Sete novos positivos de nematodo do piñeiro no sur de Pontevedra

A detección de novos casos no Porriño, Tui, Ponteareas e Salvaterra obriga a delimitar todo o sur da provincia de Pontevedra como zona demarcada da praga, na que se aplicarán medidas de control sobre os movementos de madeira

Sete novos positivos de nematodo do piñeiro no sur de Pontevedra

As liñas vermellas marcan a nova zona demarcada pola praga, os triángulos negros os puntos dos novos positivos e as manchas verdes os lumes do 2017.

A praga de nematodo do piñeiro está a expandirse no sur de Pontevedra en torno ós dous casos positivos que xa se detectaran no 2010 (As Neves) e no 2016 (Salvaterra de Miño). A Xunta confirmou hoxe a detección de sete novos positivos nun radio de 20 quilómetros ós casos anteriores. Afectan ós concellos do Porriño (4 positivos), Tui (1), Ponteareas (1) e Salvaterra do Miño (1).

Ante a expansión do problema, a Xunta optou por delimitar como zona demarcada da praga todo o sur da provincia de Pontevedra, na que haberá unha especial vixilancia das masas de piñeiros e un control dos movementos de madeira.

Preocupan 1.000 hectáreas de madeira queimada no 2017 pendentes de corta, pois son un foco de atracción para o insecto vector da praga

A praga do nematodo do piñeiro, moi extendida no centro e sur de Portugal, constitúe unha seria ameaza para os piñeirais, pois o nematodo, un gusano microscópico, provoca un serio decaimento das árbores, causando a súa morte.

A transmisión do nematodo realízase por medio dun insecto vector, o ‘Monochamus galloprovincialis’, que presenta unha especial querencia polos piñeiros secos ou decaídos. Esta circunstancia obriga á eliminación de todas as árbores con síntomas de debilidade na zona demarcada.

Control das árbores decaídas
Os propietarios son os responsables en primeiro termo da eliminación dos pés sintomáticos, pero na práctica a propia Administración estase encargando todos os anos da corta das árbores decaídas por medio dun contrato coa empresa pública Tragsa. O escenario actual no sur de Pontevedra é pouco alentador, pois hai milleiros de hectáreas afectadas polos incendios de outono do 2017 e aínda queda madeira queimada no monte pendente de extracción.

A Xunta calcula que no último ano talou no sur da provincia unhas 7.000 hectáreas afectadas polos lumes en montes veciñais que teñen convenios coa Administración, pero estima que aínda quedan unhas 1.000 hectáreas sen cortar de propietarios particulares ou comunidades de montes. A corta e saca de toda esa madeira do monte, en consenso cos propietarios, é unha das prioridades que se marca a Administración.

Radio de 100 metros ós positivos
Tras a declaración dos novos sete positivos, o primeiro paso a afrontar será a eliminación de todas as árbores que están nun radio de 100 metros ós puntos nos que se detectaron os positivos. Dado que dous dos positivos estaban moi próximos, optouse por fixar cinco puntos de eliminación e destrucción do arborado nun radio de 100 metros: 2 no Porriño, 1 en Tui, 1 en Ponteareas e 1 en Salvaterra do Miño.

A Xunta daralle de prazo ós propietarios ata o 1 de abril para executar eses traballos. De non facelos, será a Administración a que se ocupe.

A Consellería do Medio Rural mantivo esta mañá unha reunión cos alcades da zona e con representantes dos propietarios forestais para trasladarlles o novo escenario. A declaración de todo o sur da provincia de Pontevedra como zona demarcada obrigará a extender a vixilancia dos piñeirais, o muestreo de árbores -en busca de posibles positivos-, e o trampeo do insecto vector da praga, o ‘Monochamus galloprovincialis’.

Cortas e movementos de madeira
A segunda consecuencia da zona demarcada é que toda a madeira de piñeiro que se corte terá que ser transformada e tratada na propia zona antes da súa saída. Esta situación obriga a todos os aserradoiros do sur da provincia a dotarse de cámaras de tratamento térmico -en caso de non telas-, pois a normativa obriga a que a madeira se someta a un tratamento de 56º centígrados durante 30 minutos.

A única boa noticia para o sector forestal é que as cortas de madeira poderán seguir facéndose con normalidade ao longo de todo o ano, pois a Xunta decidiu non prohibir as cortas durante o periodo de voo do insecto vector de praga, de abril a outubro, como si fixera tras a detección do primeiro positivo do 2010.

Concellos na zona demarcada
Os concellos que quedan total ou parcialmente incluídos na zona demarcada son os seguintes: Arbo, Baiona, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Melón, Mondariz, Mondariz- Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Redondela, O Rosal, Tomiño, Tui, e Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información