Solicitan unha Denominación de Orixe para o Requeixo de Galicia

Un grupo de produtores xa presentaron o prego de condicións ante a Consellería do Medio Rural para que se protexa e recoñeza este produto lácteo galego. Nas próximas semanas presentarán a lista de empresas que se sumaron á iniciativa

Solicitan unha Denominación de Orixe para o Requeixo de Galicia

Requeixo con mel

Recoñecer e promover o requeixo como un produto lácteo típicamente galego e saúdable. Este é o obxectivo da Asociación de Produtores de Requeixo de Galicia que o pasado mes de xaneiro presentou ante a Consellería do Medio Rural o prego de condicións para regular a Denominación de Orixe Protexida Requeixo de Galicia.

A solicitude foi presentada por esta asociación, constituída en marzo de 2015, por iniciativa dun grupo de empresas produtoras deste queixo fresco da comarca do Eume e Ferrolterra (Campo Capela, Queserías del Eume, Leche Bohal e Distribuciones O Casal).

Para ampliar o número de empresas produtoras interesadas en sumarse á iniciativa, o pasado 16 de xaneiro celebrouse unha reunión en Silleda.

A presidenta da Asociación de Produtores de Requeixo de Galicia e xerente de Campo Capela, Ana Vence, asegura que “o obxectivo final da Asociación é acadar o recoñecemento e máxima protección deste queixo fresco de longa tradición en Galicia a través da Denominación de Orixe”.

Neste sentido, salienta que “conseguilo suporía unha promoción moi importante para un produto moi saudable e moi dixestivo, que está tendo unha boa acollida no mercado, pero que precisa unha regulación como é a Denominación de Orixe Protexida”.

Neste sentido, Ana Vence asegura que nas próximas semanas informarán do número de empresas elaboradoras de requeixo que apoian a iniciativa, así como do estado de tramitación da solicitude.

Características do Requeixo Galego

O requeixo é un queixo de coagulación aceda longa. A callada desorase escorréndoa en sacos durante un período máis ou menos longo, dependendo da consistencia que se queira obter, desde un produto que se consome con culler ata outro máis consistente e untable.

O ingrediente principal do requeixo é o leite de vaca enteira. Uns produtores empregan callo e outros deixan que actúen os fermentos naturais do leite, pero non se emprega ningún outro ingrediente. Nin sequera sal engadido.

Trátase dun queixo de pasta branda, posto que non se prensa, e comercialízase fresco, sen ningún tempo de maduración.

A textura do Requeixo de Galicia varía en función do tipo de elaboración. Non só inflúe o desorado na súa consistencia máis ou menos sólida, senón tamén os gustos dos consumidores, presentándose no mercado requeixos que conservan unha estrutura granulosa por mor dos pequenos coágulos de callada e outros se converten en cremas despois de homoxeneizalos.

O alto contido de humidade fai do Requeixo de Galicia un queixo con pouco contido en graxa (menos que o queixo fresco habitual nos mercados) e lixeiro, con só 120 quilocalorías por cada 100 gramos.

Ao mesmo tempo, é un queixo moi san pola ausencia de sal engadido, que o converte en moi indicado para persoas con réximes baixos en sodio.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información