A tenreira cae de prezo, pero mantén mercado

As ganderías galegas atopan saída fluída para os seus animais, se ben o peche da hostelaría, que canalizaba as partes máis valoradas, leva ó abaratamento dos becerros

A tenreira cae de prezo, pero mantén mercado

Gandería de Ternera Gallega Suprema. / Arquivo.

A crise do coronavirus xerou un aumento inicial das compras de carne de tenreira que se demostrou un espellismo. A maior demanda dos supermercados mantense, pero constátase xa que é insuficiente para cubrir o peche da hostelaría, principalmente porque a carne máis valorada e máis usada na restauración, como o lomo e a falda, quédase agora cunha saída escasa.

Eses excedentes de pezas nobles provocaron o abaratamento dos becerros, unha situación que xa se percibe no campo, con caídas de prezo que oscilan entre 30 e 50 céntimos / Kg. Outra parte do mercado, a xestionada directamente polas cadeas de distribución, mantense sen embargo, pois grupos como Vegalsa-Eroski están a respetar os prezos pactados coas ganderías que os suministran, segundo apuntan fontes do sector.

Os becerros chegaron a baixar no campo entre 30 e 50 céntimos / Kg. polo peche da hostalaría

O empeoramento do mercado preocupa no campo, aínda que as ganderías continúan en xeral cunha saída fluída de animais. “Non sabemos que sucederá nos próximos meses, pero polo momento o mercado mantense e estanse vendendo os animais sen problema” -explica Antonio Álvarez, xerente da cooperativa Artesáns Gandeiros, que agrupa ás cooperativas Clun, Lemos e A Carqueixa-. “A parte negativa é que o peche da hostelería xerou excedentes de faldas e lomos, o que provocou baixadas considerables de prezo nos becerros”, lamenta.

En caso de que o mercado empeorase, as granxas e os cebadoiros contan este ano con maior marxe de manobra polos cambios normativos de Ternera Gallega, que nada teñen que ver coa crise do coronavirus, pero que chegan nun momento axeitado. Os exemplares de Ternera Gallega pódense vender desde febreiro ata con 12 meses de idade, cando o límite anterior eran 10 meses. En Ternera Gallega Suprema mantense o límite de 10 meses, pero os animais poderían comercializarse ata con 12 meses pasándose á categoría Ternera Gallega, o que sería un mal menor.

“Os animais véndense sen problemas, pero é certo que houbo unha caída considerable de prezos” (Antonio Álvarez, Artesáns Gandeiros)

“Se o mercado empeorase 2-3 meses, poderíase salvar bastante a situación con esa solución de manter un pouco máis os animais nas ganderías”, valora Antonio Álvarez.

Polo momento, é unha medida que non é precisa. Na cooperativa A Carqueixa (Cervantes, Lugo), que agrupa a ganderías que venden baixo o selo de Ternera Gallega Suprema, sinalan que os animais seguen saíndo antes do límite dos 10 meses. “Estamos sacando só os animais que chegan ó límite porque o prezo baixou bastante. A comercialización que mellorou é a venda online directa a particulares, pero non compensa a perda de beneficios da outra parte”, explica o xerente da Carqueixa, Román Sánchez.

“A venda online directa mellorou moito, pero non compensa a caída nos prezos dos becerros vendidos a matadoiro” (Román Sánchez, A Carqueixa)

Vacún maior
Con todo, o mercado de carne de vacún máis afectado pola crise é o de vacún maior, sobre todo o centrado en pezas nobres para hostelaría. “Só están saíndo vacas que é necesario sacrificar, pois o mercado caeu moito e o prezo tamén”, confirman na Carqueixa.

Desde Artesáns Gandeiros centran a caída de mercado do vacún maior nas vacas máis engraxadas, en tanto precisan que o mercado das vacas magras ou medias mantense aínda en certa medida.

Provacuno pide apoios ó almacenamento privado, intervención pública e axudas para granxas e cebadoiros

A Interprofesional da carne de vacún, Provacuno, emitiu hoxe unha nota de prensa na que solicita medidas públicas de apoio ó sector. En concreto, Provacuno pide que a Comisión Europea habilite axudas para o almacenamento privado, que se poña en marcha un sistema de intervención pública de carne e que haxa axudas directas para cebadoiros ou para ganderías de vacas nodrizas que se vexan obrigadas a manter os becerros máis tempo do habitual.

En canto a medidas a nivel estatal, a Interprofesional pide que haxa apoio ás exportacións, incentivos fiscais para gandeiros, cooperativas e industrias, así como un programa de promoción do consumo de carne de vacún nos próximos meses.

“Os apoios ó sector primario teñen que ser rápidos. Se pecha unha granxa, non volve” (José Ramón González, Unións Agrarias)

Medidas propostas desde Galicia
Desde o sector en Galicia, tamén se valora a necesidade de medidas. Tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego Galego están a favor da activación das compras públicas para desconxestionar o mercado.

“En xeral no sector primario hai que ser rápidos coas medidas de apoio. Se unha explotación tivese que pechar, non vai volver, así que o esforzo tense que facer antes de que ninguén caia” -valora o responsable de vacún de carne de Unións, José Ramón González-. “Hai tamén matadoiros que se poden atopar con dificultades por falta de capacidade de almacenamento ou de capacidade financieira para compras, polo que tamén precisarán de apoios”.

“Unha reivindicación histórica nosa é a activación dun sistema público de compras en casos de crise” (Lois Varela, Sindicato Labrego)

O responsable da sectorial de vacún de carne do Sindicato Labrego, Lois Varela, demanda igualmente a posta en marcha de compras públicas de carne, de xeito que se retire carne temporalmente do mercado. A organización amosa a súa preocupación pola baixada de prezos no campo, que varía en cada caso particular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información