Tendencias de sensores en granxas de vacún de leite

As novas tecnoloxías, que se están incorporando nos últimos anos ás granxas máis profesionalizadas, van aumentando as súas posibilidades de xeito progresivo. Alimentación de precisión, prealertas de partos ou detección de coxeiras son algunhas das posibilidades

Proxecto aínda non comercial que analiza con sensores a pisada das vacas para anticipar a detección de coxeiras.

Proxecto aínda non comercial que analiza con sensores a pisada das vacas para anticipar a detección de coxeiras.

As innovacións tecnolóxicas están a permitir a cada paso un maior control sobre todos os parámetros de saúde, alimentación e produción das vacas. Unha rede europea, 4D4F, que agrupa a gandeiros, técnicos e empresas do sector, compilou máis de 100 sensores comerciais que se poden atopar no mercado. Desde os xa utilizados hai anos, como os podómetros de reprodución, até novas tecnoloxías que advirten dun inminente parto ou que axudan na detección de coxeiras, entre outros.

Na rede 4D4F resumen a potencialidade dos sensores cun lema: “Vacas felices, gandeiros contentos e consumidores satisfeitos”. Hai consenso tamén en que os sensores son unha ferramenta que pode axudar a mellorar o manexo dos animais, pero non substitúen a unha correcta xestión das explotacións.

Facemos un repaso por algunhas das gamas de sensores dispoñibles para gandarías de leite coa axuda de Aida Xercavins e Aranzazu Varvaró, técnicas do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA) de Cataluña, unha das entidades que participa na rede 4D4F.

“Hai unha serie de tecnoloxías de sensores que no vacún de leite están moi implementadas, sobre todo podómetros de reprodución ou ferramentas para o control da saúde da ubre, pero hai outros aspectos onde a implementación é menor” -explica Aida Xercavins-. “Por exemplo, existen xa diversos sensores comerciais que emiten prealertas de parto nas vacas ou tecnoloxías que axudan na detección de coxeiras e que poden ser moi interesantes para as granxas”, valora.

O proxecto 4D4F organízase en 12 grupos de interese, que son os seguintes: Saúde da ubre, Coxeiras, Nutrición, Reprodución, Actividade e comportamento, Enfermidades metabólicas, Tenreiros e recría, Datos de muxido, Xestión de datos, Manexo dos pastos e un último orientado ó caprino: Instalacións, e tecnoloxías para Cabras leiteiras. Aínda que a páxina web do proxecto está en inglés, pódense atopar en español artigos e guías de boas prácticas para o uso de sensores para cada grupo de interese.

O avance dos sensores no vacún de leite, orientados ás granxas máis profesionalizadas, dependerá de factores como o prezo, as melloras que acheguen para a granxa ou a súa maior ou menor facilidade de implementación. Pode consultarse unha listaxe de máis de 100 sensores comerciais no chamado almacén de tecnoloxías da rede 4D4F. Repasamos a continuación algúns deles.

Detección de partos

Saber cando vai dar a luz unha vaca é útil para levala a tempo ao curral de parto ou para proporcionarlle asistencia inmediata ao animal e á cría recén nada. No mercado hai diferentes sensores que predín o parto en base a aspectos como o movemento da cola, a temperatura corporal ou mesmo o propio inicio do parto por un sensor na canle vaxinal.

  • Movemento da cola. Trátase dun sensor non invasivo que se coloca na cola do animal unha semana antes do parto. Pode prever con gran precisión cando a vaca terá a cría medindo os patróns de movemento da cola provocados polas contraccións do parto. Cando as contraccións alcanzan certa intensidade e repítense con máis frecuencia, o sensor envía un aviso a un teléfono móbil, aproximadamente unha hora antes do parto.

    Así funciona, por exemplo, o sensor de Moocall. O sensor conta con batería recargable que dura 30 días e pode ser reutilizable noutros animais.

  • Termómetro vaxinal. Esta ferramenta monitorea a temperatura dos animais e envía alertas prepartos ao móbil que permiten monitorear a preparación para o parto e estar alí no momento preciso. O sistema Vel`Phone, por exemplo, avisa ao gandeiro 48 horas antes do parto e novamente 2 horas antes de que se inicie. Se o parto se vai producir durante a noite, o sistema conecta unha alarma ao móbil para avisar ao gandeiro co tempo de antelación que marque e que lle permita desprazarse á corte.

    O termómetro vaxinal é expulsado no inicio do parto, de forma que non interfere no proceso.

Outra posibilidade é o monitoreo diario da temperatura dos animais, por exemplo co uso de bolos ruminais, de xeito que advirte ao persoal de calquera posible incidencia na saúde do animal. Existen tamén tecnoloxías que combinan un sensor de movemento de cola coa monitorización da temperatura na canle vaxinal.

Avisos de temperatura alta nas tenreiras

O desafío de detectar o gando enfermo é unha tarefa fundamental para o persoal das granxas. A temperatura alta é tipicamente un dos primeiros síntomas da enfermidade respiratoria bovina e maniféstase 24-72 horas antes de que se aprecien síntomas visuais, como a falta de apetito ou a deshidratación. Deste xeito, monitorear continuamente a temperatura das tenreiras pode ser un sistema sinxelo para identificar o gando que se pode atopar en problemas.

Unha ferramenta para monitorear a temperatura dos animais é un crotal colocado na orella da tenreira, que mide a temperatura cada 15 minutos. Se o animal excede os 39,7 ºC durante un período de 6 horas, o sistema activa unha alerta consistente nunha luz led intermitente no pendente, que é visible desde uns 12 metros.

Xata co crotal de temperatura.

Xata co crotal de temperatura.

A recomendación da casa fabricante é utilizar os crotais de temperatura a partir das dúas semanas de vida do animal e ata que ten ao redor de 2,5 meses de vida, pois é o período crítico no desenvolvemento das tenreiras. Os ensaios feitos en granxas comprobaron que o dispositivo permite reducir o uso de antibióticos, así como a taxa de mortalidade por enfermidade respiratoria bovina.

Esa mellora repercute ademais nun maior crecemento dos animais, aumentando a súa ganancia diaria de peso, e posibilita a anticipación da data de parto.

Imaxes térmicas para mellorar a identificación de coxeiras

Cámara térmica para complementar as inspeccións do gando.

Cámara térmica para complementar as inspeccións do gando.

Os podómetros, que son utilizados para monitorear os movementos dos animais e avisar de celos e coxeiras, poden complementarse cunha tecnoloxía de cámaras con imaxes térmicas que permiten detectar o punto concreto da lesión.

Un ensaio nunha granxa coa ferramenta Cow Alert, que monitorea todos os movementos dos animais, identificou 7 vacas con problemas. Desas, 5 non presentaban síntomas visibles de coxeiras, pero o uso de cámaras térmicas da empresa Miracle Tech permitiu detectar que catro delas tiñan problemas específicos nas pezuñas que precisaban de tratamento. O gandeiro recoñeceu que se non fóra pola cámara térmica, que permitiu identificar o punto exacto das lesións, probablemente non lle tería botado unha segunda ollada a esas vacas, en aparencia sas.

A combinación das dúas tecnoloxías permitiu mellorar o control das coxeiras na granxa. Outras posibilidades de futuro das imaxes térmicas coas que se está experimentando abordan cuestións como a detección do momento óptimo de inseminación ou a identificación temperá de casos de mastite.

Sensores de presión
Un segundo sistema que pode axudar a mellorar a detección das coxeiras é un sensor de presión, pero non está dispoñible aínda comercialmente. O sensor é unha alfombrilla, colocada nun corredor polo que as vacas circulan polo menos unha vez ao día, que analiza as pegadas de cada animal (colocación, presión relativa dos cascos, etc.) e que advirte á granxa se detecta problemas de coxeira.

Sensores ruminais e de alimentación

A medición automática da actividade de masticación e rumia pódese usar para detectar transtornos alimentarios e metabólicos. Entre os sensores que se están comercializando, figuran bolos ruminais, crotais e colares. Repasamos algúns deles.

  • Crotais na orella, como o dispositivo Smartbow. O sistema monitorea continuamente a localización, actividade e rumia das vacas. A tecnoloxía baséase no feito de que as vacas teñen patróns característicos de movemento das súas orellas que permiten identificar os celos e problemas de rumia.

    O sistema, conectado a un software, está baseado na intelixencia artificial, pois aprende do comportamento e das pautas de actividade de cada vaca, de xeito que se vai autoaxustando para mellorar a súa precisión.

    Smartbow pódese conectar coa maioría de programas de xestión de granxas, como Uniform Agri.

  • Colares no pescozo. Os sensores de movemento colocados no pescozo, que avisan á granxa dos celos do animal, tamén poden ser útiles para monitorear o tempo que o animal pasa comendo (forraxe ou pasto). Un dos sistemas comercializados produce alertas se os tempos de alimentación se desvían en exceso da media dos 10 días anteriores, de xeito que a granxa teña información puntual de comportamentos anómalos.

    Un sistema similar é o de SCR, que monitorea a actividade e a rumia dos animais, producindo alertas de celos e de saúde.

Alimentación de precisión

A alimentación é o maior custo nas granxas de leite e ten unha gran influencia no rendemento e saúde dos animais. A alimentación de precisión, coa identificación das vacas en tempo real, permite alimentar aos animais individualmente.

Repasamos algúns sistemas de alimentación automática, de análise de alimentación ou de cualificación automática da condición corporal dos animais.

Robots de alimentación móbiles

Os roubos de alimentación permiten automatizar a alimentación de forraxe, concentrado ou de ambos á vez. Ou tamén poden simplemente achegar a comida e remesturala.

  • Robots de alimentación
    Existen diversos sistemas de robots de alimentación xa no mercado, ben por robots suspendidos ou conducidos por railes no solo. Son ferramentas que automatizan a alimentación dos animais, pois se encargan de pesala, mesturala e transportala. Pódense ver exemplos como o de Hetwin ou o Lely Vector.

    Sistema suspendido para distribuír a ración.

    Sistema suspendido para distribuír a ración.

    Outra opción é o sistema de cadea sobre o corredor de alimentación, consistente nunha cinta transportadora combinada cunha arrobadera que deixa caer a ración ao longo de todo o corredor.

  • alimentador bolos estandar

  • Distribuidor de pacas e bolos

    Pode optarse por distribuír toda a alimentación de forma automática ou só parte dela, como un sistema automático de raís que distribúe pacas ou bolos a través do corredor de alimentación. As pacas ou bolos de herba seca van suspendidas e o mecanismo encárgase de desenrolalos.

  • Robots que achegan e mesturan
    Existen tamén no mercado diversos modelos de robots que lle achegan a ración ás vacas. Un singular é o de Delaval, que non só achega a comida, senón que a volve a mesturar para presentala máis homoxénea e dificultar a elección por parte das vacas.
  • Dispensadores individuais de concentrado

    No pesebre, as vacas dominantes poden desprazar a algúns dos animais e aumentar así a súa inxesta de concentrado. Iso pode ter efectos negativos tanto para esas vacas, que teñen maior risco de engorde e de acidificación do rume, como para os animais que consomen menos enerxía, que poden así ver minguada a súa produción ou atrasar o seu crecemento.

    Para solucionalo, pódense situar en distintos puntos da corte dispensadores individuais de concentrado, de xeito que se elimine o concentrado da ración do carro e se distribúa só polos dispensadores individuais.

    Eses alimentadores identifican a cada vaca, equipada cun sensor no pescozo, e proporciónanlle a cantidade de concentrado, que se determina en función de factores como a idade, produción ou etapa de lactación. Ademais, o sistema divide a ración en diferentes tomas ao longo do día para evitar a acidificación do rume.

    Pesada automática do gando

    Hencol traballou nun proxecto experimental a partir do seu sistema automático de pesada de gando. O obxectivo do sistema, orientado ao gando de vacún de carne, é o de analizar o estado corporal dos animais e facer prognósticos de crecemento. En caso de desviacións sobre o esperado, o sistema xera alertas para advertir á granxa e optimizar a produción de carne.

    Existen tamén experiencias de pesada automática para vacún de leite que monitorean as tendencias de perda ou aumento de peso de cada animal. Esta ferramenta é unha pasarela con sensores que se coloca nun corredor de circulación dos animais. Combinada coa identificación de cada vaca, mide o peso do animal cada vez que pasa.

    Trátase dun sistema que se adoita usar a nivel de grupo e son populares en pastoreo para xestionar a planificación do pasto e valorar a necesidade de cantidades adicionais de forraxe ou concentrado.

    Sistema para puntuar a condición corporal

    Máis eficaz que o peso, no que inflúen factores como o leite, comida e auga, pode ser a medición da condición corporal do animal. Delaval desenvolveu un sistema con cámara, que se pode engadir aos seus robots de ordeño para puntuar a condición corporal dos animais. No caso de que a condición corporal baixe dun determinado nivel, o sistema envía unha alerta.

    Análise da forraxe na granxa

    O habitual é que as mostras de forraxe sexan enviadas a un laboratorio para a súa análise, pero a tecnoloxía NIR (estrectoscopia con infravermello próximo) permite analizar a forraxe en tempo real na granxa, o que axuda a optimizar a ración do rabaño. Xa existen no mercado autocarros mesturadores que incorporan a tecnoloxía NIR.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información