Seis casos de éxito na incorporación ó agro

Persoas que iniciaron a actividade en diversos sectores agrarios contan a súa experiencia nunha xornada de Agaca dirixida a orientar a futuros produtores

Seis casos de éxito na incorporación ó agro

De esquerda a dereita, Rafael Caamaño, Xosé García, Xoán Allegue, Higinio Mougán (moderador), Javier Cabrera, Román Torres e Alberto Amil, nas xornadas de Agaca.

Coa posta en marcha o pasado ano do novo Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020, cofinanciado con fondos europeos, reactiváronse as axudas para a incorporación de persoas mozas ó agro. Foron máis de 600 as que lograron axudas no 2016 e para este ano agárdase que haxa alomenos outras tantas.

Co fin de orientar a posibles emprendedores agrarios, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e a Obra Social La Caixa veñen de celebrar unha xornada en Santiago na que se presentaron seis casos de éxito de persoas que se incorporaron ó agro.

Xoán Allegue. Viticultor

“É importante traballar nalgo que a un lle gusta e ser o teu propio xefe”

Xoán Allegue, viticultor e na actualidade vicepresidente da adega cooperativa Martín Codax, chegou ó mundo do viño dun xeito inesperado. El naceu en Ferrolterra, estudou Filoloxía Galega e comezou a exercer de profesor, sen ter ata daquela ningunha vinculación co agro. Traballando no Salnés, onde a familia da súa muller tiña viñedos, xurdiulle a oportunidade. O seu sogro xubilábase e el propúxolle á familia facerse cargo da xestión dos viñedos.

“Se alguén me preguntase se volvería facelo, volvería facelo agora mesmo”

Así foi. Iniciaron a actividade con 2 hectáreas e hoxe teñen 7 hectáreas, parte en propiedade e outra parte en alugueiro. O pasado ano, a explotación facturou 100.000 euros brutos.

Xoán declárase satisfeito do cambio que lle dou a súa vida ó incorporarse ó agro. “Hai que ter a oportunidade e atreverse a facelo” – sinala-. “Se alguén me preguntase se o volvería facer, volvería facelo agora mesmo. Unha persoa que traballa nunha empresa dáse de conta do que significa poder levar ós fillos á escola, quedar na casa cando están enfermos… e traballar tamén, pero traballar nalgo que che guste”.

O feito de formar parte da adega cooperativa Martín Códax é outra das cuestións que Xoán sinala como fundamental. “Pódemonos centrar na nosa parte, na produción da uva, tendo resolta a súa comercialización. Se non, non podería ser”, valora.

Alberto Amil. Horta

“Calquera sector, traballando con ilusión e formación, é viable”

Alberto Amil comezou a traballar a horta ós 25 anos, logo de ter experiencia noutros sectores. Na súa familia non vían esa idea con moi bos ollos, pois pensaban que se trataba dun traballo sacrificado e con pouco futuro. Alberto iniciouse cun primeiro invernadoiro de 2.500 metros cadrados e hoxe en día, 15 anos despois, xestiona 15.000 metros cadrados de invernadoiros e 8.000 metros ó aire libre.

Asistentes á xornada 'Incorpórate', de Agaca.

Asistentes á xornada ‘Incorpórate’, de Agaca.

“Calquera sector, querendo traballar con ilusión, é viable, sexa horta, viña ou leite. Para min, unha das claves é a formación. En Galicia, na horta poucas explotacións grandes hai, así que se queremos aprender, temos que ir a Almería”, sinala.

Outra das cuestións que apunta como necesaria para un emprendedor no agro é a mentalidade empresarial. “Se se quere vivir disto, hai que investir. Hai xente que monta un invernadoiro de 1.000 ou 2.000 metros e con esa dimensión é difícil ver rendabilidade. Para facer iso, é mellor non facer nada”, opina.

Alberto está integrado na cooperativa Horsal, da que é presidente, e tamén destaca a importancia da cooperativa á hora de ter garantida a comercialización de toda a produción, así como o asesoramento e formación que proporciona.

Javier Cabrera. Resina

“Galicia pode chegar a ter ata 10.000 resineiros”

Javier Cabrera ve no aproveitamento da resina un futuro para os piñeirais galegos. De orixe catalán, Javier montou en Galicia unha empresa, Resega Montes, para ofrecer servizos forestais e para valorar as posibilidades da resina. Este ano está facendo probas cun novo método de extracción que consiste na electroestimulación mediante mantas eléctricas. O obxectivo do proxecto, no que colabora Agaca, é sacar maiores rendementos de cada árbore, sen afectar á madeira.

“Galicia podería chegar a ter ata 10.000 resineiros traballando no monte, encargándose cada un da xestión de 5-7 hectáreas, tendo o monte limpo e contribuíndo á prevención de lumes”, destaca.

Relevo xeneracional en tres explotacións lácteas

xornadas agaca higinio

Casa da Fonte (Pantón, Lugo)
Xosé García Freire é un enxeñeiro agrónomo que colleu o relevo na granxa familiar, dándolle un xiro á liña de traballo da explotación. Dado que os animais están en extensivo todo o ano, Xosé decidiu incorporar unha sala de muxido móbil para evitarlle desprazamentos ás vacas e aforrar tempo de traballo.

A explotación, socia da cooperativa Lemos, conta na actualidade con 56 cabezas, que pastan en 60 hectáreas, e está no proceso de conversión a ecolóxico. O muxido faise unha vez ó día e outra peculiaridade da granxa é que traballa con monta natural e con agrupamento de partos.

O pasado ano, Casa da Fonte comezou tamén a transformar unha parte da súa produción, que se vende como leite enteiro, desnatado, iogures e queixos. De cara a este ano, tamén quere sacar xeados.

Gandería Xirome (Rois, A Coruña)
Rafael Caamaño estudou dous ciclos superiores relacionados coa gandería e co sector forestal antes de incorporarse á explotación familiar, que quere convertir nun modelo de manexo, benestar animal e rendibilidade.

A explotación familiar conta con 60 vacas que producen na actualidade uns 30-32 litros de media. Rafael márcase o obxectivo de chegar ós 38 litros de media. Do traballo no campo, o gandeiro sinala que “ten que gustar” e destaca tamén que “ten futuro”, sempre que se xestione dun xeito empresarial.

Gandería Xirome é unha explotación socia de Feiraco, cooperativa da que recibe asesoramento. Convencido de que o asociacionismo é unha vía axeitada de traballo, Rafael buscou asociarse con outras explotacións da súa zona para traballar en conxunto, se ben o proxecto non saíu finalmente adiante. “O complicado é dar coa persoa axeitada, coa que compartas unha idea de traballo común”, valora.

Sat Casa Román (Castroverde, Lugo)
Román Torres incorporouse no 2003 á explotación familiar, que foi medrando ata chegar a unha produción prevista para este ano de 1,8 millóns de litros. A explotación, socia de Agris, traballa 66 hectáreas, das que 43 son en propiedade. O último ano cultivou 25 hectáreas a millo, 4 a xirasol, herba e trevo como superficie de interese ecolóxico, a efectos da PAC. Tamén xestiona 19 hectáreas de pastizais comunais.

Das tarefas do campo encárgase unha empresa especializada, en tanto o traballo na granxa está previsto que se reparta este ano entre 5 persoas. A liña de traballo da granxa céntrase en practicar un manexo profesional do gando, con persoal especializado e que goza das correspondentes quendas de descanso, como en calquera outro traballo.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, interviu na parte final do acto.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, interviu na parte final do acto.

Dificultades comúns no acceso a terras

O acceso a terras para aumentar a base territorial das explotacións é un dos problemas comúns ós que se enfrontan os produtores. Aproveitando a chegada da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, á clausura do acto, Rafael Caamaño sinalou a necesidade de políticas públicas para favorecer o acceso á terra. “O terreo está diseminado, as fincas son pequenas e hai competencia entre as granxas para ver quen o colle. Outro problema é que ves que están plantando eucaliptos á beira, en tanto ti tes que estar traballando fincas nos cotos”, cuestionou.

“Ves que están plantando eucaliptos á beira, en tanto ti tes que estar collendo fincas nos cotos” (Rafael Caamaño)

A conselleira, pola súa banda, asegurou que Medio Rural aposta pola agricultura e a gandería alí onde perduran explotacións. “Hai sitio para o eucalipto, pero o que asenta en realidade a poboación é a xente que está traballando directamente”, valorou. Tamén houbo peticións de maiores apoios ás persoas que se incorporan a sociedades nos anos seguintes a súa incorporación.

O problema da terra no Salnés, para as explotacións de viña e horta, é aínda máis extremo polo minifundio e a falta de superficies dispoñibles. “As parcelas alí son máis caras que se estivesen na praza do Obradoiro”, comparou Xoán Allegue. Tanto Xoán como Alberto optan en xeral polos alugueiros de terras, aínda que tampouco é sinxelo. “Hai que insistir moito e terquear”, contan.

Dos casos presentados nas xornadas, a maior facilidade no acceso a terras dáse en Pantón. “Traballamos fincas de catro parroquias e somos a única granxa da zona. Temos terras en lista de espera” -destaca Xosé García.- “Pero todo ten a súa explicación. Alí os veráns son de máis de 40 graos e os invernos baixo cero. A nivel de pastos, non é unha zona moi produtiva”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información