Sete gráficas que explican os retos do leite galego

O prezo do leite ao longo de toda a cadea de valor volve a primeiro plano pola crise xeral do agro. Analizamos o escenario ó que se enfronta ó sector

Sete gráficas que explican os retos do leite galego

A crise xeral de prezos no agro volve poñe-lo foco na situación da cadea de valor do leite. Desde as organizacións agrarias céntranse os retos en dous puntos: gañar valor para o leite ao longo de toda a cadea, desde o campo ao supermercado, e reducir as importacións de queixos, deixando máis espazo para a produción estatal.

Analizamos o escenario no que está o sector lácteo a partir de 7 gráficas, extraídas do último informe do Centro Tecnolóxico Alimentario (Cetal), con sede en Lugo.

1. Evolución dos prezos dos produtos lácteos en granxas, industrias e cadeas de supemercados

comparativa cadena

A gráfica amosa coma ao longo dos últimos anos o prezo do leite experimentou unha lixeira mellora na granxa e á saída da fábrica, en tanto os supermercados camiñaron en sentido contrario, abaratando os produtos lácteos. Esta tendencia confirma unha das queixas que se veñen transmitindo por parte das industrias: é complicado trasladar os aumentos de prezos no campo ó consumidor. Xa que logo, está sendo a competencia entre supermercados, co leite como produto reclamo, un factor que distorsiona a todo o sector?

2. España afástase das tendencias europeas de prezos na granxa

prezos europa boa

As industrias lácteas manteñen en España uns prezos en orixe que nos últimos anos aumentaron o seu diferencial coa media europea, como se aprecia na gráfica, que reflicte os prezos ata outubro do 2019. Por que en Francia Lactalis comprometeu subas dun 7,5% o pasado outono e en Galicia está a ofrecer un 1,5% para os novos contratos anuais?

3. Galicia, á cola dos prezos pagados en España

galicia e resto

Galicia está a dez puntos de diferencia do prezo do leite pagado en comunidades como o País Vasco ou Asturias. É a última comunidade da Península en valor do leite, unha situación que se repite mes a mes nos últimos anos. Que se pode facer para saír do posto de pechacancelas?

4. O tamaño da granxa non sempre explica os prezos en orixe

tamaño

Asturias, con granxas de menor tamaño que as galegas, sitúase case á cabeza de España en prezo do leite. Cataluña, con granxas de gran tamaño, está pouco por riba de Galicia.

5. A taxa de autoabastecemento de leite, outro factor a ter en conta, pero tampouco decisivo

autoabastecimiento

O peso do sector cooperativo en Asturias semella explicar o porqué logran mellores prezos na granxa incluso tendo factores que en teoría as penalizan, como o tamaño das ganderías ou o grao de autoabastecemento en leite da comunidade.

6. Grandes produtores europeos excedentarios en queixo

estrutura industrial

Unha queixa recurrente do sector queixeiro galego é a entrada de queixos de Centroeuropa a baixos prezos, o que dificulta a competitividade da produción española. A gráfica amosa como algúns dos países de referencia para España, como Francia, Alemania ou Holanda, adican máis da metade do seu leite a queixos. España mantén a fortaleza dun gran consumo de leite líquido, coma Portugal ou Gran Bretaña, pero cústalle gañar peso nos derivados.

7. Aumento do peso das importacións de queixo

Importaciones

Tralo fin das cotas, o sector lácteo español conseguiu que os seus aumentos de produción se traducisen en menores importacións de leite líquido. Pero como España segue a ser un país deficitario en leite, onde se consume máis do que se produce, seguen entrando importantes cantidades de lácteos no país, agora fundamentalmente a través de queixos, que representan máis do 40% do total das importacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información