Subas nos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes subas nos becerros de recría, nos carniceiros e en menor medida, no vacún maior. Tamén houbo incrementos no porcino e os ovos

Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes subas xeralizadas en boa parte das categorías que acoden ó mercado. Houbo subas nos becerros de recría, así como nos carniceiros e, en menor medida, no vacún maior. Nas mesas de prezos tamén se acordou un incremento do prezo nos porcos cebados e nos leitóns, así coma nos ovos.

No caso dos becerros de recría de raza Frisoa os de menos de 20 días cotizaron a 88 euros, case 20 euros máis que a semana pasada. Mentres, nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría máis abundante e representativa, o prezo incrementouse en 9 euros para acadar os 118 euros. Nos becerros de máis de 50 días houbo unha suba de 13 euros e pasaron a cotizarse a 137 euros.

Na recría de razas de cruce a tendencia tamén foi á alza aínda que con algunhas excepcións. Así, nos animais de menos de 20 días, o prezo situouse nos 241 euros, 11 euros por riba do rexistrado a semana pasada. Nos animais de entre 20 e 50 días apenas houbo cambios e o prezo situouse nos 345 euros, un máis. As femias desta sección rexistraron unha suba de 3 euros e pasaron a cotizarse a 244 euros. A excepción foi nos animais de máis de 50 días, cunha baixada no caso dos machos de 38 euros, para situarse nos 443 euros e nas femias o prezo caeu 22 euros ata os 344 euros.

Houbo tamén subas nos becerros carniceiros de cruces industriais. No caso dos machos o prezo medio foi de 846 euros, logo dun incremento de 45 euros, e as femias cotizáronse a 763 euros, tras unha suba de 41euros.

No vacún maior a tendencia dos prezos foi máis irregular. As vacas de primeira situáronse nos 1.103 euros, 3 euros máis que hai unha semana. Pero nas vacas de segunda, a categoría máis numerosa, baixou o prezo medio 28 euros ata os 701 euros. Onde si houbo unha suba clara foi nas vacas de desvelle, que se cotizaron a 470 euros, 22 máis que hai unha semana.

silleda vacun 2020 2 4

Subas no porcino e nos ovos

En canto ó porcino, nas mesas de cotizacións acordáronse unha semana máis subas en tódalas categorías. No porco cebado as subas foron de 0,030 nos animais selecto e normal que pasan a cotizarse a 1,515 e 1,490 euros o quilo respectivamente. Pola súa banda, a categoría de Canle II cotízase a 1,935 euros o quilo logo do incremento máis significativo, 0,039 euros. Nos animais de desvelle a suba foi de 0,020 euros e pasan a situarse nun intervalo de entre 0,86 e 0,92 euros o quilo.

Os leitóns tamén incrementaron o seu valor esta semana en 2 euros pasando así a cotizarse a 81 euros os animais procedentes dunha única granxa. Mentres, no caso dos porcos chegados de distintas ganderías o prezo sitúase nos 76 euros. O quilo está a 4,05 e 3,8 euros respectivamente.

Os ovos experimentaron subas de 0,02 euros que afectaron ás categorías XL e L , que se cotizan a 1,48 e 1,32 euros a ducia, respectivamente. Mentres, os ovos da clase M e S mantivéronse sen cambios en 1,17 e 0,95 euros a ducia, respectivamente. O prezo das galiñas de desvelle tamén se incrementou, neste caso en 0,01 euros, situándose agora entre os 0,10 e os 0,18 euros por quilo.

Na Lonxa de Madrid esta semana o prezo do coello mantense sen variacións e cotízase a 1,70 euros o quilo.

silleda porcino 2020 2 4

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información