Temor nos sindicatos a que a Xunta non aprobe a maior parte de plans de mellora

Segundo Unións Agrarias e o Sindicato Labrego Galego, ata o 50% das 2.378 solicitudes presentadas non serán aprobadas pola Consellería do Medio Rural. Critican a tardanza en resolver as axudas e as numerosas esixencias burocráticas. A Xunta asegura que “os plans de mellora aprobaranse este mes”

Temor nos sindicatos a que a Xunta non aprobe a maior parte de plans de mellora

Establo de Gandería Sar

Os sindicatos Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego critican o tardanza da Consellería do Medio Rural en aprobar os Plans de Mellora e advirten de que, segundo a información da que dispoñen, ata o 50% das solicitudes presentadas serán rexeitadas.

Este ano presentáronse un total de 2.379 solicitudes de plans de mellora, unha cifra récord -a media dun ano normal é de 700 solicitudes- que dá conta da vitalidade e dinamismo do sector agrogandeiro galego, pero que sobre todo se explica polo baixo número de solicitudes aprobadas nos dous últimos anos ao non ter Galicia aprobado o novo Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020.

A Consellería do Medio Rural responde que “os plans de mellora aprobaranse este mes, antes de que remate o ano 2016” e replica que “non existe ningunha demora na tramitación dos expedientes”. “Todos os anos se aproban por estas datas, xa que son moitas solicitudes e moita documentación que revisar, o que supón un gran esforzo por parte das unidades encargadas de tramitar estas achegas”, aseguran dende Medio Rural.

En canto ao porcentaxe de solicitudes que teñen previsto aprobar, dende o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez limítanse a informar de que “atenderase ao número máximo de beneficiarios  ata completar o orzamento dispoñible nesta convocatoria, que ascende a 36 millóns de euros para a liña de Plans de Mellora”. As axudas dos plans de mellora están cofinanciadas nun 7,50% pola Administración xeral do Estado, nun 17,50% pola Xunta de Galicia e nun 75% polos fondos europeos Feader. “En todo caso -engaden-, tal e como establecen as bases da convocatoria, a axuda será dun 40% dos custes elixibles, incrementables ata un máximo do 80%”.

Unións Agrarias: “Cremos que van ser denegadas máis da metade das solicitudes, sobre todo as que non teñen unha axuda de incorporación vinculada”

Sen embargo, a información que teñen as organizacións agrarias é que máis da metade das solicitudes de plans de mellora van ser rexeitadas. Así, Óscar Pose, responsable de Servizos de Unións Agrarias advirte de que “a pesar de que a Orde de convocatoria das axudas fala dunha puntuación mínima de 10 puntos, sen embargo parece que se vai facer o corte en 15 puntos, deixando fóra a moitas solicitudes, sobre todo a aquelas que non teñen unha incorporación vinculada ao plan de mellora”, xa que a incorporación por si soa xa supón 5 puntos. “Cremos que van quedar fóra máis da metade das solicitudes”, asegura.

Neste sentido, Óscar Pose critica que se deixe fóra a un número tan elevado de solicitudes. “É o primeiro ano do novo PDR e hai fondos, a non ser que a Xunta non queira incrementar o 17,50% que lle corresponde das axudas”. “Como mal menor”, o responsable de Servizos de Unións demándalle á Consellería que “abra de xeito inmediato outro prazo de convocatoria de plans de mellora para os que quedaron fóra e sen necesidade de realizar tramitación a maiores”.

En canto ás solicitudes tramitadas polo sindicato, Pose asegura que “entre o 65% e o 70% son do sector lácteo, fundamentalmente solicitudes de ampliación das instalacións, o que demostra a vocación de continuidade deste sector mediante o aumento da produción e a mellora do benestar animal”. O 30% restante son, principalmente, solicitudes para granxas de porcino e avícola, cun importante número para avicultura ecolóxica.

“Como mal menor, a Consellería debería abrir outro prazo para as solicitudes denegadas”

Por último, Óscar Pose critica os atrasos e atrancos burocráticos para a aprobación dos plans de mellora. “A convocatoria de axudas publicouse en decembro do pasado 2015 e non é normal que a día de hoxe sigan pedindo documentación, esixindo multitude de informes, sobre todo para as incorporacións”, critica o representante de Unións.

O certo é que a publicación en febreiro da Lei do Solo de Galicia ralentizou a aprobación de licenzas municipais para as solicitudes de plans de mellora. De feito, obrigou á Consellería do Medio Rural a publicar a instrución 1/2016, do 29 de abril (DOG nº 87, do 9 de maio de 2016) e a orde do 2 de setembro de 2016  (DOG nº 172, do 9 de setembro de 2016) para clarificar aos concellos a interpretación da nova lexislación.

Sindicato Labrego Galego: “Moitas persoas fixeron investimentos para os que non van ter axudas”

Pola súa parte, Xabier Gómez Santiso, secretario de Gandería do Sindicato Labrego Galego (Slg) coincide en que “a información da que dispomos é que a Consellería vai denegar máis da metade das solicitudes de plans de mellora”. “Se querían restrinxir as solicitudes que o fixeran xa nas bases da convocatoria, e que non fixesen que a xente levase o traballo a presentar as solicitudes e sacar as licenzas ou, o que é peor, xa teña feitos os investimentos contando cunha axuda que ao final non vai recibir”.

“Nun ano normal a xente ía á Oficina Agraria Comarcal e os funcionarios xa lle dicían se tiña a solicitude aprobada ou non, de forma que podía ir facendo os investimentos e realizar unha planificación. Pero este ano a Consellería non ofrece ningunha información, e temos casos de persoas que fixeron os investimentos e que pode que se queden sen a axuda”, critica o responsable do Slg.

Ingreso das axudas dos Plans de Mellora

A convocatoria de axudas para os Plans de Mellora establece que unha vez que que se formalice a Resolución pola que se lle concede unha axuda a un beneficiario e se lle notifique polos cauces legalmente establecidos, o beneficiario disporá de 24 meses para realizar os investimentos para os que se lle concede a axuda. Unha vez realizados estes e notificados á Administración, esta procederá á certificación dos mesmos e a realizar os trámites administrativos para o pago da axuda. “Como moi cedo á xente á que lle aproben o plan de mellora cobrará a axuda a finais de 2017 ou senón para 2018”, asegura Óscar Pose.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información