Sonia e Víctor: traballando en igualdade por un futuro no rural

Sonia e Víctor son unha parella de Xunqueira de Ambía (Ourense) que hai 5 anos decidiron buscar un futuro no agro. Hoxe levan unha gandería en extensivo de raza Limiá e veñen de diversificar abrindo unha granxa de pavos

Sonia e Víctor: traballando en igualdade por un futuro no rural

Sonia e Víctor coas súas vacas limiás.

Víctor Manuel Rodríguez Espinosa e Sonia Vidal Lamas son unha parella de Xunqueira de Ambía, en Ourense, que hai 5 anos decidiron dar un xiro ás súas vidas e buscar un futuro no rural. Hoxe levan unha gandería en extensivo de vacún de raza Limiá e veñen de diversificar abrindo tamén unha granxa de pavos.

“Hai 5 anos colleunos a crise aos dous: Víctor traballaba no sector da construción e eu no sector téxtil. Tiñamos claro que queríamos emprender no rural, aproveitando que moitas fincas neste concello estaban quedando abandonadas, porque o noso desexo era pasar máis tempo coas nosas dúas fillas, que cos traballos que tiñamos só podíamos ver de noite”, explica Sonia. O seu outro obxectivo do proxecto foi incorporarse os dous en pé de igualdade, é dicir, nunha explotación de cotitularidade compartida.

Os comezos non foron fáciles porque aínda que os dous son de Xunqueira, no caso de Sonia viviu os seus primeiros 16 anos en Alemaña e, como ela confesa, “de gandería non tiña nin idea”, e no caso de Víctor, se ben os seus pais teñen unha explotación de ovino, as vacas tamén eran un tipo gando novo para el.

“As vacas parecíanme máis rendibles e comezamos con 5 nais e un touro de raza Limiá, que trouxemos de Laza, porque buscábamos unha raza rústica e que aguantara todo o ano fóra”, explica Víctor. Pero comezar con gandería en extensivo foi unha revolución neste concello a cabalo entre as comarcas da Limia e de Allariz: “Aquí sempre houbo o costume de resgardar as vacas de noite nos cortellos, e cando empezamos a deixalas fóra tamén de noite os veciños non o entendían. Dicían,`pobriñas, que as deixades fóra a durmir´. Nós incluso cando chovía ou nevaba fixémoslles un cuberto entre as árbores cunha lona e herba no chan, pero elas entraban a comer a herba e marchan porque prefiren durmir ao aire libre. O mesmo coas paridas: aínda que nazan en plena xeada, os becerros á media hora xa andan brincando”, asegura Víctor.

“Co cruce entre Limiá e Blonda logramos becerros con máis kilos de canal e que manteñen a graxa infiltrada”

“Eramos novatos e fomos aprendendo cada día”, recoñece Sonia. “Ao principio para mover as vacas dunha finca a outra case tiñamos que botar man de toda a aldea -bromea Víctor-, e hoxe unha soa persoa coa axuda dos cans móveas sen problema”.

Ao comezo criaban raza Limiá pura pero co tempo decantáronse por cambiar o boi por un de raza Blonde de Aquitania. As razóns explícaas Sonia: “Coa raza Blonde os becerros teñen máis quilos, son pequenos ao parto e non dan ningún problema ás vacas, e a súa carne mantén a graxa infiltrada da raza Limiá, pero non é tan escura, é un pouco máis branca, algo que lle gusta máis ao consumidor actual”. “É unha carne algo máis dura, polo que necesita un pouquiño máis de cociñado, pero o seu sabor é exquisito, e ademais ten máis omega 3 e ácidos graxos saudables”, engade.

 Manexan unhas 50 hectáreas, a maioría cedidas

A crianza é totalmente natural e en base a recursos propios para abaratar custos de produción. Así ás vacas aliméntanse de pasto como forraxe principal, complementada con millo verde nos meses de agosto e setembro e herba seca ou palla nos meses de decembro e xaneiro. A dispoñibilidade de base territorial non é un problema neste concello ourensán que, como no resto da provincia, ten un crecente nivel de abandono. Así, esta parella de gandeiros manexa arredor dunhas 50 hectáreas, a maioría cedidas por veciños.

Os becerros están certificados por Ternera Gallega Calidad Suprema. Deste xeito, ata os 7 meses están coas nais mamando leite e alimentándose de pasto. E logo do destete pasan a un cebadeiro propio no que Sonia e Víctor os alimentan con produtos da propia explotación: remolacha, mazarocas de millo, herba seca e silo de herba.

As vacas de Sonia e Víctor no pasto en primavera

As vacas de Sonia e Víctor no pasto en primavera

Venda directa ao consumidor con valoración moi positiva

Tras 3 meses no cebadeiro, sácanos á venda, acadando unha media de 200 kilos o canal con 10 meses de vida. Comercializan uns 30 becerros ao ano, que venden tanto a través de carniceiros como en venda directa ao consumidor.

“Facemos venda directa de medios canais, canais enteiros e lotes de carne de 10 ou 20 kilos. Á persoa que estea interesada pode chamarnos ao teléfono 687 58 97 11 ou contactarnos a través da nosa páxina en Facebook, A Arca dos Casares, e dicímoslle para que datas terá o becerro e con 15 días de antelación avisámolos, e se non temos, entra nunha lista de agarda. Vainos moi ben porque os clientes están moi satisfeitos e temos garantido que o pago sexa rápido e seguro”, destaca Sonia. O prezo varía entre os 6 euros o quilo para as medias canais aos 8 euros para os lotes de carne.

“A administración debería encargarse de dotar aos gandeiros de puntos de auga para o gando”

Unha das dificultades que máis están a notar estes dous últimos anos son os efectos da seca, tanto na primavera como no verán. “Este ano recollemos a metade de herba que o ano pasado, por iso tiven que comprar palla para darlle as vacas e reservar a herba para os becerros. E en outubro e novembro practicamente non tivemos pastos. Está a ser un ano moi difícil que fai que haxa días en que te planteas continuar”, confesa Víctor.

Ademais da falta de forraxe, outro problema incluso máis grave é a falta de auga. Neste sentido, critica o enfoque das axudas da Consellería do Medio Rural para garantir o subministro de auga ás explotacións. “Esas axudas esixen unha burocracia enorme que desanima a calquera gandeiro. A solución real, ao meu entender, estaría en que nos concellos nos que realmente queda actividade gandeira as administracións se encargasen de facer pozos e construír abrevadeiros para o gando, como se facía antes”, defende Víctor.

Diversificación cunha granxa de pavos

A granxa de pavos que abriron este mes

A granxa de pavos que abriron este mes

Como estratexia de cara ao futuro, Sonia e Víctor queren manter estable a súa gandería nunhas 35 vacas nais, pero optimizar o aproveitamento do pasto, recuperando fincas situadas en zona de val, que lle aseguren máis a forraxe en meses de seca.

A súa outra estratexia foi diversificar as producións. Así, este mes abriron unha granxa de pavos, integrada na cooperativa Coren e con capacidade para 14.000 aves. “Isto permítenos correr menos riscos e, ao ter os pavos un ciclo de engorde duns 3 meses, podemos compatibilizalo sen problema co gando vacún”, asegura Sonia.

¿E que balance fan da súa incorporación ao agro? Pasados 5 anos daquel cambio de vida de 365 graos, Sonia e Víctor séntense felices de vivir en Xunqueira de Ambía e de poder pasar máis tempo coas súas fillas de 8 e 5 anos. Na parte menos positiva botan en falta maior implicación tanto do concello como da Xunta para apoiar no día a día á xente moza que quere vivir no rural e da actividade agrícola ou gandeira. Por exemplo, lindando coa súa granxa de pavos hai unha parcela a monte, que tiveron que rozar pola súa conta, ao negarse o concello a identificar ao propietario e obrigalo a cumprir a lei.

E como non, o exceso de burocracia.“Cando traballaba como xefe de obra na construción soñaba cun traballo no que houbera que facer menos papeleo, como ser gandeiro. Pero a realidade é que vexo que teño que pasar tanto ou máis tempo resolvendo licenzas e facendo trámites que coidando o gando”, ironiza Víctor.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información