As sobreiras do Arnego, un aproveitamento forestal singular

A extracción da cortiza é unha práctica que se mantén no Sobreiral do Arnego (Deza, Pontevedra), dándolle rendibilidade económica a este espazo natural, á par que se garante a biodiversidade da zona. É un proceso tradicional, sen apenas medios mecánicos nin variacións ó longo dos anos.

As sobreiras do Arnego, un aproveitamento forestal singular

Sobreiral do Arnego.

A saca da cortiza no Sobreiral do Arnego (Deza, Pontevedra) é unha práctica que continúa a facerse ó modo tradicional, sen apenas medios mecanizados, e non sufriu variacións ó longo dos anos. Na actualidade a cortiza contémplase coma “un aporte extra e puntual”, posto que a súa extracción non pode facerse cada ano, senón que hai que agardar alomenos nove anos entre cada cata para garantir que a árbore non se vexa afectada. A produción media da zona é de arredor de 2.000 toneladas por década.

O Sobreiral do Arnego, baixo a protección da Rede Natura 2000, expándese nos concellos dezaos de Agolada, Lalín e Vila de Cruces. A concentración das sobreiras nas terras próximas ó río que lle dá nome, afluente do Ulla, foi minguando, por diferentes motivos, segundo indican tanto expertos como os propios veciños da zona. A declaración de espazo protexido conseguiu frear, en parte, a súa desaparición a prol doutros cultivos forestais como o eucalipto ou o piñeiro.

 Descortizado manual

O descortizado non precisa de maquinaria mecanizada, só unha macheta, unha panca de madeira resistente, unha navalla, unha regra e unha escada abondan para desprender a cortiza. Nun proceso áxil a base de cortes precisos na cáscara, sen marcar o tronco, obtéñense as pranchas de cortiza.

Cada verán chegan cuadrillas de Extremadura e Portugal para descortizar as sobreiras

Distintos expertos na materia e os veciños fixan a principios dos 70 o comezo do aproveitamento da cortiza con fins comerciais nesta área. Nestes primeiros anos foron madeireiros da zona os que se encargaban de realizar a labor, pero pouco a pouco foron chegando cuadrillas procedentes de Extremadura e Portugal, que son na actualidade as que principalmente se encargan da saca na zona.

Cortiza-

O descortizado da sobreira ten tamén un proceso de venda tradicional, onde adoita ser frecuente un trato directo entre o propietario e a persoa que se encarga de sacar a cortiza. “Teñen xente da zona que coñece ós propietarios e que se encargan de localizar as sobreiras que valen para cada campaña”, explica Marcial Barral propietario dunha das parcelas que concentra maior cantidade de sobreiras nesta zona. É frecuente que o prezo se fixe por número de exemplares a descortizar, valorándose a calidade do mesmo, e pode oscilar entre os 10 e os 40 euros. Tamén hai cuadrillas que fixan o prezo por quilo, aínda que isto é máis frecuente nas grandes producións.

Os requisitos para a saca da cortiza

“É como espir a sobreira, polo que debe estar bo tempo, para que non lle afecten os fungos”

A extracción da cortiza é unha tarefa que nesta zona do interior de Galicia se realiza entre o 15 de xuño e o 15 de agosto. “O máis importante é que faga calor, que non chova nin haxa néboa, precísase bo tempo”, explica o madeireiro Yago Tato, que aprendeu o oficio directamente de seu avó, descortizando sobreiras na zona de Agolada, e aínda que na actualidade está centrado noutros traballos forestais, coñece e recorda con demostracións e talleres o proceso de obtención da cortiza. “É como espir a sobreira, débese ter tino de que estea bo tempo para que non se debilite a árbore, xa que é máis propensa ós fungos”, compara o madeireiro.

O madeireiro Yago Tato durante a saca da cortiza.

O madeireiro Yago Tato durante a saca da cortiza.

Para a saca, á marxe de espazar as extraccións é tamén preciso agardar a que a árbore conte cun perímetro mínimo de 60 centímetros a unha altura de 1,30 metros, ó que a sobreira chega con 25 ou 30 anos, como detalla a enxeñeira de montes, Cristina Gende, quen se encargou de elaborar un estudo sobre a produción de cortiza na comarca do Deza, co afán de “contar cunha ferramenta feita con metodoloxía rigorosa sobre a extracción da cortiza”, explica. 

A vida produtiva da sobreira admite de 8 a 16 sacas sucesivas, aínda que isto reduce a vida da árbore dos 300-500 anos que pode durar se nunca foi descortizada ós 110 ou 170 anos cando se adica á produción de cortiza.

Afeccións das sobreiras

Ó longo destes anos as sobreiras “foron moi maltratadas, pouco coidadas”, valora Barral. E é que á par de resistir fronte ó avance doutras especies máis valoradas no aproveitamento forestal, as sobreiras tamén sufriron distintas afeccións.  Unha das máis coñecidas é a chamada “Culebrilla”, provocada por unha larva dun insecto coleóptero, Coroebus undatus, que a maiores produce danos económicos, posto que devalúa as pranchas nas que aparece.

Tamén o “Chancro carbonoso”, producido neste caso por un fungo que ocasiona danos na cortiza, é outro dos principais problemas que afectan ó sobreiral. “O déficit hídrico ou o exceso de auga, as feridas de descortizamento ou a acción do lume son vectores de entrada desta doenza”, explica Gende nos seus traballos. Por iso, son moitos os que relacionan a proliferación do fungo coas malas prácticas, a falta de profesionais ou a execución da saca con condicións meteorolóxicas inadecuadas.

Precisamente, a presenza deste fungo fixo secar moitos exemplares na zona. Así, no 2002 incluso se levou a cabo un intento por facerlle fronte á expansión deste fungo por parte do Distrito Forestal de Deza – Tabeirós, que impulsou un plan para profesionalizar o aproveitamento da cortiza na zona, coa creación dun catastro e unha asociación de produtores. O proxecto non se levou a cabo e a día de hoxe está paralizado, segundo informan dende o propio Distrito. Porén, si estableceron un control sobre a saca da cortiza, obrigando á obtención dun permiso, cun seguemento dunhas normas para facer o descortizamento, como recolle a enxeñeira de montes Ascensión Castro.

As sobreiras tamén están presentes nas pradeiras da zona.

As sobreiras tamén están presentes nas pradeiras da zona.

Convivencia con outros usos do terreo

O Sobreiral do Arnego non é unha masa homoxénea so de sobreiras, senón que no espazo conviven tamén outras especies como os carballos, os castiñeiros ou os piñeiros. Nas marxes dos ríos, predomina o bosque de ribeira, nas faixas intermedias aparecen os soutos e castiñeiros e son nas zonas máis altas onde predominan tanto as sobreiras como os piñeiros. “As condicións edafoclimáticas permitiron que dunha maneira natural a sobreira se dese nesta zona”, explica Gende.

Pero á par de conservarse masas boscosas, as sobreiras tamén se localizan en pradeiras, onde o aproveitamento da cortiza serve como complemento de actividades gandeiras.

Mercado da cortiza

No Deza, a cortiza destinouse inicialmente á obtención de cortizos para as abellas. Antigamente tamén se facían colchóns ou almofadas, tal e como documenta a enxeñeira de montes Cristina Gende. Pero actualmente, o principal destino é a fabricación de tapóns (de cortiza natural, os de maiores esixencias en canto a dimensións e calidade da cortiza) ou tapóns técnicos.

Tamén se destina para a fabricación de artigos deportivos e domésticos, flotadores, así como para illantes térmicos e acústicos, revestimento e decoración. “Estivo moi ligado tamén á construción, por iso cando a crise, a cortiza tamén se resentiu”, puntualiza o madeireiro Yago Tato.

As sobreiras mestúranse con frondosas caducifolias coma carballos ou castiñeiros.

As sobreiras mestúranse con frondosas caducifolias coma carballos ou castiñeiros.

Produción na zona

Unha das poucas estimacións sobre a produción de cortiza na zona é a proporcionada pola enxeñeira de montes Cristina Gende, aínda que o seu traballo abarca tamén as sobreiras do concello dezao de Silleda neste cómputo. As súas taxacións revelan unha produción de arredor de 1.871 toneladas de cortiza cada dez anos. O seu estudo de campo permitiulle constatar que as zonas de explotación se concentran nas ribeiras dos ríos Ulla, Deza e Arnego e os seus afluentes. Son preto de 600 hectáreas nas que se distribúen as sobreiras de xeito irregular e en pequenas fincas.

“A cortiza é un aporte mínimo que chega cada dez anos. A maioría da xente, poucas sobreiras temos. Non hai moitos grandes propietarios con fincas de sobreirais, nin están distribuídas coma as plantacións de pinos, senón que telas como van nacendo e sácaslle a cortiza ás que van valendo”, explican pequenos propietarios da zona.

A Zarra da Pena

Unha das parcelas con maior concentración de sobreiras e superficie atópase no corazón do Sobreiral do Arnego, en Carmoega (Agolada). Bautizada como a Zarra da Pena, conta con 24 hectáreas, que pertencen a varios propietarios. As sobreiras ocuparan preto da metade da zarra mesturadas con outras especies e vexetación, sobre todo autóctonas. “No seu momento, cando me fixen un pouco cargo da xestión da zarra, moitos preguntábanme porque non plantaba todo con eucalipto ou piñeiro. ‘A sobreira non vale nada’, dícianme, pero quixen apostar por unha produción sustentable e preservar a riqueza natural que ten o espazo. E non me arrepinto”, explica Marcial Barral, un dos propietarios e xestor.

“Moita xente preguntábame por que non plantaba eucalipto ou piñeiro. ‘A sobreira non vale nada’, dicíanme” (Marcial Barral)

As sobreiras sufriron nesta zarra tanto o azoute dos fungos, que deixaron moitos exemplares danados, como distintos lumes, tal e como recolle a enxeñeira de montes Ascensión Castro e confirma Barral. O aproveitamento da cortiza na zarra pode supoñer en torno a 15.000 euros cada 10 anos, pero o rendemento deste espazo vai máis aló, segundo Barral, “pois ten un valor sentimental e unha gran riqueza en canto a biodiversidade de fauna e flora”.

Custodia do Territorio
A posta en valor da Zarra da Pena de Barral traduciuse nun acordo de Custodia do Territorio que comezaría no 2005 coas Fundacións Comarcais Deza-Ulloa. Foi unha etapa na que se levaron a cabo construcións de peches para introducir cabalos que mantivesen desbrozado o monte, unha alternativa que non resultou.

Caixas niños para morcegos en árbores do sobreiral.

Caixas niños para morcegos en árbores do sobreiral.

Recentemente no 2016 asinouse outro acordo destas características coa asociación ecoloxista Adega, coa que se contemplan actuacións de divulgación e de estudo de fauna e flora. O proxecto conta cunha aportación da Fundación Biodiversidade de 20.000 euros. Neste marco, xa se levaron a cabo actuacións como a colocación de casas-niños para os morcegos, a plantación de medio cento de novas sobreiras por alumnos dun colexio de Lalín ou xornadas de identificación da fauna e da flora do Sobreiral do Arnego. Ademais, tamén se contempla a recuperación dunha poza de rega, que facilite a supervivencia de anfibios, ou a eliminación de especies invasoras coma o eucalipto, segundo explican dende Adega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información