Tensa situación na cooperativa Xallas polo enfrontamento entre presidente e Consello Reitor

Tensa situación na cooperativa Xallas polo enfrontamento entre presidente e Consello Reitor

Asemblea da cooperativa Xallas celebrada este venres.

A cooperativa Xallas vive unha tensa situación interna polo enfrontamento entre o actual presidente, José Gardado Sande, e boa parte do Consello Reitor da Cooperativa.

O conflito evidenciouse na asemblea celebrada na noite deste venres no local da cooperativa en Santa Comba. Os socios da cooperativa recibiron nos días previos dúas convocatorias distintas: unha do consello reitor na que o punto principal era o cesamento do actual presidente e no seu caso a elección dun novo responsable da cooperativa xalleira, e outra do propio presidente na que ademais se engadía un punto no que se pedía aos socios que votasen a destitución dos cargos do consello reitor críticos co presidente.

Finalmente, a concorrida asemblea, con máis de 200 asistentes, iniciouse pasadas as dez da noite, despois dunha disputa na que varios asistentes tirasen a mesa de acreditacións, e entrasen no recinto, polo que non puido comprobarse se todas as persoas presentes na sala eran realmente socias da Cooperativa Xallas. Iso provocou que non puidesen realizarse as votacións, ao advertir o avogado da cooperativa de que a asemblea sería impugnable ao non estar acreditada a condición de socios dos presentes.

Agora prevese que unha parte dos socios, a máis crítica co consello reitor e co xerente, inicien a recollida das 100 firmas de socios esixibles para que o Consello Reitor teña que convocar unha nova asemblea nos próximos 30 días.

Loitas internas e desacordos ao redor da integración en Clun

Detrás deste conflito interno están as rivalidades entre o anterior e o actual consello reitor, así como as diferenzas na directiva ao redor da integración da Cooperativa Xallas en Clun. De feito, os socios xa votaron en outubro pasado por un 85% de votos contra a integración neste proxecto impulsado pola Xunta e que integra ás cooperativas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto.

As fortalezas que aducen os contrarios á integración son que Xallas é unha cooperativa saneada economicamente e co quilo de penso para os seus socios ao redor de 3 céntimos máis barato que o que pagan a maioría dos gandeiros.

Porén, a cooperativa xalleira é unha das poucas do sector lácteo galego que aínda non conta cun proxecto industrial de transformación do leite, por exemplo a través da compra ou a entrada no capital dunha queixería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información