Trascende unha nova ‘oferta lixo’ de leite ao día seguinte da reunión do acordo lácteo

O sector gandeiro continúa indignado polas promocións das cadeas de supermercados, pois considera que se trata dunha estratexia que levará á caída de prezos no campo

Trascende unha nova ‘oferta lixo’ de leite ao día seguinte da reunión do acordo lácteo

Oferta no supermercado Plenus de Quiroga (Lugo), que abriu este mes.

Os casos de abaratamento do leite na cadea de valor están sucedéndose nas últimas dúas semanas. O último trascendeu hoxe, un día despois de que industrias lácteas e cadeas de distribución se comprometeran ante o Ministerio a manter prezos sostibles do leite ao longo de toda a cadea. A nova oferta, que se coñeceu a través do sector gandeiro, corresponde a unha promoción de leite Solar, envasada por Río, que se comercializa no supermercado Plenus (Grupo Cuevas), de Quiroga, que abriu este mes.

A oferta de leite sitúase en 46 céntimos litro no caso do desnatado, 49 céntimos o semidesnatado e 52 céntimos o enteiro. Esta promoción súmase ás detectadas nos últimos días nos cash de Gadis e Eroski, se ben no caso de Vegalsa-Eroski a promoción foi retirada de inmediato, unha vez que se advertiu da situación. Gadis, pola súa banda, mantén a promoción.

Promoción actual do cash de Gadis.

Promoción actual do cash de Gadis.

Desde o sector gandeiro considérase que a estratexia de abaratamento na que se están embarcando as cadeas de supermercados leva a un calexón sen saída, que rematará na caída dos prezos do leite no campo, de non adoptarse medidas.

Cómpre lembrar que o estudo da cadea do valor do leite impulsado pola Interprofesional Láctea hai un par de anos concluía que, cos prezos actuais no campo, a cadea de valor do leite estaría asumindo perdas no caso de que o prezo final no supermercado fose inferior a 71 céntimos. A situación actual é que as ofertas a menos de 60 céntimos están xeneralizadas, con casos puntuais de promocións a menos de 55 céntimos e incluso por baixo dos 50.

Reunión da comisión do acordo lácteo

Na reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo, que se desenvolveu onte en Madrid, o Ministerio de Agricultura restoulle importancia ó problema da banalización do leite, atribuíndo os casos que están xurdindo a situacións puntuais non xeneralizables. Agricultura pediu un compromiso de estabilidade por parte de industrias lácteas e cadeas de distribución e animou ós supermercados a subscribir un código de boas prácticas na contratación alimentaria.

Desde o sector gandeiro, o secretario de Ganadería de Upa, o lalinense Román Santalla, que tamén estivo presente na reunión, advertía onte de que as ofertas a baixos prezos teñen que rematarse. “Pode ser que nalgúns casos haxa promocións de leite próximo á data de caducidade, pero nesas situacións o protocolo pasa polo seu envío a bancos de alimentos, non por facer promocións que deterioran o mercado e a imaxe do produto. O Ministerio ten que tomar cartas no asunto”, concluía.

Actualización (19-III-2018)
O Grupo Cuevas precisa que a promoción de leite Solar no seu establecemento de Quiroga é unha “oferta puntual” ligada á apertura do supermercado. A cadea destaca que sempre se caracterizou pola “defensa dos produtos do rural galego”, que teñen preferencia nos seus liñais, e lembra que os prezos de mercado adoitan estar condicionados polas políticas das grandes distribuidoras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información