Trece candidaturas presentadas ó Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Entre os que optan ao galardón deste ano, dotado con 10.000 euros, están Greenalia, a EFA Fonteboa, Asoporcel, Coren, a cooperativa A Carqueixa, o Muvicla ou a Cátedra do Pan. O gañador darase a coñecer o 4 de decembro.

Publicidade
firma_convenioAresaUsc2019-

Na sinatura do convenio de colaboración o pasado mes de xullo para a convocatoria do Premio Aresa 2019 estiveron, de esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e Carlota López Pardo, adxunta á presidencia de Aresa.

A vixésima edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2019 decidirase entre un total de 13 candidaturas. Entre os que optan ao galardón deste ano, dotado con 10.000 euros, están Greenalia, a EFA Fonteboa, Asoporcel, Coren, a cooperativa A Carqueixa, o Muvicla ou a Cátedra do Pan. O gañador darase a coñecer o 4 de decembro.

O premio Aresa está dotado con 10.000 euros

Tras rematar o prazo para a presentación de propostas a finais do mes de outubro, a Organización do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, composta polo Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela, fixo públicos onte os trece candidatos a conseguir o galardón deste ano, que celebra a súa vixésima edición.

O Premio Aresa 2019 está dotado, como vén sendo habitual, con 10.000 euros. O galardón premia cada ano iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas que viven e traballan no medio rural galego.

Revitalizar o rural

O xurado desta ocasión, formado por Antonio López Díaz, reitor da USC; Álvaro Rodríguez Eiras, presidente de Aresa; Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo; Víctor Nogueira García, presidente do grupo Nogar e da Asociación Galega da Empresa Familiar, e Ángel Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto internacional en xenética, examinará todas as candidaturas e dará a coñecer publicamente o nome da gañadora o día 4 de decembro.

Na avaliación das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo. Tamén se valorará especialmente as propostas que fagan unha posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e a innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.

Premiados en edicións anteriores

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017) e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que resultou merecedor do premio na edición de 2018.

PROPOSTAS PRESENTADAS AO PREMIO ARESA 2019:

1. Traballos realizados sobre agricultura galega, presentados por Ramón Fuentes Colmeiro
2. Greenalia SA
3. Cátedra do pan e do cereal, de M. Belén García, Ángeles Romero e Santiago Pereira
4. Creación e lanzamento da marca de calidade Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, por parte da Asociación de Desenvolvemento Rural “Mariñas de Betanzos”
5. Confederación de Empresarios de Lugo
6. Proxecto museístico do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), por Marcos Vázquez Marey
7. Proxecto Cultivando Galicia, de Pablo Antonio Fraga Gontán
8. Consellor Regulador da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro
9. Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa
10. Asoporcel
11. Gandería Quintiáns
12. Coren Cooperativas Ourensás
13. Cooperativa A Carqueixa

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información