‘Señor Feijoo, feitos e promesas’

A plataforma Queremos Parcelarias, de Agolada (Pontevedra), expresa neste artigo de opinión o seu descontento co presidente da Xunta polo bloqueo das parcelarias aprobadas hai máis dunha década nas parroquias da ribeira do Ulla

‘Señor Feijoo, feitos e promesas’

Imaxe dunha mobilización de Queremos Parcelarias ante a Xunta, o verán pasado. / Arquivo.

Na miña época de estudante de B.U.P na laboral “Cruceiro Baleares” de A Coruña o Sr Faraldo, gran mestre, explicounos á clase a “importancia dos feitos e a forma de levalos a cabo, e a precaución que debemos ter a hora de valorar as promesas”. Fíxoo contándonos unha anécdota que vivira el sendo Director da laboral.

Un político celebrou un encontro con xente da 3ª idade no salón de actos da laboral (máis de 700 persoas, a rebentar) sobre algo de máxima importancia para os intereses dos xubilados. O Dr tivo que sentar ao carón do político e de reollo tentaba seguir o discurso del (seguro que escrito por alguén experto en comunicación).

A sorpresa para o Sr Faraldo foi cando o pasar unha nova páxina, o político, viu como no medio do folio estaba escrito en maiúsculas grandes e vermello “EMOCIONARSE”. A partir dese intre o bo do político empezou a subir o ton do discurso ata chegar ao “climax”, no momento que se acercaba a palabra máxica “EMOCIONARSE”, ao mesmo tempo que comezaba a caer algunha bagoa dos asistentes e todos comezaron a aplaudir como se lles fose a vida niso.

Isto sucedeu fai 36 anos, pero a min recórdame a discursos moi recentes, “polo meu amor a Galicia”, “porque senón isto vaise a pique”… e recórdame o que sucedeu no meu Concello, Agolada, por exemplo coas concentracións paralizadas que 800 afectados reclamamos que se reinicien e se rematen.

Sr Faraldo: “…o importante son os feitos…”.

Aí van os que fixeron en Agolada.
• 2002. Recóllense as primeiras sinaturas para pedir as concentracións. O Alcalde Costa e o PTE Fraga cría que eran imprescindibles.

• 2004-2005. O bipartito considéraas de primeira necesidade. Lévanse a cabo as DIAs, as medicións de fincas e apróbanse as declaracións de impacto medioambiental; finais de 2009 850.000€ gastados. 5 anos de traballo.

• 2010. Feijoo paralízaas pola crise.

• 2015. 3 persoas temos unha conversa coa ex-conselleira de Medio Rural (Ánxeles V) e co ex-alcalde Ramiro Varela para pedir que se reinicien.

• 2017. Ante a ausencia de novas, creamos un primeiro grupo de afectados e acudimos a varios plenos. Pedimos unha xuntanza con responsables da Consellería 7 de Novembro do 2017.

• Primavera do 2018. Primeira reunión co Sr Dubois, Director Xeral de Medio Rural. Pídennos unha nova recollida de firmas (innecesaria).

• Maio e Xuño do 2018 metemos por rexistro 800 firmas de afectados, o que representa o 98%, os cales solicitan con urxencia o reinicio dos traballos.

• Xulio do 2018. Rexístranse na Xunta.

• Outubro de 2018. Constitúese a Asociación Queremos Parcelarias. Invitamos ao Concello a todas as reunións, non acudiu a ningunha.

• Outubro 2018 – Xaneiro 2019. Reunímonos cos veciños de todas as parroquias.

• 2 de Marzo de 2019. (2 meses despois do prometido) Volve o Dr Xeral Sr Dubois e o conselleiro de Medio Rural.
Dubois, no auditorio, pola maña, diante de 260 afectados, di : “saiban vostedes que vou cobrar o mesmo faga as parcelarias en Agolada ou non; e cantas menos, menos problemas.”

A tarde o Conselleiro: “calculo sacar este año el decreto para las parcelarias de Agolada.”

• Primavera 2019. Remitimos 2 estudos completos con proxectos de primeiro nivel e apoio de 4 empresas que xeran 26 postos de traballo directo nesas parroquias apoiando as nosas peticións.

• Outono 2019. Lévase 2 veces ao Parlamento Galego a proposta para decretar os 2 procesos. Todos os votos do resto de partidos a favor, votos do P.P en contra.

• 21 de Novembro do 2019. Ante a ausencia de resposta da Consellería e despois dun aprazamento, concentrámonos en Santiago diante da Consellería.

• 21 de Novembro do 2019. O conselleiro e o Dr Xeral reciben a 4 representantes dos 800 afectados, comprometéndose a facer unha modificación puntual para que non caduquen as DIAs, e que nos pasarán as actas de resolución. A día de 26/02/2020 temos 0 notificacións.

• 4 de Febreiro do 2020. Ante o silencio da Xunta enviamos sendos escritos as Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente pedindo as actas de resolución que garantan a validez das DIAs. A 26/02/2020 a Asociación segue sen recibir contestación.

Sr Feijoo, as promesas están ben, emocionarse falando do campo e de Galicia queda ben, pero os feitos son estes e son incontestables.

No 2009 tiñamos 2 procesos de concentración en 8 parroquias ( toda a Ribeira do Ulla) activos, no 2020 non temos nada.

Sr Feijoo é de extrema gravidade que a xunta deixara sen gastar no período 2010-2015 60.000.000€ dos fondos europeos de desenvolvemento rural, e que 800 afectados tivésemos todo paralizado desperdiciando o sacrificio dos noso proxenitores. Podíanse ter rematados 10 procesos como os de Agolada. Por que Sr Feijoo? Por que a Xunta tiña que gastar en 5 anos 14.000.000 € para poder gastar os procedentes de Bruxelas. O campo galego non merecía un esforzo do 0,028% de cada presuposto anual?.

Sr Feijoo se quere ter un mínimo de dignidade con estes 800 afectados, deixe decretadas as concentracións de Agolada antes das eleccións.

Así Sr Feijoo, non se defende Galicia.

Asdo. Asoc Queremos Parcelarias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información