Tucheim eG, a evolución dunha granxa dos anos 70 á robotización

Esta gandería de Saxonia, que visitamos en febreiro, está acometendo unha transformación progresiva das súas instalacións para mellorar o benestar dos animais e facilitar o seu manexo

Tucheim eG, a evolución dunha granxa dos anos 70 á robotización

Un dos accesos á corte vella, construída no 1974, que aínda é o núcleo central da gandería.

En Tucheim eG, unha granxa cooperativa de Sajonia (Alemania), conviven dous mundos. Dun lado, unha corte levantada no 1974, daquela con capacidade para 1.000 vacas e hoxe, logo de reformas sucesivas, con menos de 800 animais. Do outro, unha moderna nave de 250 vacas, con catro robots de muxido, cortinas regulables nos laterais e sistema de autolimpeza do solo. Este é o novo modelo, equiparable ó de moitas granxas galegas, polo que aposta a gandería, que visitamos no mes de febreiro no marco das Addcon Academies organizadas por Adial.

Tucheim eG é unha granxa cunha estrutura inicial herdeira da antiga Alemania do Leste. Desde o 1991, a gandería é propiedade dunha cooperativa de 80 granxeiros, que conta ademais con 1.000 hectáreas propias e con outras 2.000 arrendadas. Como é habitual en Sajonia, a produción de leite é só unha parte do negocio da cooperativa, que tamén se adica á produción de vacún de carne e á produción agrícola. Nas súas 3.000 hectáreas, reservan 1.400 para herba e 350 para millo, adicando o resto a cultivos como cebada, colza, avea ou centeo.

Vacas de preparto.

Vacas de preparto.

A elevada dispoñibilidade de terreo proporciónalle á granxa un importante autoabastecemento alimentario. O seu handicap é a areosidade das terras, o que xera unha fuga rápida dos nutrientes e dificulta o manexo. “De 0 a 100, o valor das terras é dun 30”, calculan. Obteñen, non obstante, silos de calidade para as vacas de produción, pois só destinan para elas o primeiro corte, en tanto o segundo vai para a recría e o terceiro para as vacas de carne.

A ración das vacas baséase no silo de herba e no silo de millo, incorporando tamén 3 quilos de colza e un máximo de 5 quilos de concentrado por vaca. A súa produción media ronda os 9.500 Kg. por vaca ó ano, cun 4,1 de graxa e un 3,6 de proteína. En canto ó prezo, teñen unha base de 31 céntimos, que sumada ás calidades dá un prezo final de 36 céntimos.

Sala de muxido.

Sala de muxido.

Cuberto exterior ao que poden acceder as vacas en produción.

Cuberto exterior ao que poden acceder as vacas en produción.

Evolución das instalacións
O núcleo de produción da gandería é unha antiga corte levantada no 1974. Fixéronselle desde aquela reformas para ampliar o tamaño das prazas e reducir a densidade de animais, co cal agora quedan 780 vacas na instalación, pero aínda así os espazos son axustados.

Os animais están maioritariamente en camas de colchoneta, salvo o lote de preparto, que está en camas de palla. Para aumentar o confort e espazo dispoñible para os animais, habilitouse un cuberto contiguo, con camas de palla, ó que teñen libre acceso as vacas en produción.

Camas de goma e solo emparrillado na corte máis antiga.

Camas de goma e solo emparrillado na corte máis antiga.

A única parte das cortes que se mantén similar a como era no 1974 é un sistema centralizado de alimentación, que por medio dunha cinta transportadora leva a ración desde a sala de elaboración ata o pesebre dos animais.

Centro de alimentación, desde onde sae a ración para os animais.

Centro de alimentación, desde onde sae a ración para os animais.

A parte máis moderna da granxa é unha nave con 250 vacas en produción que está dotada de 4 robots Lely, arrimador automático de comida, cortinas regulables nos laterais e sistema de autolimpeza de solo. En lugar das camas de goma da corte vella, a gandería apostou aquí por camas de palla picada mesturada con carbonato cálcico e auga, que se engade para compactar a mestura.

Un só traballador ocúpase de toda a nave, en horario partido de 7 a 18 horas, en tanto na corte vella precisan de 5-6 traballadores e doutros 2 para a sala de muxido. O equipo de traballo de Tucheim eG organiza normalmente a libranza a razón de 7 días consecutivos de traballo e 3 libres.

Nave nova con catro robots de muxido.

Nave nova con catro robots de muxido.

O sistema de traballo da corte nova é o que primará na gandería no futuro. A granxa está levantando outras dúas naves xemelgas, que inicialmente adicará á recría de xovencas, coa idea de que os animais queden xa alí como vacas en produción con robots de muxido.

Cambios na xestión dos puríns en Alemania

Un momento da visita organizada por Adial.

Un momento da visita organizada por Adial.

Igual que en España, o endurecemento do control da UE sobre as emisións de amoniaco levou ó Goberno alemán a regular os sistemas de aplicación de purín. Desde final do 2020, as grandes granxas, como Tucheim eG, terán prohibido o esparcido de puríns. A normativa especifica que terán que aplicalo por inxectores ou tubos colgantes, debéndose laborear a terra nas 4 horas seguintes. Con esas medidas, búscase reducir a contaminación atmosférica de amoniaco, un gas perxudicial para a saúde.

Outra liña de preocupación ambiental en Alemania son as filtracións de nitróxeno ás augas, un serio problema no país, pois ten arredor dun 20% do territorio con afección de nitróxeno agrícola nas augas. Desde febreiro deste ano xa están prohibidos os fertilizantes químicos de urea se non levan inhibidores que reduzan as perdas de nitróxeno.

Para os puríns, pedirase desde fin do 2020 un mínimo de 6 meses de capacidade de almacenamento nas granxas, fronte ós 4 meses da normativa actual. Entre o 15 de novembro e o 15 de febreiro de cada ano, en Alemania xa estaba prohibida a aplicación de xurros, unha prohibición que se estende a calquera outra data na que estea o solo nevado ou conxelado, salvo que desconxele no día.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información