Silleda retoma as poxas de gando cunha baixada xeral dos prezos

A Central Agropecuaria de Galicia recuperou esta mañá a actividade presencial con menos de 500 animais. Tanto os becerros de recría coma o gando maior cotizaron á baixa. O porcino comeza a recuperar cunha suba dos leitóns

Silleda retoma as poxas de gando cunha baixada xeral dos prezos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co director da Central Agropecuaria, Ricardo Durán, durante a visita ás instalacións.

A Central Agropecuaria de Galicia – A Banca, en Silleda (Pontevedra), retomou esta mañá as poxas de gando vacún, despois de máis de 2 meses sen celebrarse, tras suspenderse con motivo do estado de alarma decretado o pasado 14 de marzo polo coronavirus. A primeira xornada celebrouse con novas medidas de seguridade sanitarias e sistemas telemáticos para reducir a presenza física no recinto e evitar aglomeracións.

Nesta primeira sesión, a afluencia de gando situouse nos 432 animais, lonxe do milleiro de animais que habitualmente reúne o mercado. Nesta nova etapa, unha das medidas de prevención afecta directamente ó gando que pode acceder ó recinto. Así, mentres dure a crise sanitaria o número máximo de cabezas de gando en cada sesión será de 1.320.

A xornada estivo marcada tamén pola tendencia xeral á baixa dos prezos, que afectou á maioría das categorías de gando vacún, tanto ós becerros como ás vacas. A comparativa coa última feira celebrada amosa unha clara depreciación do valor dos animais, e mesmo se se compara coas cifras que se manexaban nesta mesma semana hai un ano, a tendencia é tamén á baixa. No caso do porcino, que encadeaba varias semanas de caída dos prezos, houbo unha suba nos leitóns, mentres que o valor do porco cebado se estabilizou.

Baixadas no vacún

No caso dos becerros de recría de raza Frisoa a excepción veu marcada pola subida de 16 euros que rexistraron os animais de menos de 21 días, que se cotizaron a 99 euros, tanto os 10 machos que se contabilizaron como a única femia que se vendeu. Nos becerros de entre 21 e 50 días o prezo situouse en valores próximos ós que se manexaban hai 2 meses, só 1 euro por debaixo, quedando nos 111 euros. Os animais de máis de 50 días cotizáronse a un prezo medio de 144 euros, 7 menos que na última sesión.

Nas razas de cruces industriais a baixada foi máis acusada. Nos animais de menor idade, os de menos de 21 días, produciuse unha redución de 139 euros e o prezo medio situouse nos 195 euros. No caso dos becerros de entre 21 e 50 días houbo unha baixada de 57 euros e pasan a cotizarse a 265 euros. Nos animais de máis de 50 días a redución do prezo foi de 91 euros e colócanse nos 348 euros de media.

Nos becerros carniceiros a tendencia foi á alza. No caso dos machos de cruces industriais houbo un incremento de 29 euros e pasan a situarse nos 859 euros. Mentres, as femias cotízanse a 720 euros de media, tras unha redución de 10 euros. Os becerros frisóns acadaron esta mañá unha suba de 173 euros e pasan a situarse nun prezo medio de 656 euros.

No vacún maior a tendencia foi á baixa e a caída máis significativa produciuse nas vacas de primeira categoría que se cotizaron a un prezo medio de 997 euros, 90 euros por debaixo dos valores que acadaran na última sesión de comezos de marzo. Nas vacas de segunda o prezo foi de 708 euros e os animais de desvelle situáronse nun valor medio de 457 euros, en ámbolos dous casos tras unha baixada de 5 euros.

Prezos-Central-Agropecuaria-26-05-2020-Vacuno-CORRECTO

 

Suba dos leitóns

Nas mesas de negociación do porcino, que se estaban a celebrar de xeito telemático nos últimos dous meses, esta xornada estivo marcada por unha leve recuperación dos prezos nos leitóns, despois das drásticas caídas das cotizacións das últimas semanas. Unha subida de 2 euros en ambas categorías deixa o valor dos bacoriños de 20 quilos chegados dunha única granxa nos 50 euros, mentres que os que proceden de varias ganderías quedan nos 45 euros. O prezo medio é de 2,5 euros por quilo e de 2,25 euros, respectivamente.

O porco cebado repite cotización esta semana. Así, o selecto cotízase a 1,275 euros o quilo mentres que o normal queda en 1,250 euros. Nos animais de Canle II o prezo é de 1,623 euros e os de desvelle sitúanse entre 0,48 e 0,54 euros o quilo.

Mentres, na lonxa de Madrid o prezo do coello continúa sen cambios e mantense en 1,65 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-26_05_2020-porcino-

Visita de Rueda á Central

Esta primeira xornada de actividade na Central Agropecuaria contou coa visita do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que comprobou de primeira man como se retomaban as poxas. “A apertura hoxe do mercado do gando é unha boa nova, xa que se retoma unha actividade comercial que ten moito que ver coa reactivación do consumo, cos hábitos que tiñamos”, indicou Rueda durante a súa visita.

O vicepresidente tamén destacou a importante aposta polas novas tecnoloxías feita na Central, co obxectivo de reducir a presenza física de persoal no recinto. Así é que agora, e mentres dure a crise sanitaria, resulta obrigatoria a inscrición dos animais, ben sexa a través da páxina web da central, por correo electrónico ou por whatsapp. Ademais, mediante a aplicación TokApp como na web da central difundiranse os resultados de cada poxa en tempo real para reducir a afluencia. Dende a dirección da Central prevén manter de forma permanente esta difusión da información das poxas para axilizar a actividade do mercado e ofrecer unha resposta máis eficiente.

A recuperación da actividade na Central estivo marcada, ademais, pola incorporación de novos protocolos de seguridade e prevención para evitar os contaxios de coronavirus, seguindo tanto as indicacións das autoridades sanitarias como outras medidas postas en marcha dende a propia central. Así, segundo informaron dende a organización nun comunicado, todo o persoal contou con material de protección como máscaras, guantes e xel. Tamén se instalaron en varios puntos do recinto dispensadores de xel, elementos de protección e alfombras desinfectantes para garantir a seguridade dos traballadores e dos usuarios. Tanto os gandeiros como os tratantes que prefiran asistir de forma presencial ás poxas deberán cumprir coas indicacións sinaladas pola organización para circular polos pavillóns co gaio de evitar cruzamentos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información