Preguntas e respostas sobre o coronavirus no agro

Principais cuestións a ter en conta na gandería, agricultura e sector forestal, así como aspectos comúns a todo o campo, coma desprazamentos, venda ó público e tramitación de axudas

Preguntas e respostas sobre o coronavirus no agro

Esta tempada o agro traballa na campaña de ensilado de herba. / Arquivo.

Durante as xa máis de tres semanas que leva declarado o estado de alarma, xurdiron numerosas dúbidas no sector agrario sobre os servizos que continuaban e sobre as actividades que se podían ou non facer. Repasamos a situación actual, en base ás indicacións das Administracións e organizacións agrarias.

Gandería

Cal é a situación do saneamento gandeiro?
O saneamento gandeiro estivo suspendido desde o inicio do estado de alarma, salvo accións puntuais. O ministro de Agricultura, Luis Planas, anunciou esta semana que consideraba imprescindible retomar a actividade de saneamento gandeiro o antes posible, se ben trátase dunha opinión que a nivel de Galicia non é compartida desde o sector, xa que a Comunidade lidera os rankings estatais de sanidade do gando.

Unións Agrarias lembra que en Galicia hai dúas provincias xa declaradas indemnes á tuberculose e á brucelose, A Coruña e Pontevedra, en tanto que os casos totais de tuberculose na comunidade son ínfimos, 38 positivos sobre unha cabana de 789.000 animais no ano 2018, polo que considera “un risco para a saúde de veterinarios e dos titulares das granxas” retomar a actividade de saneamento en tanto dura o estado de alarma.

“Desde hai uns días, están citando de novo ós veterinarios de saneamento para acceder ás explotacións, mentres o colectivo veterinario se nega en xeral a acudir a realizar inseminacións de animais, coa conseguinte perda de ciclo reprodutor das vacas”, sinalan en Unións Agrarias.

A organización agraria avoga por manter temporalmente parado o saneamento en Galicia, sustituíndoo por análises post-mortem en matadoiro que permitan identificar se hai algunha gandería con problemas, que entón si sería visitada. Unións tamén é partidaria de manter o saneamento en casos específicos, como trashumancia de animais ou importacións de vacas de zonas de risco.

Van seguir traballando os veterinarios dos servizos de saneamento gandeiro?
Polo de agora, os servizos de saneamento seguen traballando de forma presencial nos seguintes casos:

  • Ganderías con existencia de animais reaccionantes nas campañas de saneamento gandeiro nas semanas anteriores á crise e que estean pendentes de inmobilizar.
  • Revisión sanitaria de animais para proceder a cancelar a inmobilización dunha explotación, pois a demora suporía un serio perxuízo para a granxa.
  • Probas sanitarias en relación ós programas de erradicación de enfermidades, cando non se poidan demorar.
  • Toma de mostras en matadoiro de animais reaccionantes, positivos ou dubidosos, nas campañas de saneamento.
  • Inspección de porcos e leitóns que poidan proceder doutros países da UE, no marco do control da peste porcina africana.
  • Actuacións tras detectarse positivos a inhibidores nas analíticas de leite do Ligal.
  • Calquera outra actuación ligada a casos de alerta por cuestións de sanidade e benestar animal.

Hai algunha limitación para os servizos de veterinarios, CUMAS, empresas de maquinaria, técnicos agronómicos?
Non. Os veterinarios poden prestar os servizos que consideren oportunos, sempre tendo en conta as medidas de prevención polo coronavirus. Na práctica, os veterinarios están limitando as visitas ás explotacións a aquelas cuestións máis urxentes. Tampouco hai restriccións para as labores de recollida de forraxes ou sementeira, sexan feitas pola propia explotación ou por servizos de maquinaria.

Podo levar un becerro ou unha vaca ó matadoiro? E a un cebadoiro?
Si, está permitido ese transporte.

Os mercados de gando teñen actividade?
Non. En Galicia optouse por suspendelos, unha decisión que despois se extendeu tamén a Asturias. Os tratantes de tódolos xeitos están sacando ós animais de recría das granxas. A venda de vacas de desvelle a matadoiros tamén é posible.

Non teño copias cotexadas da folla de saneamento, podo mover animais bovinos, ovinos e cabrúns para vida ou con destino a matadoiro cunha copia sen cotexar?
Si, durante o período da alarma sanitaria polo coronavirus permitiranse os movementos de animais bovinos, ovinos e cabrúns, tanto para vida como para matadoiro, coa copia da folla de saneamento sen cotexar.

Pódense recoller crotais para o gando?
Si, pero hai que pedir cita telefónica nos servizos veterinarios das Oficinas Agrarias Comarcais. O servizo veterinario terá todo preparado para que o gandeiro recolla os seus crotais. Non haberá problema para dar de alta ós becerros.

Están abertas as oficinas agrarias comarcais?
Suspéndese toda a actividade presencial de atención ó público, salvo procedementos imprescindibles que non poidan tramitarse por internet ou teléfono. Inclúese aquí a solicitude de guías para traslado de gando e certificados sanitarios internacionais que se precisen para o movemento dos animais.

En calquera caso, haberá que pedir cita previa e a Oficina coidará de dar as citas espaciadas, de xeito que nunca coincidan dúas persoas convocadas.

As oficinas de organizacións agrarias como Sindicato Labrego e Unións Agrarias, que tamén lle prestan servizos ó sector, mantéñense pechadas, se ben teñen atención telefónica, por internet e, nos casos de urxencia, tamén presencial.

Que recomendacións de prevención específicas hai para explotacións agrarias?
Podes consultar nesta información as recomendacións de protocolos da Xunta para o agro, así coma recomendacións específicas para o ensilado de herba.

Podo desprazarme ás colmeas para o mantemento da actividade apícola?
Si. Para a acreditación do carácter de apicultor/a, é suficiente con que a persoa leve consigo o caderno de explotación apícola. É conveniente tamén seguir as medidas de prevención do coronavirus no ámbito apícola.

Horta e Viña

É posible aplicar tratamentos fitosanitarios?
Si, pódense dar os tratamentos. No sector do viño, por exemplo, as cooperativas mandaron mensaxe de levar encima o rexistro vitícola.

Os agricultores non profesionais que teñan fincas con viñedos ou hortas poden trasladarse desde a casa para regar, plantar as patacas, sulfatar a viña ou outras actividades similares?
Medio Rural permite a agricultura de autoconsumo se as hortas e viñas están a menos de 500 metros da vivenda. Esixe que as persoas que as atendan estean en posesión dun carné de aplicador de produtos fitosanitarios, do que carecen boa parte dos agricultores non profesionais.

Actividades forestais

Está permitido ir cortar leña sen que isto supoña actividade profesional?
Aqueles desprazamentos que representen unha causa de forza maior, como ter madeira para quentarse ou cociñar, son xustificables.

Quixera facer unha queima controlada, este servizo vese afectado?
Dende o día 16 de marzo e ata novo aviso están prohibidas todas as queimas de restos agrícolas ou queimas forestais prescritas.

Podo facer traballos silvícolas mentres dura o estado de alarma?
Actualmente, e mentres transcorra o estado de alarma, só está permitida a realización dos traballos silvícolas por parte dos profesionais do sector, segundo sinala a Xunta.

Que recomendacións de prevención hai para o sector forestal?
Podes consultar nesta información as medidas de prevención recomendadas.

Están abertos os Distritos Forestais?
Están pechados e suspendéronse todo tipo de quimas ata novo aviso. Outras entidades que lle prestan servizo ó sector, como a Asociación Forestal de Galicia, tamén manteñen pechadas as oficinas, pero continúan a atención telefónica, os traballos en monte e a atención presencial en casos de urxencia.

Desprazamentos

Pódense compartir desprazamentos nun coche?
Poden circular dúas persoas en coche polas vías públicas cando se trate de asistencia a persoas dependentes, menores de idade ou por necesidades debidamente xustificadas. No caso de circular por motivos de traballo, poden ir como máximo dúas persoas no coche, unha conducindo e outra no asento posterior e en diagonal. A causa laboral considerase causa xustificada se é acreditada cos certificados ou a documentación pertinente.

Para traballadores do sector agrogandeiro e do sector forestal, as Administracións seguen o seguinte criterio: en veículos con capacidade para 5 persoas, un máximo de 2 persoas, sentadas en diagonal; veículos con capacidade para 9 persoas, un máximo de 3 persoas, tamén co mesmo criterio de manter unha distancia de seguridade.

Se teño un accidente durante o Estado de alarma, o seguro vaise facer cargo só se estou facendo unha actividade autorizada no Real Decreto?
As aseguradoras faranse cargo, pero as persoas accidentadas terán que responder ante as autoridades e/ou administración do motivo polo que circulaban debido ás restricións de uso das vías. Se o motivo do desprazamento non está xustificado, a persoa enfrontarase a unha sanción.

O Sindicato Labrego lembra que a Asociación Empresarial do Seguro UNESPA di literalmente: “Reitérase que a declaración do estado de alerta non modifica as proteccións que ofrece o seguro do automóbil, tanto na súa modalidade de seguro a terceiros como no resto de garantías. Esta declaración institucional realízase a raíz da aparición dalgunhas informacións incorrectas en medios de comunicación e redes sociais nas que se cuestionaba a continuidade da protección”.

Permítese o desprazamento de traballadores/as das granxas e explotacións agrícolas?
Os desprazamentos para traballar están permitidos. Hai que seguir as recomendacións sanitarias. Os desprazamentos en coche serán individuais e se ten que ir outra persoa (traballadora), ten que ir no asiento de atrás e en diagonal.

A cuestión é o control de actividade que van facer os corpos de seguridade, pois estanse pedindo papeis distintos: Aconséllase levar xustificante ou certificado.

Polo tanto, tódolos desprazamentos en tractor tamén están incluídos, cando sexa para realizar tarefas agrícolas.

Co peche de fronteiras, os traballadores que veñan de Portugal poden seguir traballando?
Si, pero recoméndase que leven certificado e enderezo e horario do centro de traballo.

Teño unha segunda vivenda onde hai animais, podo desprazarme para darlles de comer?
Están permitidos todos aqueles desprazamentos que representen unha causa de forza maior, unha situación de necesidade ou de análoga natureza. Por iso se permiten os desprazamentos para prover de alimento e salvagardar o benestar dos animais que se atopen en vivendas secundarias.

Venda ó público

As tendas de suministros agrícolas e gandeiros poden abrir?
O Ministerio aclarou onte nunha nota de prensa que tódalas comerciais agrícolas poden manter a actividade, sempre coidando que non se formen aglomeracións e mantendo as distancias de seguridade entre consumidores e empregados. A venda de sementes, pensos, fitosanitarios, fertilizantes, ferretería agrícola e demais servizos para o agro, pode seguir funcionando.

As explotacións que fan venda directa poden seguilo facendo?
O Sindicato Labrego recomenda seguir coa actividade habitual, sempre seguindo as indicacións de Sanidade.

Pode continuar o funcionamento habitual dos grupos de consumo?
A falta dunha resposta oficial da Administración, o Sindicato Labrego recomenda que continúe o seu funcionamento, pois enténdese que suministran bens de primeira necesidade. Aconséllase, iso si, seguir os protocolos de prevención do coronavirus.

Continúan en marcha os mercados de alimentos locais?
O Ministerio de Agricultura mantén a prohibición de mercados locais de proximidade de ámbito alimentario. Arredor de 600 organizacións de toda España asinaron un manifesto pedindo a súa reapertura. A Consellería do Medio Rural tamén se pronunciou a favor da volver a poñelos en marcha.

Axudas

Teño que presentar unha solicitude de axudas na que se remata o prazo de presentación Como podo facelo?
A declaración do Estado de alarma prevé unha suspensión de prazos. A suspensión supón que non “corren” estes prazos desde a entrada en vigor do estado de alarma, reanudándose o seu cómputo, cando finalice o Estado de alarma.

No caso de presentación telemática dunha solicitude de subvención, podo presentala igual aínda que os prazos estean suspendidos?
Si, a presentación telemática está operativa, aínda que os prazos non corren.

E no caso da solicitude da axuda PAC?
O Ministerio publicará unha orde que establece que a solicitude poderá facerse ata o 15 de xuño. Se fose necesario, poderanse facer modificacións da solicitude única de axuda con posterioridade, coa data límite do 30 de xuño.

Una idea sobre “Preguntas e respostas sobre o coronavirus no agro

  1. DIANA CALVAR GARCÍA

    Hola, buenos días!
    En Moaña la policia local no permite atender los cultivos de fincas privadas, por favor, quería saber dónde obtener más información y denunciar esta situación. Gracias.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información