As tres preocupacións da gandería para o 2020, PAC, prezos e imaxe pública

Lorenzo Ramos, secretario xeral de Upa, a matriz estatal de Unións Agrarias, visita estes días distintas comarcas gandeiras de Galicia para abordar os problemas do sector e dar conta do traballo da súa organización

As tres preocupacións da gandería para o 2020, PAC, prezos e imaxe pública

Lorenzo Ramos, á esquerda, con Roberto García, de Unións Agrarias.

O balance do ano agrario péchase con tres preocupacións principais sobre a mesa, segundo explica Lorenzo Ramos, secretario xeral da Unión de Pequeños Agricultores (Upa), a matriz estatal de Unións Agrarias. Ramos destaca como asuntos pendentes a reforma da PAC, a falta de prezos xustos no campo e a imaxe pública que arrastra a gandería en sectores urbáns.

A primeira fronte aberta é a reforma da PAC, que se está debatindo a nivel europeo. Ramos defende a necesidade dun presuposto forte da Política Agraria Común (PAC) para manter a actividade agrícola e gandeira. En segundo termo, o secretario xeral de Upa advirte de que se deberá facer unha nova distribución dos fondos que veñen para España, pois Lorenzo Ramos calcula que haberá que retirarlle as axudas a arredor de 300.000 propietarios de terras que non teñen actividade agraria real. “As axudas teñen que ir dirixidas ós verdadeiros agricultores e a incentivar a incorporación de xente nova”, aboga.

Outro asunto que preocupa no agro son as periódicas crises de prezos, que nos últimos anos arrastraron sectores como o lácteo ou agora o do aceite. Ramos pon deberes a nivel da Comisión Europea e do Goberno de España, pois considera que non se está facendo o suficiente para modificar as prácticas da gran distribución, que polo seu poder monopolístico, presiona os prezos á baixa ó longo de toda a cadea de formación do prezo.

A última gran cuestión que preocupa no campo é a imaxe pública que se ten da agricultura e da gandería en ámbitos urbáns. “No cumio climático que houbo estes días en Madrid, atopámonos con que os telediarios das grandes cadeas de televisión difundiron noticias culpando á gandería do cambio climático, cando a realidade é que a gandería é responsable en España do 11,6% das emisións, cifras moi interiores ás de industria, produción de enerxía ou ó transporte”, expuxo. “Temos que defender o papel da gandería na produción de alimentos e na loita contra o que agora se chama a España vaciada”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información