Suba da recría e baixada dos tenreiros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes unha suba nos becerros de recría, tanto frisóns como de cruces. Os tenreiros carniceiros baixaron, ó igual que o gando maior. Novas subas nas mesas de porcino e redución do prezo do coello na Lonxa de Madrid

Suba da recría e baixada dos tenreiros carniceiros en Silleda

Animais na Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou este martes unha suba dos prezos da recría, tanto nos animais frisóns como nos de cruces industriais. Porén, nos tenreiros carniceiros produciuse unha baixada das cotizacións, ó igual que no gando vacún maior. Nas mesas de prezos, subiron os porcos cebados e os leitóns, mentres os ovos se manteñen sen cambios. Esta semana, en Madrid reduciuse o prezo do coello, logo de varios meses sen variacións.

Ademais, na xornada de hoxe comunicouse que se suspenderán as dúas últimas feiras do mes, ó coincidir co festivo de Noiteboa (martes 24), e co día de Fin de Ano, (martes 31). Así, a última xornada de actividade deste ano da Central Agropecuaria de Galicia será o martes 17 de decembro.

Suspéndense as dúas últimas feiras do mes, as dos días 24 e 31 de decembro

En canto á recría, nos becerros frisóns a tendencia foi á alza pero houbo unha excepción nos animais máis novos, os de menos de 20 días, onde se reduciu o prezo en 10 euros e se cotizaron a 69 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días a suba foi de 13 euros e acadaron os 96 euros. Mentres, nos becerros de máis idade, os de máis de 50 días, o incremento foi de 3 euros e pasaron a cotizarse a 115 euros.

Na recría de cruces industriais as subas rexistráronse en tódalas categorías. Nos becerros de menos de 20 días o prezo medio foi de 359 euros, logo dun incremento de 49 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días o aumento foi de 35 euros e pasaron a cotizarse a 382 euros. Finalmente, nos becerros de máis de 50 días, o prezo situouse nos 451 euros, tras unha suba de 68 euros.

No caso dos becerros carniceiros, os machos de raza Frisoa situáronse en 453 euros, 52 euros menos que a semana pasada. Nos animais de cruces industriais o prezo medio para os machos foi de 741 euros, logo dunha baixada de 82 euros. No caso das femias desta categoría experimentaron unha redución do prezo de 34 euros e pasaron a pagarse a 705 euros de media.

No gando vacún maior a tendencia tamén foi á baixa. As vacas de primeira categoría cotizáronse a 1.058 euros, logo dunha redución de 6 euros. No caso dos animais de desvelle o prezo baixou 8 euros para situarse en 442 euros. A única excepción veu dada polas vacas de segunda categoría que incrementaron o seu valor en 17 euros e pasaron a cotizarse a 702 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacun--03_13_2019-

Suba no porcino e baixada do coello

En canto ó porcino, as mesas de cotizacións acordaron subir esta semana os prezos tanto do porco cebado como dos leitóns. No caso do porco cebado os incrementos oscilan entre os 0,03 e os 0,05 euros dependendo das categorías. O porco cebado selecto e normal rexistraron un incremento de 0,03 euros e sitúanse en 1,525 e 1,50 euros o quilo respectivamente. A categoría de Canle II cotízase a 1,948 euros o quilo logo dunha suba de 0,039 euros e os porcos de desvelle atópanse entre 0,84 e 0,9 euros tras un incremento de 0,050 euros, a suba máis significativa da xornada.

Os leitóns continúan coa tendencia á alza das últimas semanas e rexistran unha nova suba, neste caso de 2,5 euros por animal en tódalas categorías. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa acada os 71,50 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 66,50 euros. O prezo por quilo é de 3,575 e 3,325 euros respectivamente.

Os ovos mantéñense sen cambios esta semana e os prezos están do seguinte xeito: os ovos da categoría XL cotízanse a 1,46 euros a ducia, os da L a 1,33 euros, os da M acadan os 1,22 euros e os da S a 1 euro. O prezo das galiñas de desvelle mantense tamén sen variacións e continúa entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Mentres, na Lonxa de Madrid, esta semana produciuse unha baixada do prezo do coello en 0,10 euros, o que fai que o quilo pase a cotizarse a 2,20 euros, tras varios meses sen cambios na cotización.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino-03_13_2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información