“Temos máis demanda que oferta de mel amparado pola IXP Mel de Galicia”

Entrevista a Esther Ordóñez Dios, presidenta do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia. Asegura que “os contratos homologados son a solución para dar estabilidade a apicultores e envasadores” e confía en que este ano se poda amparar no regulamento o mielato de carballo.

Publicidade
“Temos máis demanda que oferta de mel amparado pola IXP Mel de Galicia”

Esther Ordóñez, presidenta da IXP Mel de Galicia

A Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia rematou o 2015 con 315 apicultores inscritos, 31 máis que en 2014, e con 29 empresas envasadoras, 3 máis. Ademais, no que levamos de mes de xaneiro houbo 12 novas solicitudes de altas na IXP.

Se falamos de colmeas, o ano pasado Mel de Galicia sumou unhas 4.200 ata acadar 40.802, o que supón un aumento do 15% con respecto ao 2014. En canto ao mel certificado, en 2014 Mel de Galicia certificou en torno a 354.000 quilos e en 2015 subiu a 457.340 quilos, o que supuxo un aumento do 29%.

Con estas cifras parece que os apicultores galegos apostan cada vez máis pola IXP Mel de Galicia….
Dende o meu punto de vista o mel de Galicia non pode competir coas grandes producións de Andalucía ou de Arxentina e China, os grandes produtores mundiais, pero si podemos competir en calidade do mel. Isto é o que intentamos facer ver: que hai que valorizar o noso mel para que os consumidores busquen Mel de Galicia, cunha etiqueta e unha contraetiqueta, e non mel a granel.

O Consello Regulador de Mel de Galicia ofrece ao consumidor unhas garantías de trazabilidade e orixe do mel, maiores aínda dende que conseguimos a acreditación ENAC no pasado mes de decembro.

Vai para máis de 8 anos que estás á fronte da IXP Mel de Galicia. ¿Que logros salientarías do teu mandato?
O aumento do recoñecemento de Mel de Galicia tanto a nivel galego como español e internacional. Creo que cada vez máis consumidores coñecen o Mel de Galicia e o control e garantías que conleva esta etiqueta.

Por outra parte, salientaría que os apicultores galegos cada vez son máis conscientes da necesidade de apostar pola IXP como unha forma de valorización do produto e de recoñecemento de marca.

 “O mel de Galicia ten máis minerais e máis vitaminas que o resto dos meles do mercado”

Ademais, destacaría o proxecto de investigación “Posta en valor do mel: etiquetaxe nutricional” que fixo o Consello Regulador en colaboración coa Universidade de Vigo-Campus de Ourense. Con este estudo queríamos que o apicultor coñecese as propiedades nutricionais do seu mel para poder incluír esa información na etiquetaxe, e por outra parte, achegarlle ao consumidor a diferenciación do noso mel. As conclusións do estudo foron que o mel de Galicia ten máis minerais e máis vitaminas que o resto dos meles e ademais ten un importante contido en antioxidantes. Ademais, hai estudos científicos que avalan que consumir entre 2 e 3 culleres de mel ao día mellora o noso sistema inmunolóxico.

Por último, destacaría a consecución da certificación ENAC no mes de decembro, o que nos converte no primeiro Consello Regulador dunha IXP de mel en España en conseguila.

Como están sendo os prezos do mel para os apicultores inscritos en Mel de Galicia?
En Mel de Galicia temos tanto apicultores como envasadoras de distinto tamaño. As envasadoras pequenas solen comercializar soamente o mel que producen e as grandes, a parte de producir mel, tamén o mercan. O prezo que se estivo pagando a principio de tempada e case ata o final foi de 4 euros máis IVE por quilo, un prezo superior ao mel a granel que se vende para a exportación.

¿Resulta difícil para o mel de Galicia competir en prezo cos meles procedentes doutros países, moito máis baratos para o consumidor?
Creo que habería que informar e formar máis ao consumidor sobre os beneficios do Mel de Galicia e esa labor, na medida das nosas posibilidades, facémola dende o Consello Regulador.

As grandes multinacionais mesturan meles da UE e de fóra da UE, sobre todo de China, sen as mesmas garantías sanitarias e máis baratos que os meles de aquí. A lei non lles obriga a poñer o país de procedencia do mel.

 “A IXP Mel de Galicia garante que o mel é 100% galego”

Por iso, os consumidores teñen que saber que ao mercar Mel de Galicia, ademais de apoiar aos nosos apicultores e á biodiversidade a través da polinización, teñen a garantía da etiquetaxe do Consello Regulador de que o mel é 100% de Galicia, pois así se lle esixe ás empresas envasadoras inscritas.

É certo que nos últimos anos o mel de Galicia subiu de prezo pero o consumidor ten que ver que non todo é prezo, senón que o Mel de Galicia ten unhas cualidades e uns beneficios que non son comparables aos meles foráneos. Incluso vemos fraudes como produtos moito máis baratos que se venden como mel de cana de azucre, que non ten nada de mel, ou produtos para utilizar en postres con mel que nun 80% son glucosa e só o 20% mel.

Cales son os principais mercados do mel acollido á IXP?
Sobre todo para as envasadoras pequenas, o mercado é principalmente galego. Logo hai envasadoras máis grandes que venden para as principais cidades españolas. A nivel internacional estamos en Francia, Reino Unido ou os Países Árabes.

No mercado galego e español, malia estar máis caro que o resto dos meles, non vemos diminución no consumo de Mel de Galicia porque o consumidor valora a súa calidade.

 “Os chinos valoran o mel de calidade e están vindo a mercalo a Galicia”

En todo caso, vemos como cada vez máis envasadoras están apostando pola exportación de mel porque á distribución en España a veces cústalle aceptar a suba do prezo do mel. Pola contra, noutros países, como China, si valoran a calidade do Mel de Galicia e están vindo a mercalo aquí e o pagan ben. De feito non lles estamos vendendo todo o que quixeran, porque senón deixaríamos desabastecido o mercado galego e español.

Para os grandes apicultores que venden o mel a granel para a exportación, os principais obstáculos para inscribirse en Mel de Galicia son os prazos de pago por parte das envasadoras e as cantidades. ¿Estase a traballar para solucionar estes obstáculos?
Non estou de acordo. Dende que cheguei á presidencia da IXP Mel de Galicia intentamos facer uns contratos homologados para o mel de Galicia e fixemos unha primeira reunión pero parte do sector non está pola labor. O que queremos dende o consello regulador é que os produtores reciban un prezo adecuado e estean seguros de que llo van mercar e as envasadoras podan abrir máis mercado e ter a seguridade de ter ese mel para abrilo.

En canto aos prazos de pago, neste momento xa hai distintas posibilidades: hai un prezo se se paga o mel en man, outro se se paga a 60 días e outro se o apicultor quere cobrar a metade no momento da entrega e a outra máis adiante.

 “Os contratos homologados son a solución para dar estabilidade a apicultores e envasadores”

A solución para dar estabilidade a envasadoras e apicultores penso que son os contratos homologados sexa a través da IXP Mel de Galicia, ou a través da Agrupación Apícola de Galicia, na que tamén traballo como veterinaria e na que estamos a apostar polos contratos.

En canto á cantidade, o que máis lles interesa é mercar a dous ou tres apicultores grandes cantidades, polo que iso non é o problema. De feito hai grandes envasadoras da IXP Mel de Galicia que non abren máis mercado por non ter a garantía de subministro de mel por parte dos apicultores.

Temos máis demanda que produto en Mel de Galicia e é unha mágoa que siga sendo así.

mel_de_galicia_02_standarOs apicultores galegos piden que o mel escuro de Galicia, que a nivel legal na etiqueta debe figurar como mel de mielato, poda etiquetarse tamén como mel de carballo, para distinguilo das grandes producións de mel de mielato de Extremadura ou de Castela…
Na IXP están recoñecidas catro meles monoflorais (eucalipto, castiñeiro, queiroga e silva) e o mel multifloral. O que máis demandan as envasadoras é que se poda poñer para o multifloral mel de bosque ou mel de montaña pois a nivel legal só se pode poñer na etiqueta mel de milflores ou mel de mielato. Os anteriores son etiquetados facultativos pero no mercado hai xente que o está a utilizar como etiquetado obrigatorio e non pode ser: ou todos ou ninguén e así llo fixemos saber á Consellería do Medio Rural.

Algo que temos pendente dende o Consello Regulador é acoller os mielatos de carballo. Neste sentido, estamos a colaborar coa Universidade de Vigo-Campus de Ourense para caracterizar o mel de carballo e poder dalo de alta no regulamento da IXP Mel de Galicia.

 “Este ano esperamos cambiar o regulamento da IXP para amparar o mielato de carballo”

Tamén queremos baixar a porcentaxe que se pide no regulamento para o monofloral de Queiruga, pois aínda que organolépticamente si que se consideraría un mel monofloral de queiruga, a nivel de contido de pole custa máis pois trátase dunha planta pouco polinífera.

Queremos intentar conseguir estes dous cambios no regulamento durante este ano.

¿Cales son as tendencias de futuro en canto ao consumo de mel?
Os consumidores tenden máis aos meles monoflorais, que tamén se pagan máis. A nivel de envases, hai unha tendencia a mercar botes máis pequenos e incluso a mercar botes de distinto sabor para unha mesma casa, en vez dun só máis grande. Isto é así porque os consumidores cada vez coñecen máis os distintos tipos de meles, e incluso dentro dos meles multiflorais de Galicia distinguen os da Costa dos do Interior.

¿Queda potencial para aumentar a produción de mel en Galicia?
Si pero témolo que facer con sentidiño. Estanse dando de alta agora demasiadas colmeas porque hai axudas para apicultura, pero hai que manter a actividade durante 5 anos, polo que á xente que se inicia nesta actividade, o recomendable é que empece cunhas poucas colmeas.

Por outra parte, hai zonas de Galicia que xa están un pouco saturadas de colmeas, como Verín, A Gudiña ou Viana do Bolo. Onde hai máis posibilidades é nas zonas do interior de Galicia, como o interior e montaña de Lugo.

“A parte de gardar as distancias, a Xunta debería ver o aproveitamento apícola antes de autorizar novos colmeares”

Hai unhas distancias legais para poñer colmeares de 100 metros pero deberíase ter en conta tamén o aproveitamento apícola. Neste sentido, os colmeares dos apicultores novos que se dean de alta, aínda que dean as distancias, deberíase ver o aproveitamento apícola que ten a zona e se se corre o risco de saturarse e reducir o rendemento por colmea. Por iso, penso que nestes casos non se deberían dar de alta e a Xunta debería proporcionar un asesoramento. Así se lle trasladou á Consellería de Medio Rural dende a Agrupación Apícola de Galicia.

Por último, estase a actuar correctamente para combater a Vespa Velutina?
Penso que falta máis organización e máis unión de todo o sector. Dende a Consellería penso que estiveron desbordados e houbo cousas que se fixeron ben e outras mal. Transmitímoslle á Consellería que non se debería ter tan centralizado a retirada dos niños de vespa asiática senón que se debería facer a nivel de concello.

“O sistema de retirada de Vespa Velutina debería descentralizarse máis cara os concellos”

Penso que dende os municipios é máis fácil a súa localización e unha vez detectados uns cantos esa información pasaríaselle á Consellería para que viñera a retiralos todos dunha vez no mesmo día, e non de forma individual como se está a facer agora. Ademais, dende os concellos deberíaselle transmitir cales son os medios materiais necesarios para a retirada dos niños, e que o equipo de retirada xa veña preparada.

Algo moi importante tamén segue sendo colocar en primavera as trampas para capturar as raíñas de vespa velutina e colocalos non arredor dos colmeares senón preto de onde estiveron os niños de vespa asiática do ano anterior ou preto de ríos. Isto habería que repetilo no outono pero xa máis en colmeares e sitios que sexan fonte de hidratos de carbono para as avespas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información