As tres claves para mellorar a eficiencia alimentaria das xovencas en vacún de leite

Resumo do relatorio de Jud Heinrichs, profesor da Universidade de Pensilvania e especialista en nutrición de vacún de leite, durante o XXIII Congreso Internacional Anembe de Medicina Bovina que se iniciou este mércores en Vigo

As tres claves para mellorar a eficiencia alimentaria das xovencas en vacún de leite

Xovencas na gandería SAT Niveiro

A recría é o segundo capítulo de gasto nunha gandaría de vacún de leite, despois da alimentación, e pode representar ata máis do 15% dos custos totais dunha granxa. Lograr unha recría eficiente converterase cada vez máis nun factor decisivo na rendibilidade económica dunha explotación.

E se temos en conta que os custos de alimentación dunha xovenca poden representar ata o 60% do custo total de recría dun animal, cobra especial relevancia mellorar a eficiencia da alimentación, de forma que a forraxe e o penso inxerido sexa aproveitado ao máximo polo animal, minimizando o que é excretado.

Neste sentido, Jud Heinrichs, profesor da Universidade de Pensilvania e especialista en nutrición de vacún de leite, detallou este mércores no XXIII Congreso Internacional Anembe de Medicina Bovina cales son as claves para mellorar a eficiencia alimentaria na recría das xovencas:

1) Alimentación:

Segundo Jud Heinrichs a dieta das xovencas é un factor clave para a eficiencia alimentaria. Neste sentido advertiu de que “as xovencas deben inxerir forraxes da máxima calidade e dixestibilidade, é o máis importante, porque representan ata o 90% da súa ración total”. Isto tradúcese nuns índices de conversión de entre 5:1 e 6:1 (para gañar un quilo de peso son necesarios 5 ou 6 quilos de materia seca), pero no caso de forraxes de mala calidade elévase a 8:1 e mesmo 10:1.

A este respecto, lembrou que “ao meter na dieta das xovencas forraxes de mala calidade non só estamos a tirar diñeiro, porque a forraxe mala cústanos producila o mesmo que a boa, senón que estamos a xerar máis dexeccións, co problema que supón para o medio ambiente”. “Ademais -advertiu-, estamos a reducir a dixestibilidade do penso e dos outros ingredientes da ración, por non falar de que a xovenca necesitará gastar máis enerxía en dixerir esa forraxe mala e máis cantidade de alimento para lograr a mesma ganancia diaria de peso”.

 “Débese dar para comer ás xovencas 1 vez ao día, non ad libitum”

Por outra banda, para Jud Heinrichs, e a diferenza de en as vacas adultas en produción, a alimentación non debe estar a libre disposición para as xovencas senón administrarlla unha vez ao día, como moito en dúas quendas para evitar a competencia no pesebre. “Debemos buscar unha alimentación de precisión, proporcionándolle á xovenca soamente o que realmente necesita. Non penaliza nin o seu crecemento nin a súa produción futura e está comprobado que podemos aforrar entre un 10 e un 15% de penso”, destacou.

Para apoiar este tipo de manexo Jud Heinrichs citou un estudo realizado na Universidade de Wisconsin no que as xovencas alimentadas cunha dieta controlada tiveron un 29% máis de eficiencia na alimentación e xeraron un 1 quilo menos de esterco ao día que as tenreiras alimentadas ad libitum.

“O que nunca debemos facer é ir a dietas nas que se busca o enchido intestinal con forraxes que moitas veces son de mala calidade”, advertiu o profesor da Universidade de Pensilvania.

“A inxesta de materia seca de calidade despois do destete xunto coa ausencia de enfermidades e de dificultades no parto son o tres factores que máis condicionan a produción de leite na primeira lactación, por encima da ganancia media de peso e da idade ao primeiro parto”, engadiu.

Un último elemento que pode mellorar a eficiencia alimentaria é a adición de aditivos para mellorar a función ruminal e a dixestión microbiana, como fermentos e ionoforos.

Valores típicos da eficiencia da alimentación para tenreiras e xovencas:

-Tenreiros alimentados con leite: de 2:1 a 2,5:1

-Tenreiras destetadas, cun 25% de forraxe e o resto penso: 3:1 a 4:1

-Xovencas novas, alimentadas cun 50% de forraxe de alta calidade: 4:1

-Xovendas en TRM: 6:1 a 7:1

-Xovenas máis vellas alimentadas cunha forraxe pobre: 8:1 ou máis, chegando mesmo a 15:1

2) Xenética:

A xenética é outro factor que inflúe na eficiencia alimentaria, polo que debemos realizar un traballo de selección dos animais que mellor aproveitan o alimento. “As xovencas eficientes na alimentación tamén serán futuras vacas eficientes”, subliñou Jud Heinrichs.

A capacidade das xovencas de utilizar eficientemente a alimentación diminúe coa idade. Así, antes da puberdade o crecemento das xovencas é fundamentalmente óseo e muscular, pero despois da puberdade gañan máis graxa en relación aos ósos e músculos, e son por tanto menos eficientes en alimentación.

Un obxectivo podería ser alcanzar un estado estable de crecemento desde o nacemento ata o primeiro celo, segundo por unha segunda taxa de crecemento despois da cría, para lograr o peso corporal desexado no parto. As investigacións demostraron que antes da puberdade (de 9 a 10 meses) as xovencas Holstein deben medrar ao redor de 700 gramos ao día para maximizar a produción de leite na primeira lactación.

“A tenreira debe gañar 700 gramos diarios e chegar ao parto con ao redor do 85% do peso dunha vaca adulta”

Unha vez que a xovenca alcanzou a puberdade a taxa de crecemento non afecta o desenvolvemento mamario e débese considerar o seguinte punto de control crítico: o peso corporal no momento do parto.

A investigación conclúe que este debe ser ao redor do 85% do peso corporal das vacas adultas. Se isto non se cumpre as xovencas de primeiro parto van gastar un exceso de enerxía no crecemento durante a primeira lactación, en detrimento da produción de leite. Este fenómeno é unha resposta biolóxica ao atraso de crecemento antes do parto.

Ademais, as xovencas que están no último terzo da xestación serán menos eficientes e relación ao alimento, xa que o feto e os tecidos afíns estarán a sacar máis enerxía e proteína dietética para apoiar o rápido crecemento do feto.

Por último, as xovencas que non chegasen a un tamaño adecuado á idade de criar corren tamén un maior risco de ter dificultades á hora de parir aos seus tenreiros.

3) Benestar animal

O estrés ambiental e o exercicio son dous factores que afectan os requisitos de mantemento, e por tanto terán efectos directos sobre a eficiencia da alimentación da xovenca.

Así, en establos cómodos e ben xestionados serán menores os custos de mantemento das xovencas. Pola contra, calquera corte na que as xovencas estean sucias, molladas ou na que os animais pasen frío ou calor, diminúe a eficiencia alimentaria debido a que aumenta o consumo de enerxía para manter unha temperatura corporal normal.

O exercicio tamén inflúe, aínda que en menor medida, na eficiencia alimentaria, sobre todo se as xovencas teñen que camiñar longas distancias para acceder ao pasto.

Obxectivo: Chegar a xovencas que pairan aos 23 meses e cun peso corporal de ao redor de 700 quilos

O obxectivo dun sistema de alimentación eficiente das xovencas é que estas cheguen ao parto cunha idade de 23 meses, cun peso medio para as de raza Holstein duns 700 quilos antes de parir, ou entre o 75 e o 85% do seu peso corporal de vaca adulta.

Unhas metas que, segundo Jud Heinrichs, os gandeiros en Estados Unidos xa están a lograr. Así, se no ano 2002 soamente o 31,1% das xovencas analizadas nun estudo parían entre 21 e 24 meses, no 2017 esa porcentaxe elevouse ao 63,4%.

“Iso supuxo menores custos de recría e a produción de leite no primeiro parto non só non diminuíu senón que aumentou”, subliñou o profesor estadounidense.

Máis información en: Dairy Cattle Nutrition www.das.psu.edu/dairynutrition

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información