Tralos pasos das leiteiras, a historia da mellora continua na calidade dos productos lácteos

O leite e os seus derivados constitúen na actualidade un dos alimentos de maior garantía para o consumidor. Pero non sempre foi así. Analizamos a evolución hixiénico-sanitaria da produción leiteira, un camiño no que os veterinarios tiveron moito que ver

Leiteira na cidade de Pontevedra en 1911. (Foto: Colección Murais, Biblioteca Pública de Pontevedra)

Leiteira na cidade de Pontevedra en 1911 (Foto: Colección Murais, Biblioteca Pública de Pontevedra)

A historia do consumo de leite en España ten moito de mala leite, como afirma Diego Conde, veterinario galego membro do Grupo de Historia Agraria da Universidade de Santiago (Histagra) e autor do traballo titulado Transformacións hixiénico-sanitarias derivadas da especialización da produción láctea española, 1900-1970.

Diego destaca o papel xogado pola profesión veterinaria no establecemento de normas de calidade aplicadas ao leite. “Os veterinarios antepuxeron ao longo da historia a salubridade e a saúde pública antes que outros intereses, resistindo presións e procurando o benestar da poboación. Os veterinarios foron un elemento clave para que hoxe teñamos a calidade que temos no leite”, afirma.

Convertida hoxe en elemento imprescindible da dieta da maioría das familias, non hai que remontarse máis de dous séculos atrás para que a situación fose totalmente distinta. “A escasa presenza do leite como parte fundamental da alimentación na dieta mantense ata o século XIX, sendo nenos e, en determinados casos, anciáns os seus principais destinatarios. O leite empregábase xeralmente desde un punto de vista medicinal”, conta Diego.

O leite empregábase inicialmente desde un punto de vista medicinal, sendo os nenos e os anciáns os seus principais destinatarios

En Galicia o leite ata principios do século XX reservábase para o consumo caseiro familiar e para o cebado dos tenreiros. “O consumo de leite era moi excepcional porque era para darlle aos xatos, é dicir, o leite utilizábase para producir carne”, explica. Noutros puntos de España, era máis común o consumo de leite a través de procuctos procesados como a manteiga ou os queixos, sendo o leite de ovella e cabra o máis utilizado, fronte ao do gando vacún.

Perseguir fraudes e adulteracións

A partir do século XVIII diferentes ordenanzas municipais comezan a regular a venda de leite, impedindo e castigando tanto as fraudes como a súa insalubridade. Pero durante este período case non hai interese polas condicións sanitarias do leite, sendo as fraudes e adulteracións a principal preocupación.

Até mediados do século XIX o leite non se converte nun produto de consumo habitual na dieta europea, polo que o control sobre ela é case inexistente

Até mediados do século XIX o leite non se converte nun produto de consumo habitual na dieta europea, polo que o control sobre ela é case inexistente, pero a crecente demanda obriga a establecer lexislación específica que regule a súa correcta comercialización.

En 1837 o Ministerio de Gobernación encarga á Escola de Veterinaria de Madrid un informe para a elaboración dun regulamento de policía de carnes, peixes e outros alimentos que sirva para garantir a saúde pública. Este informe sinala que o leite debe considerarse carne líquida e, por tanto, suxeita a dominio da policía local, sendo un veterinario o responsable da súa revisión.

Quedaba prohibida a venda de leite procedente dun animal enfermo, así como a venda de leite adulterado, facendo público o nome do infractor

Pero non é até 1842 no caso do Ayuntamiento de Madrid e 1865 no caso de Barcelona cando se incorporan veterinarios para a revisión do leite de consumo humano e até 1867 cando se aproba esta disposición para o conxunto de España a través do regulamento de vaquerías dese ano. Quedaba prohibida a venda de leite procedente dun animal enfermo, así como a venda de leite adulterado, facendo público o nome do infractor.

Primeira decisión: sacar as cortes das cidades

No século XX a valoración das condicións nutritivas do leite permitiu unha rápida difusión como elemento fundamental nas dietas occidentais. A produción e consumo de leite triplicouse en apenas 70 anos e non só en nenos e anciáns, como era común até ese momento.

A produción de leite de vaca en España pasou de 500 millóns de litros en 1900 a case 2.500 millóns en 1950. A partir de mediados de século a especialización de razas, cunha frisonización da cabana, e a mellora gandeira disparou a produción.

A produción de leite de vaca en España pasou de 500 millóns de litros en 1900 a case 2.500 millóns en 1950

Un dos principais problemas era o carácter perecedoiro do leite. Esta problemática fíxose máis patente a medida que as explotacións gandeiras comezaron a abandonar por imperativo legal os centros das cidades e a instalarse nos arrabaldes. As vantaxes que isto supoñía en canto a salubridade das poboacións e nas condicións hixiénicas do gando, ía en detrimento da calidade final do leite que chegaba ao consumidor ao incrementarse os tempos entre o muxido e a venda final.

En 1908 un novo real decreto supoñía un avance lexislativo as contemplar de maneira global e en sentido amplo unha serie de medidas para a mellora da calidade do leite (hixiene do establo e do gando, muxido, transporte e temperatura de conservación) pero o seu nulo cumprimento impediu unha mellora da situación existente.

Algúns Concellos, como o de Madrid, establecían condicións aos establos sacándoos á periferia das cidades e impedindo que o gando estivese amoreado

Segundo un estudo realizado en 1932 sobre 100 mostras de leite de consumo na cidade de Madrid en todas elas superábanse os 550.000 xermes por centímetro cúbico. Con estes resultados e amparándose na lexislación sanitaria da época noutros países, como Reino Unido ou EEUU, este leite non sería apto para consumo humano. O regulamento norteamericano de Sanidade recomendaba por exemplo, que o leite permanecese a menos de 12ºC nos puntos de venda.

Como resultado deste deixamento, era común a persistencia dunha elevada mortalidade infantil asociada a diarrea e enteritis por consumo de leite, con taxas de mortalidade por enriba de 200 menores de dous anos por cada 100.000 habitantes en toda a década de 1910 a 1920.

Trasmisión de enfermidades: tuberculose, brucelose e difteria

Diego Conde

Diego Conde

A significativa importancia que tiña o leite como vector zoonótico levou a que se fixese máis patente a necesidade de establecer medidas máis estritas para a produción, conservación, transporte e comercialización do leite.

Diversas patoloxías como a febre tifoidea, diarreas infantís, a febre de malta ou a tuberculose estiveron comunmente asociadas ao consumo de leite, aínda que, como lembra Diego, “ao principio houbo unha discusión importante, os médicos negaban ese proceso de transmisión das vacas ás persoas a través do leite e foron os veterinarios os que insistiron nese contaxio e lograron concienciar sobre o problema para que se adoptasen medidas”, di.

Tres eran as principais enfermidades bacterianas do gando transmitidas aos humanos. Até a aparición da vacina en 1923, a difteria (coñecida nesta época como garrotillo por afectar as vías respiratorias e provocar sensación de asfixia) era unha das principais causas de mortalidade entre os nenos. A bacteria causante, Corynebacterium diphtheriae, era habitual en becerros novos. Tamén a tuberculose bovina (provocada por Mycobacterium bovis) transmitíase a humanos, do mesmo xeito que a brucelose (provocada pola Brucella spp) e tamén coñecida como febre de malta.

Diego é un estudoso da figura do veterinario Juan Rof Codina e destaca a súa importancia para a modernización da produción de leite en Galicia, así como nos avances para o control de enfermidades da cabana bovina. “O bacilo da tuberculose foi descuberto polo médico alemán Robert Koch en 1905 e só 10 anos máis tarde xa había alguén en Galicia que dicía que había que tomar medidas fronte a esa zoonose. Rof Codina propoñía medidas que aínda hoxe, máis dun século despois, aínda están vixentes, como a realización da proba da tuberculina ao gando, impedir a venda do leite deses animais infectados e a súa eliminación”, lembra Diego.

70 anos das primeiras campañas de saneamento gandeiro

Pero a pesar destas advertencias, até 1950 non se estableceu en España a primeira campaña oficial de saneamento gandeiro. Tivo lugar no Concello de Ribamontán do Mar (Santander). Nese momento, un terzo das explotacións tiñan algún positivo en tuberculose, unha enfermidade que presentaba o 15% do total da cabana gandeira.

Aínda que nestes primeiros anos as campañas de saneamento tiveron certa continuidade no norte peninsular, non foi até 1955 cando o Boletín Oficial do Estado estendía o seu uso a toda España coa publicación da lei de epizootías. Sen embargo, o programa era voluntario e eran os propios gandeiros os que tiñan que sufragar as probas, o que reducía o número de interesados.

En 1950 unha de cada tres explotacións contaba con algún animal positivo en tuberculose e o 15% da cabana gandeira presentaba a enfermidade

Non foi até 1965 cando se estableceu un plan nacional de loita contra a tuberculose e a brucelose bovina con carácter obrigatorio en 16 provincias españolas, entre elas as catro galegas, o que conseguiu reducir os índices de prevalencia ao 5% en 1973.

“As campañas de saneamento iniciáronse en Cantabria porque era onde estaba nese momento máis desenvolto o sector lácteo e onde se estaban producindo o maior número de litros de leite de toda España. De aí a produción, e con ela as campañas de saneamento, estendéronse ao País Vasco e despois a Asturias e a Galicia”, lembra Diego.

As leiteiras e as primeiras cooperativas

Cooperativa de Productos de Laíño (Dodro) en 1935

Cooperativa de Produtores de Laíño (Dodro) en 1935

No primeiro terzo do século XX o aumento do consumo de leite por parte da poboación e de manteiga e queixo como produtos elaborados fai que comece a aparecer unha certa reconversión do modelo produtivo nas explotacións gandeiras cara ao sector lácteo.

Para abastecer ás cidades xorde a figura das leiteiras, que acoden a diario con leite fresco (ou non tanto) desde as aldeas próximas. En cidades como Santiago chegaron a ser un gremio “con importante poder”, destaca Diego. Eran tamén figuras controvertidas: “a finais dos anos 70 houbo bastante polémica porque se incrementaron os controis para evitar fraudes e descubriuse que en moitos casos engadían auga ao leite, polo que houbo Concellos como os de Santiago e Ourense que mesmo tentaron prohibir a venda directa de leite”, engade.

“Os Concellos van regulando nas súas normativas a produción de leite até que botan ás vacas e aos establos fóra das cidades. En Santiago ou noutras cidades galegas pasou un pouco o mesmo que en Madrid e Barcelona e por iso xorden iniciativas para tentar resolver de maneira asociada as dificultades que había para levar o leite desde as zonas produtoras, empezando a agruparse pequenos gandeiros para facer o transporte até o punto de venda nas cidades”, indica.

A Cooperativa de Produtores de Laíño, en Dodro, creada na década de 1930 para levar leite a Santiago, constitúe unha das primeiras unións de gandeiros de Galicia

Tal como Diego lembrou no seu discurso de entrada na Real Academia de Ciencias Veterinarias de España, pronunciado o 22 de xaneiro de 2018, o propio Rof Codina no seu libro sobre cooperativismo de 1932 conta a historia da Cooperativa de Produtores de Laíño, no municipio coruñés de Dodro.

Nesta zona os gandeiros especializáronse na cría de bois cebados para a súa venda en Reino Unido. Unha vez que se perdeu o mercado inglés os gandeiros foron modificando as súas producións cara á explotación láctea. Inicialmente os produtores de Dodro levaban o leite a Santiago de Compostela e Vilagarcía en pequenas partidas e de maneira individual, supoñendo isto un esforzo importante e un custo elevado. A escasa marxe de ganancias motivou que os gandeiros da zona se unisen en forma de Cooperativa de Produtores de Laíño, de maneira que puidesen vender un maior volume, chegando a mobilizar 390.000 litros de leite no 5º ano de funcionamento. Con todo e a pesar de tratarse dunha das primeiras iniciativas de cooperativismo lácteo de Galicia, non logrou perdurar no tempo e “o seu percorrido foi curto”, explica Diego.

A creación das Centrais Leiteiras

Leche y lecheras en el siglo XX Versión dixital publicada.pdf

A Guerra Civil e a posguerra destrúen as débiles estruturas existentes de produción e comercialización de leite e mediante unha política de racionamento o leite e os seus derivados pasan a ser produtos de primeira necesidade intervidos polo Estado. Do mesmo xeito, a intervención dos cereais e a súa limitación no seu uso para alimentación animal mingua a produción de leite en España.

En 1944 o Boletín Oficial do Estado autoriza aos concellos para crear estruturas para a hixienización do leite e oito anos máis tarde, en 1952, decreta a creación das chamadas Centrais Leiteiras naqueles municipios de máis de 25.000 habitantes, aínda que a súa posta en marcha non se completou ata 1961.

Así naceu Larsa como Central Leiteira para subministrar a Vigo, Leyma á cidade da Coruña, Complesa a Lugo ou Uteco a Ourense. As Centrais Leiteiras contaban coa reserva do mercado local de leite pasteurizado. Como contrapartida, o prezo de venda ao público era regulado.

Leyma, Larsa, Complesa ou Uteco naceron como Centrais Leiteiras para abastecer de leite pasteurizado ás cidades

Esa situación mantívose até en ano 1986. A adhesión á CEE esixía a liberación do réxime de concesión administrativa do que gozaban as Centrais Leiteiras para a venda de leite pasteurizado nas súas respectivas áreas locais, polo que mediante os Reais Decretos 551/1986 e 552/1986 eliminouse a exclusividade de venda e liberalizouse o prezo do leite pasteurizado.

Por aquel entón o leite uperizado e o tretra brick que fora introducido por Leche Pascual en 1973 gañaran xa a batalla á bolsa do leite pasteurizado das Centrais Leiteiras. Moitas delas sufriran xa problemas económicos e tiñan entrado nun continuo proceso de fusións e absorcións, pero a súa contribución é innegable como primeiro gran proceso de transformación industrial do leite, arrastrando con el tamén a modernización da produción no campo. “A creación das Centrais Leiteiras é o que obriga á transformación das explotacións cara ao muxido portátil e os tanques de frío a medida que van medrando as cabanas gandeiras”, afirma Diego.

Pago por calidade

Un novo Regulamento de Centrais Leiteiras e outras Industrias Lácteas (Decreto 2478/1966), que substitúe ao do ano 1952, fai constar como obxectivo, ademais do autoabastecimiento, o incremento da calidade dos produtos lácteos. De feito, as dúas achegas básicas do Decreto de 1966 foron a introdución do pago por calidade (que non foi obrigatoria ata 1971) e a fixación de prezos de compra ao gandeiro diferenciados por zonas (segundo factor transporte).

O prezo mínimo en orixe determinábase para unha calidade base (contido graxo e proteico) e unha prima que tiña por finalidade o fomento da calidade (medida en función da porcentaxe de graxa). Esa calidade base era inicialmente dun 3,1% de materia graxa e a partir de 1980 de 3,2%, cun extracto seco total do 11,4%. Se a calidade era inferior o prezo sufría unha penalización.

A partir de 1971 introdúcese o pago por calidade do leite medindo a súa porcentaxe de graxa, fixada como base no 3,1%

En 1968 endurécense as normas de calidade dos produtos lácteos, ampliando a obrigatoriedade de pasteurizar o leite para a elaboración de queixos frescos ou con maduración inferior a dous meses, aceptando a utilización de auga osixenada para hixienizar o leite, unha práctica estendida polos recolledores para asegurar a estabilidade do leite durante o transporte do campo á industria pero que ocasionaba serios problemas para a elaboración de produtos derivados.

Refrixeración en orixe

O Regulamento Estrutural da Produción Leiteira (Real Decreto 2166/1981) establece medidas dirixidas a fomentar a modernización do sector produtor diante da previsible competencia futura trala adhesión á Comunidade Económica Europea mediante a concesión de axudas para a mellora das explotacións lácteas, tanto en infraestrutura e equipamentos como en estrutura produtiva.

Na década dos oitenta foméntase a instalación de tanques de frío nas explotacións; pouco antes chegaran as muxidoras

Para acceder a estas subvencións (que ían do 20 ao 40% dos investimentos realizados) as explotacións debían inscribirse nun rexistro para recibir o título de gandeiría diplomada e gandeiría de sanidade controlada, fomentándose a solicitude de axudas para a instalación de sistemas de refrixeración do leite en orixe. Entre 1982 e 1989 beneficiáronse destas subvencións case 50.000 gandeirías, cunha subvención media de 230.000 pesetas (38.333 euros).

Galicia concentrou o 40% destas axudas, destinadas fundamentalmente a compra de gando (40%), mellora de establos (17%), instalación de muxido mecánico (11%) e tanques de refrixeración (6%). Así pois, o éxito destas axudas para o cumprimento do obxectivo de fomentar o arrefriado do leite nas gandarías non foi demasiado grande.

En 1988 tan só a metade do leite entregado á industria enviábase refrixerado en orixe

De feito, estímase que en 1988 existían en España uns 50.000 tanques de frío e que só o 48% do leite entregado á industria enviábase refrixerado en orixe, con porcentaxes máis altas en Cataluña, Navarra e Baleares. Antes que os tanques de frío chegaran as muxidoras. En 1985 había instaladas en España 118.596 muxidoras, máis do dobre dos tanques de frío existenes. Un problema existente en moitas zonas de Galicia, tanto para a instalación de muxidoras coma tanques de frío, era a deficiente calidade da subministración eléctrica.

Proteccionismo

O sector lácteo era obxecto desde finais dos anos sesenta e até esta época previa á entrada na CEE dunha serie de medidas regulatorias do mercado interior que viña determinada polos Decretos de Campaña, normativa de carácter anual que fixaba un prezo mínimo en orixe que recibe o produtor do 30 de setembro ao 1 de agosto.

Os prezos institucionais tomaban inicialmente valores distintos en cada un dos dous períodos nos que se dividía cada campaña (primavera-verán e outono-inverno). Esta diferenciación de prezos suprimiuse a partir do ano 1981.

O mercado interior estaba totalmente protexido da competencia exterior e só se realizaban importacións, previa concesión de licenza, en situacións de déficit interior e en cantidades limitadas para o restablecemento do equilibrio produción-consumo.

grafico precios intervencion leite entrada UE

As medidas de intervención previstas cando o prezo do leite se reducía a niveis inferiores ao prezo mínimo fixado consistían na transformación do excedente de leite en manteiga, leite en po e queixo Cheddar con subvencións á trasformación e almacenamento privado.

Os prezos de intervención fixados eran notablemente superiores en España que no resto de países europeos, o que supuxo que nos anos posteriores á entrada na CEE estes tiveron que reducirse para igualalos ao do resto de países comunitarios.

A entrada en Europa supuxo tamén un cambio na normativa de regulación do sector, xa que da garantía á produción mediante un prezo mínimo de compra do leite líquido ao gandeiro pasouse a garantir á industria os produtos transformados.

Entre 1985 e 1990 o prezo en orixe superaba os actuais 60 céntimos por litro

Con todo, os prezos en orixe incrementáronse de forma importante a partir de 1985, con prezos medios superiores aos actuais 60 céntimos de euro por litro e con anos de importantes repuntes, sobre todo 1986 (110 pesetas/litro), 1989 (117) e 1990 (118). Os ingresos dos gandeiros neses anos foron máis importantes se cabe en Galicia, xa que a comunidade quedou exenta da aplicación da taxa de corresponsabilidade (Real Decreto 2750/1986) fixada con motivo da adhesión e pagada polos produtores do resto de España.

A entrada na CEE provoca un cambio substancial no comercio exterior de produtos lácteos en España. As importacións de leite aumentan un 132% en 1988 a respecto de 1985, as de nata un 30%, as de manteiga un 64% e as de queixo un 28%.

A frisonización da cabana

A partir da década de 1960 destaca o auxe experimentado polo gando frisón, aínda que Diego lembra que existen antecedentes previos da introdución en Galicia doutras razas diferentes ás autóctonas, como a pardo alpina ou a frisoa, nos anos 20 con vocación de aumentar a produción de leite.

“No norte de Lugo introducíronse vacas suízas e frisoas para dar servizo a empresas de comunidades limítrofes, como Mantequerías Arias, pero eran casos puntuais. É a raíz do Plan Agrícola de Galicia de 1945 cando se ve o potencial para a produción de leite polas condicións idóneas para a produción de pastos e máis tarde, nos anos 60, cámbiase a conformación da cabana gandeira de carne a leite”, explica.

A expansión da raza frisoa en Galicia empezou máis tarde ca en Cantabria e Asturias e incrementouse a partir dos anos 70

En 1965 as vacas frisoas representaban xa o 34% da cabana bovina produtora de leite en España e en 1985 supoñían o 70% do censo total de vacas en muxido. Pero curiosamente as maiores porcentaxes de gañado frisión atopábanse fóra das principais rexións leiteiras, agás en Cantabria, onde en 1985 máis do 80% da súa cabana era frisoa, mentres en Asturias era do 60% e en Galicia lixeiramente inferior ao 50%.

A expansión desta raza leiteira supuxo a recesión das razas autóctonas e o estancamento da raza pardo alpina, que fora introducida nas décadas anteriores polos seus mellores rendementos na produción de leite.

Industrialización do leite

grafico producion industrial de leite 1865-1985

A frisonización da cabana incrementou de forma considerable os rendementos pasando dunha media de produción por vaca de 2.173 litros en 1966 a 3.306 en 1985. De feito neses 20 anos a produción total de leite incrementouse no conxunto de España un 86,5%, a un ritmo do 4,3% anual.

Mentres, nesas dúas décadas o leite consumido nas explotacións caeu un 74% debido á súa substitución por lacto- reemplazantes para a alimentación das crías. A estacionalidade da produción láctea reduciuse desde principios dos anos setenta, ao xeralizarse a alimentación desligada da terra e a conservación de forraxes.

En 1975 o 76% do leite producido en Galicia destinábase á industria

En 1975 o volume de leite comercializado en España era do 50% e en 1985 alcanzaba case o 75%, sendo superior nas rexións de maior produción: en Galicia 76%, en Asturas 80%, en Cataluña 82% e en Cantabria 87%.

Nesta etapa tivo lugar a industrialización masiva do sector lácteo debido á produción de leite líquido hixienizado, primeiro pasteurizado e estéril e logo UHT. A produción de leite líquido duplicouse entre 1965 e 1975 e a preferencia das grandes superficies decantou a balanza a favor do leite UHT, que en 1985 superaba xa ao pasteurizado. “É nesta época, por mor da adopción do leite UHT como modelo preferente, cando se crea a industria láctea tal como a coñecemos hoxe”, asegura Diego.

O lanzamento do UHT a finais dos setenta supuxo a caída definitiva do leite pasteurizado

Até 1974 non entra en vigor o Código Alimentario Español, que dedica dous capítulos ao leite e derivados, completado nos anos oitenta con diversa normativa técnico-sanitaria de regulación da industrialización, almacenamento, transporte e comercialización dos produtos lácteos.

O lanzamento do consumo de iogures e derivados refrixerados e o incremento do consumo de queixos e a ampliación da súa gama contribúen á maior industrialización láctea. Nacen tamén as denominacións de orixe para o queixo, a primeira a nivel español foi o Roncal en 1981 e en Galicia o Tetilla en 1993.

O Ligal, peza clave na mellora da calidade do leite en Galicia, cumpre 30 anos

LigalA calidade hixiénico-sanitaria do leite galego está hoxe entre as mellores a nivel español e mesmo europeo. A evolución das explotacións galegas neste eido foi moi notable nas últimas décadas e a creación do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) fai agora 30 anos supuxo un punto de inflexión para a mellora da calidade do leite producido na nosa comunidade.

Trala entrada na CEE no ano 1986 a calidade do leite non queda fixada só polo contido en graxa e proteína, senón tamén pola calidade hixiénica do leite (reconto de microorganismos), para o cal se fomenta a creación de laboratorios interprofesionais (Real Decreto 1462/1987). O Ligal é o laboratorio de referencia para as mostras que se toman nas explotacións e das que depende despois o pago aos gandeiros.

O Ligal é unha asociación sen ánimo de lucro con representación paritaria das industrias e os produtores

O Ligal é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1989 e declarada de utilidade pública, na que están representados paritariamente as industrias lácteas, a través de la Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (AELGA), e os productores a través das organizacións agrarias e das asociacións de cooperativas. O laboratorio comezou a funcionar no ano 1990 e desde o 2009 presta os seus servizos ao sector desde a súa ubicación no Edificio de Laboratorios Agrarios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Evolución da calidade do leite nos últimos 20 anos en Galicia

A implantación dos laboratorios interprofesionais fai posible unha información ata entón practicamente inexistente dos parámetros contemplados na lexislación sanitaria como son a calidade bacteriolóxica, relacionada coa hixiene e limpeza nos procesos de muxido e conservación do leite, o reconto de células somáticas, relacionado coa situación sanitaria do gando e en particular coa presenza de mamite nas vacas, e sobre o control de residuos de produtos veterinarios no leite, consecuencia da  prevención e tratamento das enfermidades do gando.

A creación do Ligal supuxo unha adaptación progresiva das explotacións galegas a un novo xeito de traballar que pasou a ter en conta a bactereoloxía, algo até entón secundario

A mellora da calidade hixiénica e sanitaria evolucionou en Galicia desde 1990 de forma rápida e continuada de maneira que cando entran en vigor a partir de 2004 as novas esixencias de calidade e trazabilidade a nivel comunitario, a calidade do leite en Galicia era totalmente homologable á do resto dos países produtores da UE.

A presenza de antibióticos é hoxe 10 veces menor ca fai 20 anos e o reconto de células somáticas case se reduciu á metade, segundo os datos do Ligal

A media do reconto celular en tanque pasou na nosa comunidade das 373.000 células/ml no ano 1995 ás 196.000 que deron como promedio do ano 2019 todas as analíticas efectuadas polo Ligal coas mostras recollidas nas gandarías. En canto á bacteroloxía, a media do ano pasado en Galicia foi de 19.000 unidades formadoras de colonias por ml, cando só 10 anos antes, no 2009, esa cifra situábase nas 42.000.

A velocidade de enfriamento do leite tralo muxido determina un menor número de células, da ahí a importancia da refrixeración rápida do leite no tanque

Segundo a lexislación española, a temperatura de conservación do leite no tanque, medida dúas horas despois do muxido, debe estar entre 0 e 8ºC se a recollida é diaria e entre 0 e 6ºC se se produce cada dous días. Este é un factor básico para a mellora da calidade hixiénico-sanitaria do leite, pois o número de células e bacterias diminúe a medida que se aumenta a velocidade de refrixeración.

Unha evolución aínda máis espectacular foi a que se produciu no descenso da presenza de antibióticos no leite. A presenza de inhibidores no leite é hoxe 10 veces menor ca fai 20 anos. Se no ano 2001 o 0,59% do total de mostras tomadas daba positivo en antibióticos, no ano 2018 estaban presentes unicamente no 0,056% do 1,3 millóns de analíticas efectuadas.

Trazabilidade

A partir do ano 2002 como consecuencia do establecemento dos principios xerais da lexislación alimentaria a nivel comunitario e a creación da Autoridade Europea de Seguridade alimentaria (Regulamento CE 178/2002) desenvólvese todo un paquete de hixiene alimentaria onde se dá protagonismo ao produtor de leite como responsable primario da calidade e seguridade do que produce.

Establécense tamén novos criterios de trazabilidade onde se implican as autoridades sanitarias, os produtores e as industrias, que se reflicte na base de datos de LetraQ xestionada polo Ministerio de Agricultura. A normativa comunitaria está neste momento en proceso de actualización dentro da estratexia From Farm to Fork (Da Granxa ao Garfo) dentro do futuro Pacto Verde da UE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información