Ses e De Vacas, cabezas de cartel do III Festival do Leite

Dez bandas galegas ou ligadas a Galicia intervirán na terceira edición do Festival do Leite, que se desenvolverá na illa das Esculturas de Pontevedra o sábado 15 de setembro

Ses e De Vacas, cabezas de cartel do III Festival do Leite

Presentación do Festival do Leite no Concello de Pontevedra.

O Festival do Leite desvelou esta mañá o cartel da súa terceira edición, que se desenvolverá o 15 de setembro na illa das Esculturas de Pontevedra. O programa do Festival presentouse no Concello de Pontevedra nun acto no que participaron o coordinador de Deleite Galego, marca promotora do Festival, Pedro González; a concelleira Carmen da Silva, o debuxante Luis Davila e o produtor técnico do evento, Manuel Tarrío.

O Festival do Leite contará con dez bandas galegas ou ligadas a Galicia, así como cun programa de actividades infantís. Encabezan o cartel Ses, De Vacas, Triángulo de Amor Bizarro e a banda The Limboos -ligada a Galicia por parte dos seus integrantes-. Completan o programa Bifannah, Disco Las Palmeras, The Soul Jacket, La Casa de los Ingleses, Cora V, Gold & Colt e Carlangas Dj (o líder de Novedades Carmiña).

Haberá tamén actividades para os máis pequenos con María Fumaça, A Gramola Gominola e o debuxante Luis Davila.

O Festival do Leite é un evento musical que naceu hai un par de anos da man de Leite Noso, unha sociedade propiedade de gandeiros galegos que envasa coas marcas Deleite e Muuu. O obxectivo de Deleite co Festival é dobre. Búscase poñer en valor a importancia do sector lácteo para Galicia e á vez apoiar á música feita en Galicia, gran protagonista do evento.

A entrada ó Festival, como en anos anteriores, é de acceso libre. O evento desenvolverase ao longo de todo o día e haberá postos de comida no Festival para quen queira pasar alí toda a xornada. Desde Deleite agradeceuse na presentación de hoxe a colaboración do Concello de Pontevedra co Festival do Leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información