Tendencias na UE, máis sólidos en leite, menos leite líquido no mercado

As previsións da Comisión Europea apuntan a leves aumentos de produción no 2020 que serían absorbidos polo mercado de queixos, manteiga e leite en po

Tendencias na UE, máis sólidos en leite, menos leite líquido no mercado

A campaña 2019 estase caracterizando no conxunto da Unión Europea por aumentos significativos na produción de sólidos lácteos, tanto graxa como proteína. Hai un aumento da produción de graxa do 1,3% e de proteína do 1,5%, cun aumento de produción de leite que ronda o 0,5%. Ese crecemento dos sólidos, que permitirá un aumento da fabricación de derivados lácteos, vai acorde coas tendencias de mercado na UE, que apuntan a crecementos dos mercados de queixos, manteiga e leite en po, en tanto o leite líquido mantén unha liña á baixa en toda Europa.

As vendas de leite líquido rematarán o ano cunha caída do 1% no conxunto da UE e espérase que a tendencia á baixa continúe nunha liña similar no 2020. O mercado de exportación de leite líquido está funcionando ben (+20% no 2019), malia as dificultades de volume que ten este leite para viaxar, pero as vendas ó exterior representan só un 3% da produción total de leite líquido.

O mercado europeo das bebidas vexetais equivale a un 4% das vendas de leite líquido

Os esforzos das industrias lácteas por diversificar a oferta de leite líquido, con gamas como o leite de pastoreo ou o leite de vacas alimentadas sen transxénicos, non están a conseguir frear o descenso do consumo interno, segundo a análise da Comisión Europea.

Entre tanto, as bebidas vexetais, que desde hai anos se apuntan como unha ameaza para o leite líquido, representan en realidade só un volume equivalente ó 4% das vendas totais de leite na UE, segundo a Comisión. Hai fabricantes lácteos que están incluíndo as bebidas vexetais na súa oferta, pero iso non lles está a permitir compensar a baixada da venda de leite líquido.

Boas perspectivas para queixos e derivados
O comportamento do consumo total de produtos lácteos na UE preséntase, sen embargo, positivo, con aumentos de consumo previstos dun 0,5% para o 2019 e dun 0,3% no 2020. Esas boas perspectivas céntranse en queixos e derivados lácteos, que medran tanto no mercado interior como no de exportación.

As industrias rematarán este ano cun crecemento do 1% na produción de queixos e cunha suba do 2% nas exportacións. Esa tendencia desacelerarase o próximo ano, pero o 2020 manterá números positivos de aumentos de produción (+0,6%) e de exportacións (+1,5%), segundo a Comisión, se ben haberá que ver como evolucionan os conflictos comerciais con países como Estados Unidos, que estaba a acaparar este ano o groso do aumento das exportacións europeas de queixos.

En leite en po, hai boas perspectivas de aumentos de produción no 2020 (+5%) e de vendas ó exterior, unha situación que se repite no mercado da manteiga, con previsións de crecemento dun 2,5% no 2020. Nos últimos meses baixou o prezo da graxa láctea, convertindo á manteiga europea en máis competitiva no mercado global. A Comisión tamén prevé que se poida revertir o proceso que se dera na industria alimentaria de sustituír a graxa láctea por graxas vexetais, dados os altos prezos da graxa do leite.

Perspectivas de produción no 2020
A reducción da cabana gandeira láctea que se está a experimentar no conxunto da UE, unida a unha desaceleración da mellora de rendementos produtivos, leva á Comisión a ser modesta nas súas previsións de crecemento de produción para o 2020. Espérase que o próximo ano remate cun 0,5% máis de leite entregado que este exercicio.

Por países, continuará habendo significativas diferenzas. En países como Francia ou Alemania estanse producindo leves baixadas de produción por factores como a seca estival, que empeorou a colleita de herba e de millo. Outros países, sen embargo, manteñen unha liña á alza, co caso paradigmático de Irlanda, que está a medrar un 8% en relación ó ano anterior.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información