‘Tormenta perfecta’ no sector lácteo

A sobreoferta de leite e as estratexias industriais poñen contra as cordas ás cooperativas. O sector ultima solucións para o leite que queda sen comprador e demanda accións da Xunta e Ministerio

‘Tormenta perfecta’ no sector lácteo

Logística Alimentaria cancelou a recollida en Coba de Vales nas últimas horas.

O sector lácteo galego, en especial as cooperativas, afronta estes días unha ‘tormenta perfecta’ na que todo se xunta. Dun lado, o peor escenario de mercado dos últimos anos. Doutro, as industrias, que aplicando a lóxica empresarial, tentan sacar o maior beneficio posible do exceso de oferta. E no medio, cooperativas e gandeiros, que denuncian unha estratexia industrial para tirar os prezos do leite en orixe e para desmantelar as estruturas gandeiras de venda en conxunto, caso das cooperativas e das organizacións de produtores

Os focos apuntan en especial a dúas industrias, Leche Celta e Logística Alimentaria, que nas últimas semanas lle comunicaron a media ducia de cooperativas que lles cancelaban a recollida a partir do 1 de maio. Cooperativas afectadas como as de Mopán (Monterroso), Codegui (Guitiriz), Tierra Llana (Castro de Rei) ou Coba de Vales (Mesía – Curtis) levan desde entón buscando alternativas, con pouco éxito, para as entregas de leite.

A falta de comprador pode obligar a parte das cooperativas a enviar provisionalmente a súa produción á torre de leite en po de Reny Picot (Asturias) a prezos que rondarían os 20 céntimos, segundo estimacións do sector. En todo caso, as agrupacións afectadas ultiman conversas coas industrias para pechar contratos a prezos de mercado. As cooperativas que lle estaban entregando o leite a Leche Celta están reconducindo a situación e van continuar enviándolle alomenos parte da súa produción a esta industria, segundo indicaron fontes do sector nas últimas horas.

“Para as industrias é máis fácil negociar cun gandeiro que cunha cooperativa ou cunha OP” (Higinio Mougán, Agaca)

Así as cousas, non se agarda que quede leite no campo sen comprador. Outra cousa serán os prezos de venda. As maniobras das industrias nas últimas semanas están poñendo contra as cordas ás cooperativas. A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) denuncia unha estratexia industrial para desmantelar as estruturas gandeiras de venda en conxunto. “É claro que para as empresas é máis fácil negociar cun gandeiro individual que cunha cooperativa ou cunha organización de produtores (OP), así que están emprendendo unha operación para acabar coas cooperativas que operan como primeiro compradoras –intermediarias- na venda do leite”, considera o xerente de Agaca, Higinio Mougán.

As organizacións agrarias, que onte mantiveron un encontro en Santiago con alcaldes das comarcas gandeiras da provincia da Coruña, engaden outras dúas motivacións á estratexia que ven nas industrias: “Con estas accións, reducen tamén os pagos ata un prezo basura –din- e crean no resto dos gandeiros a sensación de que non poden levantar a voz, non vaia ser que non lles recollan o leite”, sinalan desde Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Xóvenes Agricultores.

Tamén a Federación Rural Galega (Fruga), que onte ofreceu unha rolda de prensa en Lugo, criticou con dureza a Leche Celta e a Logística Alimentaria, e pediu a acción inmediata da Xunta para cortar cunha situación que entende de “chantaxe” das industrias ós gandeiros. Unións, Sindicato Labrego e Xóvenes coincidiron asimesmo en demandar a acción da Xunta e en pedir inmediatas sancións para industrias e distribución.

Organizacións de produtores
Entre tanto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, reitereou onte en declaracións ós medios que a solución pasa por unha unión das organizacións de produtores (OPs) existentes en Galicia, Ulega –impulsada por Unións Agrarias-, e Aprolact, de base cooperativa. “Se os produtores se agrupan e teñen forza, poderán negociar con maior claridade”, sostivo.

“Se os produtores se agrupan e teñen forza, poderán negociar con maior claridade” (Alberto Núñez Feijoo)

Os reiterados chamamentos das Administracións para a unións das OPs non se entenden no sector. Tanto Ulega como Aprolact teñen advertido de que non hai xeito de que as industrias se queiran sentar a negociar. “O Ministerio ten que revisar a lexislación do paquete lácteo de cara a darlle un poder real ás OPs e mesmo ás cooperativas de primeiros compradores, xa que agora mesmo son o ‘hazmerreír’ para algunhas industrias” -demanda Agaca en nota de prensa-. “Para iso é necesario prohibir de inmediato que as industrias negocien directamente cos produtores socios dunha OP ou mesmo dunha cooperativa, xusto o contrario do que están facendo estes días”.

Agaca pide tamén un control dos primeiros compradores intermediarios, “que están a aumentar de xeito desproporcionado” con actuacións propias de “oportunistas e especuladores”, valora a Asociación Galega de Cooperativas. A entidade demada das Administracións inspeccións e controis estrictos sobre o leite mercado a baixos prezos.

Perspectivas
A suba estacional da produción de leite, habitual cada primavera, xuntouse este ano con outras dúas circunstancias, unha mala situación de mercado, cos prezos dos produtos lácteos industriais tocando fondo, e o fin da cota láctea en toda Europa, cos conseguintes aumentos das entregas de leite ás industrias. Estas circunstancias desencadearon no agro galego unha complicada situación que, máis alá das solucións a curto prazo, esixe estratexias de futuro, ó entender do sector.

“Precísase dun marco estratéxico onde toda a cadea láctea estea implicada e teña garantida unha rendibilidade” (Agaca)

“Precísase dun marco estratéxico onde toda a cadea láctea –gandeiros, industria e distribución- estea implicada e teña garantidas unhas rendibilidades básicas”, defende Agaca. “É fundamental tamén que as industrias atopen mecanismos para defender o mercado lácteo español e que traballen conxuntamente para exportar produtos, por exemplo con infraestruturas conxuntas de leite en po”, suxiren as coopetivas en nota de prensa emitida onte.

As cooperativas, por último, fan unha reflexión sobre a necesidade de estruturas industriais propias: “Os gandeiros galegos fixeron un gran esforzo na modernización das súas explotacións, pero nunca se lles ocurriu pensar que o seu problema podería estar en que facer co leite, como lle pasa a moitos gandeiros a día de hoxe”.

ACTUALIZACIÓN
A Consellería do Medio Rural asegurou a media tarde do 1 de maio en nota de prensa que xa estaban resoltos todos os problemas que había na recollida do leite en cooperativas galegas. Medio Rural asegura que estivo a facer xestións entre industrias e cooperativas e que conseguiu que a algunha cooperativa se lle presentasen ata catro ofertas pola súa produción. A Consellería insistiu tamén na nota de prensa en culpar ás organizacións de produtores de deixación de funcións neste caso. En declaracións ós medios, a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, asegurou que os contratos pechados estes días entre cooperativas e industrias son a prezos de mercado, no entorno dos 27 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información