“Unha empresa non funciona se non mantén contacto co consumidor, os ciclos cambian en 6 meses”

O Clúster Alimentario de Galicia busca a implicación das tres universidades galegas no desenvolvemento de alimentos adaptados ás tendencias de consumo, máis saudables e con maior sustentabilidade ambiental

Publicidade
A xornada celebrouse no Cactus do campus de Lugo

A xornada celebrouse no edificio Cactus do campus de Lugo

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) busca a colaboración cos grupos de investigación das tres universidades galegas para desenvolver novos produtos adaptados ás tendencias do mercado e aos novos gustos e demandas dos consumidores, avanzando ao mesmo tempo na mellora dos procesos de produción, presentación, distribución e comercialización, así como na sustentabilidade económica e ambiental da industria alimentaria.

Membros do Clúster e dalgunhas das empresas que o integran mantiveron este mércores no Campus Terra da Universidade de Santiago en Lugo, moi vinculado á formación e investigación nos ámbitos agrogandeiro e forestal, o primeiro dos encontros con investigadores galegos co obxectivo de afondar na innovación colaborativa entre empresas e universidades.

Baixo o título Os retos estratéxicos do sector: I+D+i e Sustentabilidade, estas xuntanzas repetiranse no resto de campus na procura de coñecer as distintas liñas nas que se está a investigar no ámbito universitario galego e as súas posibles aplicacións á industria alimentaria.

Adaptarse ás novas tendencias do mercado

Na xornada informativa celebrada no edificio Cactus da sede universitaria luguesa participaron o director técnico da Bodega Martín Códax, Miguel Tubío, e Xaquín Antón, director de proxectos de I+D+i de Clavo Food Factory, a empresa de precociñados para hostalaría creada no ano 1985 en Caldas de Reis e que hoxe conta con case 500 traballadores nas súas dúas fábricas, ubicadas Caldas e Tordesillas (Valladolid). “Hoxe unha empresa non funciona se non traballa en contacto co consumidor. Os ciclos actualmente son cambiantes e duran 6 meses ou un ano e temos que adaptarnos a esas tendencias”, indicou Xaquín.

Pola súa banda, Miguel defendeu a necesidade de avanzar na sustentabilidade das empresas agroalimentarias, tanto no punto de vista económico (mediante o incremento da produtividade) como no aspecto ambiental (logrando procesos máis eficientes e mellorando o aproveitamento de subprodutos).

Aspectos como a adaptación ao cambio climático (máis trascendente no sector produtor, pero que tamén afecta ás industrias transformadoras), o desembarco da tecnoloxía nos procesos de produción (as chamadas fábricas 4.0), a chegada do e-comerce coa venda online e a satisfacción das demandas dese novo consumidor son algúns dos retos das industrias alimentarias galegas.

65 empresas do sector alimentario

O Clúster Alimentario de Galicia creouse no 2010 e integra hoxe a 65 firmas do sector (maioritariamente empresas de transformación de sectores como o lácteo, o cárnico, o viño ou conserveiras), entidades de investigación e centros tecnolóxicos, as 3 universidades e distintas asociacións empresariais.

Entre a misión principal coa que naceu o Clúster está a de favorecer dinámicas de colaboración entre todas as entidades participantes, ofrecendo unha serie de servizos ás empresas socias, por exemplo bases de datos de mercados a nivel internacional para apoiar o posicionamento en novos mercados e os procesos de internacionalización das distintas empresas.

Para apoiar o emprendemento, o Clúster xestiona a primeira aceleradora do sector agroalimentario en Galicia, Business Factory Food

O obxectivo central do Clusaga para o periodo 2016-2020 é o de mellorar a sustentabilidade, a competitividade e a internacionalización, coa innovación como un dos piares fundamentais. Con esa finalidade, conta con tres comisións: a de Mercados e Internacionalización, a de Innovación e I+D, e a de Sustentabilidade e Economía Circular.

Esta última ferramenta introduciuse a finais do ano pasado como resposta á demanda actual da sociedade e busca fomentar a sustentabilidade dentro das empresas e divulgar as boas prácticas dos socios. “A sustentabilidade figura entre os principais obxectivos de desenvolvemento de Nacions Unidas para 2030”, explicaron Noelia Dosil e Patricia Fraga, que integran a parte técnica da Comisión de Innovación do Clúster, dividida en tres grupos de traballo:

– Innovación en alimentos e ingredientes innovadores, seguros e saudables, adaptados ás tendencias de consumo

– Novos modelos de produción e comercialización, dixitalización e bioeconomía

– Loxística e distribución, packaging innovador

Esforzo investigador do Campus Terra de Lugo no trienio 2016-2018

Integrantes dos grupos de investigación da USC en Lugo asistentes á xornada

Integrantes dos grupos de investigación asistentes á xornada en Lugo

Os proxectos e actuacións de I+D+i ligadas ao sector primario e alimentario ou ben relacionadas coa loita e mitigación dos efectos derivados do cambio climático que se están a desenvolver no Campus de Lugo da USC conectan en grande medida cos retos estratéxicos programados desde o Clúster Alimentario de Galicia.

A marcada orientación da sede universitaria luguesa cara ao sector primario e a alimentación, desde os procesos de produción, a conservación e ordenación do territorio, sustentabilidade ambiental e mitigación de efectos do cambio climático, ata o desenvolvemento de produtos alimenticios innovadores ou a mellora da seguridade e da calidade doutros alimentos tradúcese tamén na súa I+D+i, unha produción científica ligada en grande medida á Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra (BioReDes) e que no último trienio contabilizado (2016-18) xerou un volume de negocio de máis de 23,5 millóns de euros.

A Aula de Produtos Lácteos traballa desde o 2016 tamén con outro tipo de alimentos líquidos na súa planta piloto, única na península ibérica e unha das máis modernas e completas de Europa

As vantaxes do emprego de cinzas de biomasa para a fertilización e conservación de solos degradados, a mellora xenética de especies autóctonas de cereais como trigo ou millo, a utilidade da valoración e testaxe sensorial para o deseño e desenvolvemento de novos alimentos con máis valor engadido, benestar animal, cuestións ligadas a mellorar as actuais organizacións de loxística e distribución, as múltiples aplicacións e vantaxes que depara a acuicultura, a seguridade alimentaria ou novos aproveitamentos de recursos forestais para toneis de viño centraron algunhas das liñas de I+D+i desenvolvidas no Campus Terra da USC presentadas neste foro do Clusaga.

A xornada serviu asemade para presentar ao sector alimentario galego a existencia no Campus de Lugo da USC da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, unha infraestrutura tecnolóxica de vangarda que, ademais de produtos lácteos, tamén ofrece solucións innovadoras para o deseño e elaboración doutros produtos alimenticios.

A Aula de Produtos Lácteos cumpre 28 anos neste 2020 e desde o 2016 non só traballa en produtos lácteos senón noutro tipo de alimentos nos seus 1.900 metros cadrados de planta piloto semiindustrial, única da península ibérica e unha das máis modernas e completas de Europa, na que se pode elaborar case todo tipo de produtos que sexan líquidos ou cremosos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información