Tres factores para o éxito dunha plantación de piñeiro

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en colaboración coa empresa Finsa, chega a unhas primeiras conclusións sobre como lograr maiores crecementos nas coníferas

Tres factores para o éxito dunha plantación de piñeiro

Piñeiro con catro campañas de crecemento na plantación de Frades.

Como mellorar o rendemento e a calidade das plantacións de piñeiro en Galicia?. Esa é a cuestión que buscan responder unha serie de plantacións de ensaio iniciadas no 2016 polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en colaboración coa empresa Finsa.

Logo de tres anos de medicións, o equipo de investigación do Centro chegou a unhas primeiras conclusións sobre factores a ter en conta para mellorar o éxito das plantacions de coníferas, tanto de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) como de piñeiro insigne (‘Pinus radiata’). A investigadora Eva Prada expuxo os resultados que se acadaron ata o de agora nunha xornada organizada polo CIF, que incluíu unha visita a unha das plantacións experimentais de ‘Pinus pinaster’ en Frades. Outras parcelas de ensaio do proxecto ubícanse en Begonte, Dozón, Santiago e Negreira.

1) O abonado mellora ata nun 148% o crecemento da planta ós tres anos

Visita á plantación de ensaios de Frades.

Visita á plantación de ensaios de Frades.

Os ensaios testaron 64 tratamentos de abonado NPK con distintas porcentaxes de nitróxeno, fósforo e potasio. Unha primeira conclusión é que o abonado con nitróxeno perxudica ás plantacións de piñeiro do país, pois reduce a supervivencia das plantas e non mellora o crecemento das que quedan. Canto máis nitróxeno, ademais, maior mortandade.

As fertilizacións que se amosaron máis efectivas foron as que se fixeron con 0-20-20 (20 de fósforo e 20 de potasio), que obtivo o mellor resultado no segundo ano, e con 0-40-40 (40 de fósforo e 60 de potasio), que no terceiro ano se demostrou superior, ó manter importantes crecementos que xa non se lograban co 0-20-20.

Ao final do terceiro ano, as plantas testigo, sen abono, acadaron unha media de 1,51 metros, en tanto que as abonadas con 0-40-60 chegaron a 2,20 metros e as fertilizadas con 0-20-20 a 2,05 metros.

En piñeiro insigne, en cambio, a fertilización nitroxenada tivo un menor impacto na mortandade das plantas. Nun ensaio realizado en Dozón, os mellores tratamentos demostráronse o 20-20-40, que obtivo un crecemento de 68 centímetros por ano e un 94% de supervivencia, e o 20-40-60, que chegou a 78 centímetros ó ano, cun 81% de supervivencia. A altura acadada por este último tratamento é un 148% superior ó da planta testigo, sen abonado, que se quedou en 31 centímetros ó ano.

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán continuará facendo medicións nos próximos anos para constatar a evolución dos ensaios e a duración do efecto do abonado. De cara ó futuro, os investigadores consideran que o ideal sería ter capacidade para desenvolver unha aplicación que ofreza recomendacións de abonado das plantacións en función de factores como choivas, temperaturas, ubicación e tipo de solo de parcela.

2) Preparación do solo

Xornada sobre a mellora silvícola no piñeiro.

Xornada sobre a mellora silvícola no piñeiro.

Unha segunda cuestion que se está a probar nos ensaios é o sistema de preparación do solo, ben cun aburatado manual, ben practicando un subsolado liñal, na liña de plantación, ou cruzado (na liña de plantación e perpendicular á mesma). Como era de esperar, o subsolado está a dar mellores resultados, con crementos que no terceiro ano son en torno a un 11-13% superiores ó aburatado manual. Cómpre ter en conta tamén que non hai grandes diferenzas entre o subsolado cruzado (máis custoso) e o liñal, polo que este último pode ser suficiente.

A preparación dos terreos nos campos de ensaio incluíu tras o subsolado un fresado da terra para preparar a casilla de plantación, que é unha práctica que non é habitual no monte, dados os custos adicionais que representa.

3) Elección do material forestal

Os ensaios están a comparar tamén planta de etiqueta azul (material controlado), procedente dun hortosementeiro do programa de mellora xenética de Lourizán, con planta de etiqueta amarela (material identificado), sen mellora xenética. Tras tres anos de crecemento, a planta mellorada logrou en Frades unha maior ganancia de altura de entre o 18 e o 26% en comparación coas plantas identificadas.

Entre as plantas identificadas, atopáronse tamén diferencias, pois as procedentes da Galicia interior funcionaron peor en Frades que as de Galicia Costa, probablemente máis adaptadas ó clima atlántico que caracteriza á zona.

Os estudos sobre o material forestal abordaron polo de agora só a altitude acadada, pero é de esperar que en próximos anos se manifesten outras melloras nas plantas procedentes de mellora xenética, pois deberían ser máis rectas, obter máis volume e presentar menos nós.

O material controlado de Lourizán está xa a disposición dos viveiros galegos, que están iniciando a súa comercialización, e espérase que nos próximos anos o Centro de Investigación continúe coa mellora dos piñeiros, en especial no tendente a lograr plantas resistentes ó nematodo do piñeiro, unha praga que xa afecta ó sur de Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información