Unha solución galega contra o coronavirus que desinfecta persoas, locais e obxectos

O Clúster da Madeira e o da Saúde desenvolven prototipos de desinfección de persoas, obxectos e espazos como medida de prevención contra o Covid-19, de cara á reanudación da actividade comercial

Inmersos aínda no estado de alarma pola pandemia do coronavirus, pero coa vista fixa xa na ansiada volta á actividade e á normalidade, un dos retos que se presentan agora é garantir a seguridade e evitar novos picos de contaxio. Nesta liña están traballando dende o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, en colaboración co Clúster da Saúde, co obxectivo de lograr solucións preventivas para reducir os riscos en establecementos comerciais e hostalaría.

Os sistemas de desinfección, tanto de persoas como de obxectos e locais, é unha das ferramentas que poden ser imprescindibles na recuperación da actividade comercial e no que están a centrar esforzos as compañías galegas. Polo momento, desenvolveron un prototipo para a desinfección de obxectos e persoas e agora traballan na súa integración nas tendas e locais comerciais.

Contan cos primeiros prototipos para levar a cabo desinfeccións tanto de obxectos como de persoas

“As empresas da madeira e do ‘contract’ -especializadas no suministro internacional a grandes cadeas de establecementos comerciais e hoteleiros- están moi afeitas a integrar solucións tecnolóxicas nas propostas que desenvolven para os seus clientes e ademais, tamén teñen acceso a moitas tecnoloxías que poden axudar a desenvolver de xeito exitoso estes sistemas de desinfección”, explica José Manuel Iglesias, presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.

Reducir os riscos

Os primeiros prototipos que desenvolveron, en forma de cabina, preséntanse como unha solución para a desinfección tanto de persoas como de obxectos, pero aínda están a ultimar o procedemento máis axeitado para o uso ó que se destine. “Queremos testar as solucións que mellor se axeitan para cada uso, garantindo que non se produzan alteracións nos produtos, por empregar un ou outro método de desinfección”, concreta Iglesias.

Cabina-desinfeccion-covid19-cluster-madeira-

Prototipo pensado para a desinfección de persoas.

O Clúster da Madeira encargouse de recompilar as tecnoloxías que xa estaban dispoñibles, de cara a validalas xunto co Clúster da Saúde.

As solucións de desinfeccións inclúen dende tratamentos con produtos desinfectantes ata a aplicación de ozono ou raios ultravioletas

O abano de propostas para realizar estas desinfeccións inclúe dende tratamentos con produtos desinfectantes ata a aplicación de oxidacións avanzadas con ozono ou tratamentos de exposición a raios ultravioletas. “Os prototipos para obxectos e espazos xa están contrastados e homologados. Agora séguese traballando nas opcións para as desinfeccións das persoas”, concreta Iglesias.

Lograr as certificacións e homologacións para estes sistemas é unha das prioridades para o Clúster, de cara a facilitar a comercialización das propostas deseñadas polos fabricantes galegos. “Nestes momentos estamos vendo moitos vendedores que tentan comercializar calquera tipo de produtos sen mínimas garantías, por iso é tan importante que os nosos sistemas conten con esas certificacións”, reivindica.

O obxectivo é conseguir que os consumidores teñan acceso a produtos desinfectados para reducir os riscos ó máximo, mesmo que poidan levar a cabo eles a desinfección antes de saír do comercio ou no momento de coller un dos produtos, para contar con tódalas garantías. “Son procesos de desinfección que se poden realizar para garantir que o produto que leva para a casa vai desinfectado ou que as instalacións están limpas, como coa desinfección dos probadores, de xeito que quede limpo entre un cliente e outro”, detallan dende o Clúster.

Solucións adaptadas

Un dos retos que se presentan á hora de incorporar os sistemas de desinfección é a súa integración nos locais comerciais. “Dispoñemos xa de tecnoloxías que nos permiten estas desinfeccións, agora o complexo é como integralas nas tendas e espazos comerciais da mellor maneira posible”, apunta o presidente do Clúster da Madeira.

O prototipo co que contan está deseñado para a desinfección tanto de persoas como de obxectos e busca ser unha alternativa de fácil construción. A estrutura está baseada en paredes realizadas con materiais biocidas. “Moitas das empresas do contract xa empregaban acabados antibacterianos e agora están tentando contar tamén con solucións que sexan antimicrobianas”, concretan dende o Clúster.

Prototipo-desinfeccion-cluster-madeira-

Están desenvolvendo propostas adaptadas a diferentes produtos e actividades comerciais.

A maiores deste prototipo, as firmas están a deseñar solucións adaptadas ás necesidades de cada cliente. “Buscamos proporcionar as ferramentas para que tanto o comercio local como a hostalería teñan solucións sinxelas e asumibles que poidan incorporar”, indica Iglesias, que valora a importancia que poden ter estes sistemas para reducir o risco de contaxio de cara a manter propostas como o Ano Xacobeo nos próximos meses.

A instalación dos equipos de desinfección pode situarse nos 1.000 euros para sistemas de limpeza de equipos e nos 3.000 euros para locais

Ademais de procurar solucións seguras, tentan que sexan alternativas ás que poidan optar non só as grandes firmas comerciais senón o pequeno comercio. Os orzamentos destes equipos dependerán tanto do tipo de desinfección á que se destinen como a integración que se pretenda facer delas nos espazos comerciais.

Así, os sistemas de desinfección de obxectos poden supor unha inversión media de 1.000 euros, mentres que a desinfección de grandes espazos públicos ou locais sitúase arredor dos 3.000 euros. “Dependerá moito da integración que se queira facer destes sistemas na decoración do local, eso será o que máis incremente os custos”, detallan.

Outras medidas

Á marxe do desenvolvemento destes sistema de desinfección, dende o clúster estiveron xestionando a adquisición de equipos de protección para empresas asociadas así como para outras firmas de diferentes sectores galegos. En total xestionaron unha compra conxunta de preto 70.000 máscaras que repartiron entre sectores como o audiovisual, comunicación, biotecnoloxía, alimentación, augas termais, naval, así como a Cámara de Comercio Pontevedra. Destas máscaras, 37.550 son quirúrxicas, do tipo II, mentres que outras 29.750 son do tipo FFP2.

Noutra liña de acción, dende o Clúster da Madeira tamén están tentando potenciar a rehabilitación de vivenda, posto que consideran que pode ser un dos motores para activar a economía e favorecer a actividade de moitas empresas galegas vinculadas ó sector da madeira nos próximos meses. “Ó tempo que é un xeito de protexer o patrimonio, as rehabilitacións tamén pode ser un xeito de mobilizar os aforros e buscar alternativas de negocio vinculadas ó territorio e que fomenten a actividade de moitas pequenas empresas e provedores locais”, concreta José Manuel Iglesias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información