento

O secretario xeral de Unións, Roberto García, á dereita, nunha rolda de prensa. / Arquivo.

A crise do coronavirus colleu á organización de produtores Ulega en negociacións para a renovación dos contratos do leite coa maioría das industrias lácteas. Ulega, unha organización que agrupa a preto de 2.000 granxas da comunidade e un 25% do total do leite galego, chegou entón a acordos provisionais de 2-3 meses coa práctica totalidade das industrias, co compromiso de retomar as negociacións de contratos en canto se resolvera a situación de confinamento. A excepción é Leche Celta, á que Unións Agrarias, impulsora de Ulega, acusa de “prácticas mafiosas”, “matonismo” e “comportamento miserable”.

“A empresa portuguesa Leite Celta pretende aproveitarse miserablemente da actual situación de confinamento para impoñer as súas prácticas mafiosas nas explotacións que lle entregan o leite” -acusan desde Unións Agrarias- “Están incurrindo nunhas accións impresentables que chegan a obrigar as granxas a darse de baixa da organización de produtores Ulega para impedir a futuro que poidan negociar de xeito conxunto a venda da súa produción”.

Os servizos xurídicos de Unións Agrarias están estudiando emprender accións xudiciais contra Leche Celta por atacar o dereito de asociación dos produtores, en base ás ameazas que están trasladando os seus transportistas de suspender a recollida do leite se as granxas non abandonan Ulega.

A organización agraria esíxelle ás Administracións unha acción exemplarizante contra Leche Celta e anuncia unha campaña de accións nos supermercados no caso de que a empresa a non desista da súa actitude en 24 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información