Suba dos prezos dos tenreiros de recría en Silleda e baixada dos ovos

Nas mesas de prezos acordouse manter as cotizacións do porco cebado e subir a dos leitóns. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 17 de xaneiro

Suba dos prezos dos tenreiros de recría en Silleda e baixada dos ovos

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia /Abanca caracterizáronse pola suba nos prezos dos tenreiros de recría, mentres que no vacún maior a tendencia foi a un lixeiro descenso. Nas mesas de prezos acordouse manter as cotizacións do porco cebado, e subir de novo a dos leitóns, que encadean máis dun mes de subida. Os ovos, pola contra, baixan e na Lonxa de Madrid a carne de coello segue nos 1,60 euros o quilo.

Nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos subiron lixeiramente en todas as categorías. Así, na de menos de 20 días, a cotización media subiu ata os 102 euros, tres máis que a pasada semana. Na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, a media situouse nos 117 euros por xato, cinco máis que o pasado martes. E na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, os prezos conseguiron unha media de 150 euros, catro máis que a semana anterior.

Nos becerros de Cruzamento industrial as oscilacións nos prezos esta semana tamén foron, en xeral, á alza. Houbo excepcións, como na categoría de menos de 20 días, na que as cotizacións medias baixaron ata os 267 euros, un menos que a pasada semana. Con todo, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu ata os 347 euros, fronte aos 334 da última poxa. Nas femias, pola contra, houbo baixada de prezos: 248 euros de media, fronte aos 262 do pasado martes. E nos xatos de máis de 51 días o prezo medio subiu claramente ata os 480 euros, fronte aos 429 euros de media da pasada semana.

No vacún maior a tendencia xeral foi a unha lixeira baixada. Deste xeito, quedaron en 1.081 euros de media en categoría primeira, 722 en segunda -a máis numerosa e a única que subiu- e 412 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.092, 726 e 413 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

silleda_17_1_17_vacun

Ovos á baixa

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse aplicar a primeira baixada en varias semanas. Así, a XL baixou un 0,1% ata os 1,35 euros a ducia; a L un 0,2% menos, quedando en 1,21 euros, mentres que á categoría M aplicóuselle unha baixada do 0,22% ata situarse nos 1,11 euros por ducia. En canto á categoría S, a baixada foi do 0,2%, quedando en 0,9 euros.
Nos coellos, na Lonxa de Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse manter os prezos da pasada semana. 1,60 euros o quilo.

Porco cebado sen cambios e subida nos leitóns

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou esta semana manter as cotizacións do pasado martes. Así, nas categorías Selecta e Normal as cotizacións quedaron nos 1,215 e 1,190 euros por quilo, respectivamente; a Canle II mantense nos 1,545 euros por quilo. Na categoría de desvelle as cotizacións seguen cun intervalo de prezos de entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.

Con todo, en Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, as cotizacións baixaron esta semana un 0,05% ata os 1,520 euros o quilo, mentres que no resto de países da Unión Europea a tendencia foi moi desigual, con subas como en Holanda ou en Francia, Dinamarca sen cambios e baixadas no resto de países.

En canto aos leitóns, acordouse subir as cotizacións unha semana máis, desta vez un 2%, quedando nos 54 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 59 euros para os procedentes dunha única explotación.

Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira:

silleda_17_1_17_porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información