Subas dos becerros de recría en Silleda e baixada do vacún maior

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes unha suba dos becerros de recría e unha caída do vacún maior. Mantéñense os prezos no porcino e caen os dos ovos

Subas dos becerros de recría en Silleda e baixada do vacún maior

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha lixeira suba nos becerros de recría, mentres que no vacún maior a tendencia foi á baixa. Sen cambios no porcino e caída de prezos nos ovos.

En concreto, no referido ós becerros de recría de raza Frisoa rexistráronse subas en todas as categorías. Así, os tenreiros de menos de 20 días subiron 17 euros o prezo ata situarse nos 71 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a suba foi de 10 euros e pasaron a 94 euros. Mentres, os animais de máis de 50 días subiron ata un prezo medio de 137 euros, 19 máis que a pasada semana.

Na recría de razas de cruces industriais a tendencia foi tamén á alza, pero con excepcións. Deste xeito, nos animais de menos de 20 días o prezo medio dos machos baixou en 54 euros e cotizáronse a 214 euros. Pola contra, os becerros de entre 20 e 50 días -a categoría máis numerosa e representativa- rexistraron unha suba de 13 euros e sitúanse nun prezo de 341 euros os machos e de 235 as femias, 9 euros máis que o pasado martes. En canto aos animais de máis de 50 días, incrementaron o seu valor en 88 euros os machos, acadando os 516 euros, mentres que as femias subiron ata os 406 euros, 132 máis que a pasada semana.

Nos becerros carniceiros de cruces industriais o prezo medio foi de 839 euros para os machos, 30 máis que hai unha semana; e 724 euros para as femias,o mesmo que o martes pasado.

Pola contra, o gando de vacún maior experimentou unha caída xeral das cotizacións, agás para as vacas de primeira, que tiveron un prezo medio de 1.115 euros, 6 euros máis que a feira pasada. No caso das de segunda -a categoría máis numerosa- houbo unha baixada de 11 euros para situarse nos 707 euros, e os animais de desvelle cotizáronse a 454 euros, logo dunha baixada de 12 euros.

silleda_xaneiro_20 vacun

Sen cambios no porcino e baixada dos ovos

En canto ó porcino, nas mesas de cotizacións acordous manter os prezos en tódalas categorías. Así, o porco cebado selecto e o normal mantéñense en 1,445 e 1,420 euros o quilo respectivamente. Pola súa banda, a categoría de Canle II cotízase a 1,844 euros o quilo. Nos animais de desvelle, seguen nun intervalo de 0,78 e 0,84 euros.

No caso dos leitóns tampouco houbo variacións, e o bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa mantense en 74 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 69 euros. O prezo por quilo é de 3,7 e 3,45 euros respectivamente.

Os ovos rexistraron unha baixada de 0,030 euros en tódalas categorías, agás nos de categoría XL, que cotízanse a 1,39 euros a ducia. Pola contra os da L baixan a 1,23 euros, os da M quedan en 1,12 euros e os da S a 0,90 euros. O prezo das galiñas de desvelle continúa sen variacións, situándose entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Mentres, na Lonxa de Madrid, esta semana o prezo do coello mantívose sen cambios e cotízase a 1,65 euros o quilo.

silleda_xaneiro_20 porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información