Soben os becerros carniceiros e baixan os de recría en Silleda

Tendencia á baixa na recría, tanto de raza frisoa como de cruces industriais, na Central Agropecuaria de Galicia. Subas nos becerros carniceiros e no gando maior. Seguen a subir os leitóns e baixa o prezo do coello

Soben os becerros carniceiros e baixan os de recría en Silleda

Mercado de Silleda.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou este martes unha baixada xeral en boa parte das categorías da recría. Mentres, houbo subas nos prezos dos becerros carniceiros e do vacún maior. Tamén nas mesas de prezos do porcino acordaron subas para os leitóns. Na lonxa de Madrid, esta semana houbo unha nova baixada para o coello.

En canto á recría, nos becerros frisóns a maior variación do prezo con respecto da semana pasada produciuse nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa da feira. O prezo reduciuse en 14 euros para situarse en 82 euros de media. Mentres, nos animais máis novos, de menos de 20 días, houbo unha suba de 10 euros ata acadar os 79 euros. Tamén nos becerros de máis de 50 días se incrementou o seu valor, neste caso en 6 euros, para situarse nun prezo medio de 121 euros.

Nos animais de cruces industriais, nos becerros de menos de 20 días o prezo reduciuse en 12 euros e pasa a ser de 347 euros. Na categoría intermedia, de entre 20 e 50 días, houbo unha suba de 10 euros ata acadar os 392 euros.No caso dos animais con máis idade, os de máis de 50 días, rexistrouse unha baixada do prezo de 34 euros para situarse nos 417 euros.

Nos becerros carniceiros a tendencia foi á alza en tódalas categorías. Os machos de raza Frisoa situáronse en 601 euros, 148 euros máis que a semana pasada. Nos animais de cruces industriais o prezo medio para os machos foi de 840 euros, logo dun incremento de 99 euros. Nas femias desta categoría a suba foi de 51 euros e pasaron a pagarse a 756 euros de media.

No gando vacún maior tamén se incrementou o prezo nas seccións máis destacadas. As vacas de primeira categoría cotizáronse a 1.087 euros, logo dunha suba de 29 euros. Nas vacas de segunda categoría o incremento foi de 6 euros e pasaron a cotizarse a 708 euros. Nos animais de desvelle o prezo subiu en 22 euros, para situarse en 464 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacuno-10_12_2019

Subas nos leitóns e baixada no coello

En canto ó porcino, nas mesas de cotizacións acordouse manter os prezos esta semana para o porco cebado, a excepción dos animais de desvelle onde se incrementou en 0,04 euros, ata situarse entre os 0,88 e os 0,94 euros. Mentres, o porco cebado selecto e o normal sitúanse en 1,525 e 1,50 euros o quilo respectivamente. Pola súa banda, a categoría de Canle II cotízase a 1,948 euros o quilo.

Os leitóns continúan unha semana máis coa escalada de prezos logo dun incremento de 3 euros en tódalas categorías. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa acada os 74,50 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 69,50 euros. O prezo por quilo é de 3,725 e 3,475 euros respectivamente.

Os ovos mantéñense sen cambios esta semana e os prezos quedan do seguinte xeito: os ovos da categoría XL cotízanse a 1,46 euros a ducia, os da L a 1,33 euros, os da M acadan os 1,22 euros e os da S a 1 euro. Tampouco hai variacións no prezo das galiñas de desvelle que continúa entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Mentres, na Lonxa de Madrid, esta semana produciuse unha nova baixada do prezo do coello en 0,20 euros, o que fai que o quilo pase a cotizarse a 2 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-10_12_2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información