Sustentabilidade e OXM´s, claves do futuro da alimentación animal

A seguridade alimentaria exponse como peza crave nun sector, o de fabricación de pensos, que representa o 2% do PIB galego e sitúa a Galicia como terceira produtora do Estado. Resumo do IV Congreso de Alimentación Animal que se celebra en Santiago

Sustentabilidade e OXM´s, claves do futuro da alimentación animal

Mesa redonda do congreso

Unha alimentación da cabana gandeira cada vez máis sustentable, con reducións de emisións contaminantes de ata un 30% de aquí ao 2030; extensión dos organismos modificados xenéticamente e moita maior eficiencia na utilización da superficie agraria útil e dos recursos hídricos para alimentar a unha poboación de máis de 9.000 millóns de persoas en 2050. Estes son algúns dos retos que diversos expertos expuxeron na primeira xornada no IV Congreso de Alimentación Animal, que desde onte e ata este mediodía reúne en Santiago a máis de 400 asistentes procedentes de España e doutros países europeos.

O sector é de gran importancia para economía agraria galega, xa que Galicia é a terceira comunidade en produción de pensos compostos de España. Permiten manter a produción láctea, porcina ou avícola de carácter intensivo e as 116 fábricas existentes na Comunidade facturaron en 2014 uns 1.200 millóns de euros, o 2% do PIB galego.

“O futuro do sector pasa pola sustentabilidade”

A xornada da mañá iniciouse cun relatorio de Alexander Döring, secretario xeral da Federación Europea de Alimentos Compostos para Animais (FEFAC), a terceira asociación sectorial do mundo, despois da de Estados Unidos e a de China.

Döring incidiu en que “o futuro do negocio pasa pola sustentabilidade, algo que empeza na nosa base de clientes gandeiros”. Para iso, marcou como retos do sector mellorar as taxas de conversión de penso en quilos de carne, especialmente en gando porcino e en vacún; apoiar a I+D+i no sector e mellorar a eficiencia xeral na produción gandeira.

 “Para o 2030 imos reducir as emisións do sector en ata un 30%”

Todo iso, cunhas previsións de futuro que, segundo o secretario da FEFAC, pasan de aquí ao 2050 nas que “o consumo global de carne vaise incrementar tres veces polo incremento da poboación e o acceso a maiores niveis de renda”.

Inauguración do congreso pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez

Inauguración do congreso pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez

E todo iso reducindo as emisións contaminantes do sector en forma de gases: “Nas dúas últimas décadas reducimos as emisións do sector nun 20% e de aquí ao 2030 imos reducilas en entre un 20 e un 30%”, aseverou.

Ademais, Döring destacou que “a loita pola sustentabilidade no sector vainos a permitir contar unha boa historia á opinión pública, despois de anos nos que estivemos á defensiva en canto a seguridade alimentaria”.

Con respecto a isto último, o secretario da FEFAC subliñou que “a seguridade alimentaria é un prerequisito da sustentabilidade”. Neste sentido, criticou propostas da Comisión Europea “como que o futuro da alimentación animal pasa pola utilización de resíduos e subproductos da alimentación humana”. “En Bruxelas téñense que decatar de que non podemos comprometer a seguridade dos pensos a favor da sustentabilidade”, remarcou.

“Temos que mellorar a comunicación de riscos en toda a cadea”

En canto aos principais riscos de seguridade alimentaria aos que se enfronta o sector da fabricación de pensos compostos, Döring situou as dioxinas, as aflatoxinas ou os residuos de pesticidas. Como aspectos a mellorar para deter estes contaminantes das materias primas a partir das que se elaborarán os pensos, destacou a mellora das ferramentas e da asesoría para a xestión de riscos e a mellora da comunicación de riscos en toda a cadea.

Por último, o secretario da FEFAC loubou o sistema GALIS (Galicia Alimentos Seguros) posto en marcha pola Asociación Galega de Fabricantes de Pensos Compostos (AGAFAC). “En Galicia -asegurou- teñen un sistema de monitoreo excelente”.

Os retos da gandería para o ano 2050

Pola súa banda, Carlos Buixadé, catedrático da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos (ETSIA) da Universidade Politécnica de Madrid (UPM), abordou os retos da gandería mundial de aquí ao 2050.

Un futuro que prevé como de “tormenta perfecta que nos negamos a recoñecer” debido a unha combinación de factores: os efectos do cambio climático; o aumento da poboación mundial ata preto de 10.000 millóns, así como da esperanza de vida; a diminución da superficie agraria útil e da auga doce dispoñible no planeta. “E todo iso, aínda que agora non o vemos, provocará unha alza crecente dos prezos das materias primas”, engadiu.

Neste escenario, Carlos Buixadé defendeu como imprescindibles profundos cambios nos sistemas de produción de alimentos e de proteínas de orixe animal, “se queremos actuar intelixentemente como especie e poder alimentar a toda a poboación”.

 “Os OXM e as clonacións xeneralizaranse nas próximas décadas”

Entre estes cambios para realizar, o catedrático da ETSIA situou a aplicación de novas tecnoloxías que permitan optimizar a produción agrícola e gandeira. “Os organismo modificados xenéticamente e as clonacións van ter que xeneralizarse se queremos mellorar a eficacia e a eficiencia na produción de proteínas animais”, advertiu.

Igualmente, Buixadé augurou para 2050 a produción industrial a gran escala de tecidos e outros subproductos para alimentación humana. “Non só imos evitar a morte de millóns de animais, senón que reduciremos sensiblemente o consumo de auga e a xeración de residuos”, asegurou. O mesmo avanzou para o sector lácteo, “onde do mesmo xeito que a carne, seguirá existindo unha produción de leite de vaca, de maior prezo, pero a tendencia será a substituíla para o gran consumo por zumes proteicos”.

Como será a nova normativa europea sobre pensos medicamentosos?

Outro dos asuntos que preocupan ao sector gandeiro é a nova proposta na que está a traballar a Comisión Europea para regular os pensos medicamentosos, a principal vía a través da que se administran antibióticos á cabana gandeira de España, a diferenza do resto da Unión Europa, na que teñen máis peso os pos orais como vía de subministración.

Neste sentido, Leonor Algarra, Subdirectora Adxunta de Medios de Produción Gandeiros do MAGRAMA, explicou a postura do goberno español ante esta norma que vén negociando desde o ano 2014 e cuxa aprobación se prevé, como moi cedo, a finais de 2016.

Leonor Algarra mostrou o apoio do Goberno español á actualización dunha norma que data de 1990 e que se enmarca dentro do Plan de Acción contra Resistencias Antimicrobianas provocadas polo abuso de antibióticos en gandería intensiva da Unión Europea.

A actual proposta sobre pensos medicamentosos prexudica ao sector gandeiro español

Neste sentido, o goberno español defende, xunto á maioría de países europeos, que a nova norma comunitaria sobre pensos medicamentosos negóciese xunto coa proposta de novo regulamento de medicamentos veterinarios, que tamén está a debate en Bruxelas.

Segundo explicou Leonor Algarra, o principal punto de fricción é que na actual proposta da Comisión Europea, os pensos medicamentosos serían a única vía de administración de antibióticos a animais que estaría regulada con maiores limitacións, mentres que os pos de vía oral quedarían fóra, algo que prexudica ao sector gandeiro español.

Leonor Algarra

Leonor Algarra

“Os pensos medicamentosos son unha vía máis de administración de Medicamentos Veterinarios (MV), e por tanto, non se deben fixar condicións máis estritas para a administración de medicamentos a través do penso, que a través doutras vías de administración establecidas na norma de MV, por exemplo no período de duración do tratamento”, explicou a representante do MAGRAMA.

En consonancia con isto, España defende que os medicamentos que se aproben e regulen segundo o Regulamento de medicamentos veterinarios, “sexan os que posteriormente formasen parte do penso medicamentoso e, en consecuencia, a prescrición, duración do tratamento, validez da receita, etc. terán que ir en consonancia en ambas as propostas lexislativas”.

Durante a primeira xornada analizouse ademais a normativa no sector da fabricación de pensos compostos, abordando temas de vital importancia para o sector como a contaminación cruzada e a valorización de coproductos da industria alimentaria destinados a animais; e tamén houbo tempo para aprender a xestionar unha alerta alimentaria desde tres ópticas: a administrativa, por parte de provedores e medios de comunicación.

O IV Congreso de Alimentación Animal prolongarase ata este mediodía, onde terá lugar o acto de clausura por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información