Unha vida dedicada á recuperación da raza Cachena

Visitamos a gandería de María Hortensia Alonso Alonso en Olelas (Entrimo-Ourense), unha das pioneiras en Galicia na recuperación da raza Cachena.

Unha vida dedicada á recuperación da raza Cachena

María Hortensia cos seus becerros de raza Cachena.

Os montes da Serra do Quinxo e do Xurés e O Leboreiro, na comarca ourensá da Baixa Limia, son a orixe e o último refuxio da raza Cachena, unha das vacas máis pequenas do mundo (o seu peso oscila entre os 300 e os 500 kilos), a súa gran cornamenta en forma de lira e a súa exquisita carne

Nesta comarca no ano 1947 o Ministerio de Agricultura rexistrou máis de 3.000 cabezas desta raza. Sen embargo, a finais dos anos 80 quedaban menos de 100 exemplares, recluídos únicamente na aldea de Olelas.

Foi daquela cando a Xunta de Galicia, a través da Granxa Experimental de Fontefiz, en Coles (Ourense), iniciou unha labor de recuperación da Cachena, xa en perigo de extinción. E foi en Olelas onde atopou os últimos exemplares. Hoxe hai rexistrados máis de 5.000 exemplares desta raza, repartidos nunhas 160 explotacións, organizadas na Asociación de Criadores de Raza Bobina Cachena (Cachega).

A gandería de María Hortensia Alonso Alonso e Pablo Pérez Barroso foi clave neste proceso de recuperación e de conservación da raza Cachena, unha desbrozadora nata, capaz de vivir nos terreos máis difíciles.

Chegamos a Olelas nunha mañá soleada de outubro tras atravesar a pista que zizaguea pola escarpada e inhóspita Serra do Quinxo. Atopamos ao matrimonio recollendo o millo, co que alimentarán aos becerros e ás vacas durante o inverno. Na aldea, situada xusto na fronteira con Portugal, María Hortensia e Pablo, malia os seus máis de 60 anos, son os que manteñen a actividade agrícola e gandeira, coa axuda das súas fillas María José e Vera, que veñen dende Ourense a botar unha man.

“A xente nova marchou para fóra, e aquí quedamos os que non servimos”, di con humildade. Pero o seu traballo vale moito, o que quizás non vale é a sociedade que non o valora.

¿Como empezaron coa recuperación da raza Cachena?
Aquí neste pobo sempre houbo esta raza, porque é un terreo moi ruín, en pendente, e só aguanta unha raza duriña como a Cachena. O meu marido é de aquí e eu viñen de fóra, e a miña sogra contábame que hai máis de 80 anos os veciños turnábanse para ir á Serra do Quinxo gardar o gando, e alí durmían nunhas cabanas.

A miña sogra, xunto con outros veciños conservou a Cachena e de feito colleulle tanto cariño a unha vaca que tiña, que cando morreu, con máis de 25 anos, quixo embalsamala e así se conserva no balcón da nosa casa.

No ano 1993 viñeron os de Fontefiz e ofrecéronnos participar no programa de recuperación da raza. Nós daquela tiñamos unha pequena granxa de porcos e decidimos apostar pola Cachena. Partimos con 10 exemplares e hoxe temos 156, dos que 3 son touros.

¿É unha raza tan rústica como se di?
Son moi duriñas, porque este sitio é para xente escrava, senón aquí non serven. Chegan a unha media de 18 pariduras e ata os 21 anos seguen parindo.

¿As axudas foron un punto importante para que a xente apostara pola Cachena?
Ao comezo dábannos 50.000 pesetas se recriábamos as becerras e outras 25.000 pesetas se parían. As xatas para recría vendíanse moi ben, a ata 1.000 euros por xovenca, pero hoxe todo iso foi a menos.

“Vendemos directamente os becerros a particulares, e o que proba repite”

As axudas baixaron moito e non compensa telas só polas subvencións. De feito, temos un problema porque para Bruxelas non nos conta agora como pastos para as axudas o monte comunal no que pacen as vacas. Seica non lle serve agora, que ten que ser terreo de moita herba, pero aquí o sitio non é así, pois as vacas sobre todo pacen nos toxos, xestas, carrascas…etc.

Pero aínda así imos tirando. O ano pasado veu aquí a conselleira Ángeles Vázquez e os do Fogga e a ver se arranxan isto. Porque o día que falten as vacas nesta aldea, o pobo acábase.

¿As vacas aliméntase só do pasto e dos arbustos do monte?
No verán e na primavera as vacas están todo o tempo na Serra do Quinxo, pacendo e limpando o monte. É unha raza moi pequena pero tamén son boas de manter (risas). Unha vaca pode pesar 250 kilos, pero ten que ser boa. E o macho pode chegar aos 300, moito máis non. No monte tamén teñen auga porque, a pesar do que parece, esta é unha zona con bastante humidade.

Só baixan á corte no inverno, para resgardarse e ímolas emparando. Dámoslle palla do millo e ás recén paridas ou ás que están algo baixas dámoslle tamén fariña de millo.

Agora a súa principal fonte de ingresos é a venda da carne dos becerros. ¿Como fan o manexo?
Os becerros medran pouco e comen moito (risos). As vacas téñoas controladas para traelas a parir ao establo, onde permanecen dous días co becerro, e logo van e veñen para darlle de mamar ás crías. O leite vai todo para os becerriños e failles falta. Os xatos maman ata os 4 meses e logo comen fariña e herba seca que recollemos nós. Collemos nos moito millo, pero tamén compramos en Xinzo grao de cebada, de millo e de centeo que logo moemos no noso propio muíño, para que sexa unha alimentación natural.

Os becerros vendémolos con algo máis de 11 meses e pesan sobre 150 kilos. Facemos venda directa a particulares, que ano tras ano repiten, e ao tratarse dunha carne tan sabrosa e tan especial, raro é o cliente que ao ano seguinte non nos trae outro cliente máis. Aos carniceiros non lles interesa moito este tipo de carne porque non dá moitos bistés. As vacas vellas e os touros teñen moi pouca saída, de feito as últimas vacas que vendín andaban polos 100 euros.

A cachena asóciase a unha raza brava. ¿Ten merecida esa fama?
Cando empezamos si que era algo bravo o gando pero hoxe é manso. Depende de como sexa o dono. Eu fálolle tanto aos becerros como ás vacas na serra e sempre se achegan a min e van para onde eu quero.

“Para min o gando é saúde. En canto podamos seguiremos”

A Cachena é unha raza moi lista que se adapta moi ben ao monte. As crías son moi espabiladas, tenme pasado no verán de parir algunha no monte e ver a vaca co ubre inflamado pero non ver a cría, porque permanecen escondidas para evitar o lobo e só saen para mamar. Cando pasa isto dá o seu traballo localizalas.

E como ve o futuro para a súa gandería?
Se seguimos é por min que son a xefa (risos), se é por meu marido non seguimos porque el é pensionista. Para min o gando é saúde: se estou enferma ou me doe a cabeza, saio da casa, veño xunto ao meu gando e despois xa volto para casa curada. É como un vicio.

En canto vivamos hai que seguir. Con este gandiño e con estas cousas son feliz como o gando.

Galería de imaxes:

Vacas de María Hortensa na Serra do Quinxo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información