Smart Agri Hubs, un proxecto europeo para levar as novas tecnoloxías ao sector lácteo galego

Smart Agri Hubs, un proxecto europeo para levar as novas tecnoloxías ao sector lácteo galego

Vacas da granxa do CIAM

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería do Medio Rural, participa en Smart Agri Hubs, un proxecto europeo de innovación que procura acelerar a transformación dixital do sector agroalimentario e máis especificamente do lácteo.

Trátase dun proxecto europeo titulado co acrónimo Smart Agri Hubs, que pretende levar as novas tecnoloxías ao sector agropecuario. Dos 28 experimentos que se desenvolven no marco deste proxecto por  toda a xeografía europea, o número 23 realízase integramente en Galicia, dirixido a un sector estratéxico da nosa economía como é o da produción de leite. Este experimento  é coordinado e dirixido pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través do CIAM.

Os datos globais do proxecto (SmartAgriHub) son os seguintes.

·         108 socios beneficiarios directos. 56 partners subcontratados.
·         9 clusters rexionais.
·         28 Experimentos de Innovación Emblemáticos (FIEs)
·         48 meses de duración (iniciouse oficialmente o 01 de novembro de 2018).
·         Orzamento total: 22,4 millóns de euros.

O CIAM coordina e dirixe un experimento de innovación centrado na dixitalización de todos os eidos da cadea de produción primaria do leite.

Obxectivos:

Pretendese implementar melloras en todos os pasos da cadea de produción leiteira (produción de forraxe, mestura e manexo do alimento, operacións na corte e planificación xeral de recursos). Para isto aproveitaranse os beneficios que brindan as tecnoloxías dixitais, que proporcionarán produtos e servizos aos usuarios finais, tanto agricultores como gandeiros ou cooperativas, e coa colaboración da USC e de Gradiant que xunto ao CIAM actuarán como centros de competencia.

Deste xeito, procúrase mellorar a eficiencia na utilización dos recursos para a produción de forraxe e o aproveitamento do uso dos recursos propios das explotacións agrícolas combinando datos de múltiples fontes (aérea, climática, análise de chans, etc.).

Trátase tamén de incrementar o rendemento da produción animal a través da mellora das condicións de cultivo, coa optimización da mestura de alimento e a alimentación de precisión.

Outro dos obxectivos é aumentar a sustentabilidade do proceso, de xeito que se incremente a inxesta de precisión reducindo a perda de alimento e se mellore o uso eficiente dos recursos naturais das explotacións.

Trabállase, así mesmo, na mellora da monitorización e no manexo das operacións e condicións nas cortes que permitan dispoñer de parámetros claves no rendemento e na saúde animal e as interaccións co medio, integrando múltiples fontes de datos na planificación de recursos.

Por último, probarase e demostrarase a dispoñibilidade dos produtos e servizos mellorados en condicións reais e sitios específicos (o propio CIAM, o Campus Terra e explotacións leiteiras en entornos reais de traballo).

Actividades:

Entre as actividades previstas destaca a utilización de imaxes multiespectrais e da sensorización para a predición da produción e o contido en proteína de cultivos coma o millo, que se desenvolverá en tres parcelas do CIAM. Deste xeito, obteranse algoritmos preditivos da produción e a calidade da forraxe, contribuíndo á detección temperá de estrés dos cultivos.

Tamén se levará a cabo a optimización de alimentación automatizada baseada en forraxe, para unha maior eficiencia na produción leiteira. Para iso, no CIAM realizarase a fase experimental ou proba piloto e de demostración, e corroboraranse os resultados en oito explotacións en contorna real de traballo. Mellorarase a eficiencia da materia seca do alimento e a utilización de nutrintes nas racións baseadas en forraxe de vacas leiteiras, vendo como incide na composición do leite (graxa, proteína, urea, perfil de ácidos graxos).

Isto desenvolverase mediante a optimización do equilibrio de mesturas de alimentos e as características físicas da fibra, utilizando calibracións de análises de forraxe desenvolvidas no CIAM e o control remoto dun innovador mesturador ALLTECH, xunto cun dispositivo emisor de datos para o control da actividade. Os datos das características dos animais e alimentos, a información da granxa, o rendemento e calidade do leite, os custos, etc. cargaranse nun sistema remoto de software e, unha vez analizados, emitirase un informe, dispoñible en formato dixital para os agricultores no seu teléfono ou ordenador.

En canto á monitorización automatizada das actividades na corte, desenvolverase un prototipo robótico autónomo para esa monitorización remota, recompilando datos ambientais (temperatura, humidade, calidade do aire); parametrización de actividade dos animais (tempo de movemento, sono, alimentación, rumia, condición corporal, interacción social) e  indicadores de rendemento, produción, benestar animal, sanidade,  etc).

Así mesmo, desenvolverase un software de xestión de granxas mellorado con interoperabilidade con múltiples provedores de maquinaria. Terá capacidade para integrar automaticamente datos de diferentes provedores de maquinaria agrícola e diferentes formatos de documentos, para proporcionar aos técnicos información detallada. Esta servirá para unha xestión técnica que poida brindar un mellor asesoramento, integrando nun único dispositivo toda a información necesaria para a toma de decisións (datos de produción de salas e robots de muxido, consumo de enerxía, escaneo detallado de documentos, etc).

Dentro do proxecto Smart Agri Hubs, a AGACAL, a través doutro dos seus centros de investigación, EVEGA, tamén participa no experimento número 21 en temas relacionados coa detección temperá de enfermidades na vide.

Máis información:
·         https://www.smartagrihubs.eu/flagship-innovation-experiments?region=iberia&sector=
·         http://www.ciam.gal/sp/index/?r=proxectos.detalle&id=352

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información