Sementar microorganismos, novos socios para os cultivos

A incorporación ó solo de microorganismos beneficiosos para os cultivos permite mellorar a dispoñibilidade e absorción de nutrientes. Ensaios de Alltech en millo en Galicia demostran unha maior uniformidade das mazorcas

Sementar microorganismos, novos socios para os cultivos

Ensaio realizado por Alltech. As plantas da parte superior da imaxe, cunha raíz menos desenvolvida, son as testemuñas. No solo das inferiores aplicouse 'Soil set aid'. / Imaxe: Alltech.

A nutrición convencional dos cultivos centrábase ata o de agora na aportación de xurros, estercos e/ou fertilizantes químicos, se ben está a aparecer un novo factor que se demostra clave na produtividade, a microbioloxía do solo. Son xa numerosas as investigacións que nos últimos anos afondaron no papel dos microorganismos na dispoñibilidade de nutrientes e na súa absorción polas plantas. En Galicia e no occidente de Asturias, Alltech desenvolveu con éxito ensaios en millo forraxeiro.

“En calquera solo hai microorganismos beneficiosos e patóxenos para os cultivos. O obxectivo debe ser favorecer os beneficiosos e minimizar os patóxenos” -explica Henrique Prado, técnico de Alltech.- “Hai identificados microorganismos que favorecen o crecemento das raíces, o que ten importancia sobre todo en millo de secano; microorganismos que neutralizan compostos tóxicos e aumentan a inmunidade da planta ou microorganismos que melloran a dispoñibilidade de nutrientes”, detalla Prado, que abordou esta cuestión nunha ponencia da reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, celebrada recentemente en Lalín.

Efectos positivos
Cales son eses novos socios dos agricultores? Entre os de maior interese figuran as pseudomonas, que solubilizan o fósforo e potasio do solo, facendo máis dispoñibles estes nutrientes para as plantas; así como as Azotobacter sp., que fixan nitróxeno da atmósfera no chan. Outros axentes, como o Trichoderma sp., contribúen a arrinconar patóxenos, caso dos do xénero Fusarium predominante nos solos galegos.

A mellora do solo repercute na regularidade do tamaño das mazorcas (Parte superior).

A mellora do solo repercute na regularidade do tamaño das mazorcas (Parte superior).

Estes microorganismos beneficiosos poden estar presentes de xeito natural no chan, de feito Prado considera moi posible que de cara ó futuro as análises de solo inclúan un estudo da microbioloxía, pois o seu impacto na produtividade estase a demostrar clave.

Cómpre, por tanto, ter en conta que a degradación do solo penaliza á microbioloxía. Factores como a erosión, a compactación ou a aplicación de fitosanitarios perxudican ó agrobioma do chan, segundo suliña Henrique Prado.

O propio agricultor pode tamén mellorar as condicións do solo, incorporando microorganismos que beneficien ós cultivos. “Este tipo de tecnoloxías é especialmente amigable con solos altos en materia orgánica, como son os galegos”, valora o técnico de Alltech.

Ensaio en millo
Diferentes ensaios levados a cabo en Galicia demostraron o efecto positivo de determinadas solucións microbiolóxicas baseadas na tecnoloxía de fermentación de Alltech (‘Impro Grain’, ‘Soil set aid’). “Entre o estado V3 e V6, cando o millo está entre o xeonllo e a cintura, é cando se define o tamaño de mazorca. Situacións de stress que sufra entón a planta, como secas, aplicacións de herbicidas de contacto, falta de sol ou outros poden levar a unha merma das mazorcas e polo tanto, da produción”, explica Henrique Prado.

“Situacións de stress, como secas, aplicación de herbicidas ou outros factores poden levar a unha merma das mazorcas”

A aplicación destas solucións á planta, comprobouse eficaz para afrontar este tipo de situacións de stress, segundo os ensaios de Alltech. “Principalmente conseguimos unha mellora do número de filas de grans de cada mazorca e do número de grans de cada fila”, conclúe o técnico de Alltech.

O efecto da aplicación dos aditivos biotecnolóxicos logrou ademais unha maior uniformidade das mazorcas e un maior desenvolvemento das raíces das plantas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información