Silleda comeza o ano con subas na recría frisoa e nos becerros carniceiros

A Central Agropecuaria de Galicia retoma a actividade con subas nos becerros frisóns de recría, nos carniceiros e no vacún maior. Mantéñense sen cambios o porcino e os ovos e o coello volve baixar

Silleda comeza o ano con subas na recría frisoa e nos becerros carniceiros

Animais na Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca reinicia a actividade, logo do parón do Nadal, cunha tendencia á suba en boa parte das categorías, tanto do gando de recría como no vacún maior. Tras suspender a actividade dende o pasado 17 de decembro, ó coincidir os seguintes martes coas celebracións do Nadal, a Central rexistrou este martes unha suba nos becerros de recría de raza Frisoa, nos carniceiros e nas vacas.

As mesas de porcino comezaron o ano sen variacións mantendo os mesmos prezos fixados a mediados de decembro. Tampouco houbo cambios nos ovos e o coello continúa a baixar na Lonxa de Madrid.

No referido ós becerros de recría de raza Frisoa rexistráronse subas en tódalas categorías. Nos animais máis novos, os de menos de 20 días acadaron un prezo medio de 63 euros, tras un aumento de 14 euros. Nos becerros de entre 20 e 50, a categoría máis numerosa e que nesta sesión contabilizou 243 animais, o prezo medio incrementouse en 15 euros ata os 83 euros. Os animais de máis de 50 días cotizáronse a 143 euros despois dunha suba de 59 euros.

As únicas baixadas de prezos da xornada no vacún producíronse nos becerros de cruces industriais. Nos becerros de menos de 20 días, o prezo baixou 12 euros ata situarse en 296 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días a baixada foi de 5 euros e pasaron a cotizarse a 341 euros. A redución máis destacada foi a dos animais de máis de 50 días, cunha baixada de 26 euros comercializáronse a un prezo medio de 393 euros.

Nos becerros carniceiros, as subas afectaron a tódalas categorías. Nos becerros de raza Frisoa o incremento foi de 120 euros para o único macho que se vendeu a un prezo de 661 euros. No caso dos becerros de cruces industriais, o incremento foi de 105 euros nos machos, que pasaron a cotizarse a 865 euros. Nas femias a suba foi de 227 euros para acadar os 846 euros.

O vacún maior tamén rexistrou este martes un incremento dos prezos. As vacas de primeira categoría foron as que maior suba experimentaron e tras un aumento de 70 euros acadaron os 1.144 euros. Nas vacas de segunda o prezo subiu 4 euros ata os 719 euros e nos animais de desvelle produciuse unha suba de 18 euros ata os 469 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-07_01_2020-Vacun-

Sen cambios no porcino e baixada no coello

En canto ó porcino, nas mesas de cotizacións acordouse manter os prezos para o porco cebado en case tódalas categorías. O porco cebado selecto e o normal sitúanse en 1,525 e 1,50 euros o quilo respectivamente. Pola súa banda, a categoría de Canle II cotízase a 1,948 euros o quilo. A única variación veu dada nos animais de desvelle, onde se produciu unha baixada de 0,05 euros situándose agora nun intervalo de 0,83 e 0,89 euros.

Tampouco houbo cambios nos prezos dos leitóns logo de encadear varias semanas con subas. Así, o bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa mantense nos 75 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 70 euros. O prezo por quilo é de 3,75 e 3,5 euros respectivamente.

Os ovos mantéñense tamén sen cambios e os prezos están do seguinte xeito: os ovos da categoría XL cotízanse a 1,46 euros a ducia, os da L a 1,33 euros, os da M acadan os 1,22 euros e os da S a 1 euro. O prezo das galiñas de desvelle continúa sen variacións, situándose entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Mentres, na Lonxa de Madrid, esta semana produciuse unha nova baixada do prezo do coello en 0,15 euros, de xeito que o quilo está a cotizarse a 1,65 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia--07_01_2020-Porcino-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información