Sobe a superficie a mato, baixan cultivos e arborado

Medio Ambiente vén de poñer en marcha un sistema que permite seguir a evolución dos usos e coberturas do solo. O visor confirma un incremento do abandono das terras agrarias e forestais

Sobe a superficie a mato, baixan cultivos e arborado

O Sistema confirma o progresivo abandono de terras produtivas.

A progresiva perda de terras agrarias en Galicia constitúe un problema do que xa viña advertindo o sector nos últimos anos. Agora sábese que a comunidade non só perde superficie de cultivos. Tamén diminúen as masas forestais produtivas. O que sae gañando é o mato, é dicir, superficies que foron cultivos ou arborado e que quedan abandonadas, segundo revela un sistema creado pola Consellería de Medio Ambiente para seguir a evolución dos usos do territorio.

A aplicación permite analizar os cambios das principais coberturas no periodo 2005-2011 e agárdase que para final de ano estean dispoñibles xa os datos do 2014. Durante os seis anos que van do 2005 ó 2011, o Sistema de Seguemento da Evolución do Uso e Ocupación do Territorio amosa que os cultivos diminuíron en 4.159 hectáreas e o arborado en 15.376 hectáreas, en tanto o mato aumentou en 34.078 hectáreas. Tamén as coberturas artificiais medraron en 3.290 hectáreas.

O Sistema, que é de acceso libre, permite facer consultas online de diversos xeitos. Pódense localizar as zonas cunha cobertura específica, consultar a ocupación dun determinado punto do territorio en diferentes datas ou valorar a evolución das principais coberturas.

Ordenación do territorio
A intención da Consellería de Medio Ambiente é que a aplicación permita un maior coñecemento sobre os usos do solo, unha información que se considera clave para procesos de ordenación do territorio ou para estudos ambientais.

“Os cambios no territorio poden ter repercusión en aspectos tan significativos como o abastecemento de comida, a saúde humana, a biodiversidade, a regulación do clima ou nos recursos hidrolóxicos”, valórase desde a Consellería.

Fontes de información
O Sistema de Seguemento da Evolución do Uso e Ocupación do Territorio recopila numerosas fontes de información. Permite consultar o Sistema de Información de Ocupación do Solo en España (SIOSE) ata o 2011 e inclúe outra información xeográfica sobre o territorio galego relacionada con esta temática, como o Mapa de Coberturas e Usos do Solo de Galicia do ano 2000, o Corine Land Cover 1990, 2000 e 2006 (Instituto Geográfico Nacional), o Mapa de Cultivos e Aproveitamentos de España 1980-1990 e 2000-2010 (Ministerio de Agricultura) e o Mapa de Capacidade Produtiva do Solo de Galicia.

Esta última capa de información, xunto coas ferramentas de comparación visual entre mapas -o chamado ‘Comparador de mapas- permite, por exemplo, superpoñer o uso actual dunha zona coa capacidade do territorio para dar soporte a ese uso, posibilitando, entre outras cousas, avaliar o impacto que supón a utilización do solo. Existe ademais a posibilidade de visualizar simultaneamente e dun xeito sinxelo a mesma zona en dous mapas de uso.

O sistema tamén suministra información sobre paisaxe, tanto do Catálogo das Paisaxes de Galicia como doutros estudos previos sobre a paisaxe galega, e está preparado para a incorporación das futuras actualizacións do Catálogo, o que permitirá o seguimento da evolución das unidades e os tipos de paisaxe de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información